Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xuño de 2026

A rúa Santa Catalina albisca xa a súa nova imaxe, cun pavimento renovado e a incorporación de máis árbores ás portas dos Cantóns

En paralelo, o Concello avanza coas obras de remodelación previstas na contorna de praza de Mina, acceso principal ao Cantón Pequeno

O Concello avanza coa folla de ruta prevista nos Cantóns, onde proseguen as obras de remodelación xa con traballos sobre o terreo entre Sánchez Bregua e a praza de Mina, acceso principal ao centro da cidade.

En paralelo, continúan as actuacións que xa permiten albiscar parte da nova imaxe dos Cantóns e a súa contorna. É o caso da rúa Santa Catalina, onde días atrás remataron as tarefas de renovación do pavimento no seu sector sur, superficie que pasa a ser peonil para, desta forma, manter un percorrido ininterrompido a pé desde a praza de Mina.

A disposición das lousas completouse antes da fin de semana e, xa hoxe, luns, o Concello deu un paso máis no plan de traballos en Santa Catalina, co inicio da plantación de cinco novas árbores ao longo deste treito. Todas elas son exemplares de carpe branco (Carpinus betulus): catro, a carón da Fundación Barrié; e unha, no cruzamento con Durán Loriga.

Estas cinco novas árbores súmanse ás xa dispostas noutros puntos dos Cantóns onde as obras están nunha fase máis avanzada. Por exemplo, na rúa Alcalde Manuel Casás ou no Obelisco, onde a mediados de abril se plantaron catro novas faias vermellas na contorna do monumento, faias que acompañarán unha árbore histórica deste enclave: o metrosidero.

A alcaldesa, Inés Rey, valorou o bo ritmo dos traballos nos Cantóns, unha obra que, pola súa ampla área de actuación -desde o acceso á Mariña ata a praza de Mina-, está a executarse por fases, co obxectivo de minimizar as afeccións de mobilidade.

"Tarefas como a colocación do mobiliario urbano, a adecuación das áreas verdes e a plantación de arboredo sempre se dan nunha fase máis adiantada, tras as obras de máis envergadura, como as das infraestruturas. E, no caso dos Cantóns, a medida que imos avanzando cara á praza de Mina xa se está deixando ver parte da nova imaxe da zona. Por exemplo, en Santa Catalina", indicou a rexedora.

Inés Rey agradeceu a paciencia e comprensión da cidadanía durante o desenvolvemento das obras: "Somos conscientes de que poden xerar molestias, mais a idea que temos en execución formulouse para manter a circulación e o tránsito nos Cantóns sen interrupcións, a medida que avanzamos no conxunto da zona. A bo seguro, no futuro saberemos valoralo".

Neste sentido, estes días tamén se está a avanzar nos traballos correspondentes ao novo elevador que conectará o aparcadoiro dos Cantóns coa superficie peonil. Actualmente, os operarios están inmersos no encofrado da estrutura nos andares inferiores.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión