Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de agosto de 2015

Comeza FamiliRúa, o festival de artes escénicas na rúa para todos os públicos

Danza, maxia, teatro ou narración oral percorrerán distintos barrios da cidade desde o luns 10 até o día 29 de agosto



O Concello da Coruña presenta FamiliRúa, un festival de artes escénicas en rúa dirixido a todos os públicos. Xogos populares, narración oral e espectáculos de maxia, teatro, circo e danza forman parte desta nova proposta para as festas de María Pita que visitará desde mañá, luns 10 de agosto, até o sábado 29, distintos barrios da Coruña.

FamiliRúa comezará na Praza de España, para despois visitar Sagrada Familia, Praza de Lugo, Los Rosales, Praza das Conchiñas, Parque de Oza, Praza Pablo Iglesias, Mariñeiros, Paseo das Pontes, Barrio das Flores e Novo Mesoiro. O festival, que comezará todos os días ás 19.30 horas, busca revitalizar os barrios desde un punto de vista cultural, familiar e comercial a través de oito espectáculos: Encontros, de Lusco e Fusco; Pindirico Show, de Dinamo Teatro; Menú de contos, de Charo Pita; O ladrón de bibliotecas, de Ó Titiribaile; Serán con tradición, de Artestudio Teatro; Ilusionarte, do Mago Marttyn; Historias dun ilusionista, do Mago Rafa; e A orixe, de As Dríadas.


Entre as distintas propostas artísticas destaca Serán con tradición, unha actividade de Artestudio Teatro que mistura a peza de narración oral O avó, na que se traballa a importancia de escoitar e aprender dos maiores, e un obradoiro de xogos populares onde as e os participantes gozarán cos xogos de antano.  A narración oral tamén contará con outros dous espectáculos: Menú de contos, no que Charo Pita levará unha serie de contos para contar e, como en calquera almorzo en restaurante, os convidados, coa axuda da narradora, irán escollendo historias do menú; e O ladrón de bibliotecas, de Ó Titiribaile, que descubrirá as e aos pequenos os misterios que ocorren cada día ao peche dunha biblioteca pública.

Outra das actividades será Encontros, un espectáculo de Lusco e Fusco premiado no Festival TAC de artes de rúa de Valladolid no que o teatro físico, a danza, e o circo mistúranse para crear un código propio de expresión. Trátase dunha montaxe ecléctica que amosa un xeito de relacionarse a través do corpo poñendo o corpo ao servizo das emocións, a danza e o circo ao servizo da dramaturxia, e a comedia ó servizo do público. O circo tamén será protagonista en Pindirico Show, de Dinamo Teatro, onde unha peculiar familia que vive no ?pindirico? dun monte amosará o seu circo as e aos cativos ateigado de grandes atraccións.

A maxia contará con dous espectáculos, Ilusionarte, do Mago Martty; e as Historias dun ilusionista,  do Mago Rafa. Dous actividades dunha hora de duración dirixidas ás familias e con maxia para todos os gustos e idades.

Finalmente a danza moderna contará cun importante espazo en FamiliRúa con A orixe, de As Dríadas, un espectáculo dinámico e didáctico que percorre a historia do hip hop dende os seus inicios en New York, nos anos 60, até a actualidade. Dúas bailarinas, a través de distintas coreografías, atrezzo e expresións teatrais e xestuais, amosarán ao público a gozar e entender este estilo musical.

O Festival FamiliRúa completa a programación das artes escénicas de María Pita 2015, xunto a Transcénica, Campo Magnético, Festival Manicómicos e Os Títeres das Bárbaras.


Programa de FamiliRúa
(Todos os espectáculos comezarán ás 19.30 horas)

10 de agosto. Praza de España: Pindirico Show, de Dinamo Teatro.  Se chove, no Colexio Grande Obra de Atocha.
11 de agosto. Sagrada Familia: Ilusionarte, do Mago Marttyn. Se chove, no CC Sagrada Familia.
12 de agosto. Praza de Lugo: Encontros, de Lusco e Fusco. Se chove, na Biblioteca Municipal Durán Loriga.
13 de agosto. Los Rosales: Pindirico show, de Dinamo Teatro.  Se chove, no centro cívico.
14 de agosto. Praza das Conchiñas: Menú de contos, de Charo Pita.
17 de agosto. Parque de Oza. Serán con contos, de Artestudio Teatro. Se chove, no CC de Monelos.
18 de agosto. Parque Europa: O ladrón de bibliotecas. de Ó Titiribaile. Se chove, no Fórum Metropolitano.
19 de agosto. Praza Pablo Iglesias: Encontros, de Lusco e Fusco. Se chove, no CC Castrillón.
20 de agosto. Mariñeiros: A orixe, de As Dríadas. Se chove, no Ágora.
21 de agosto. Paseo das Pontes: Serán con contos, de Artestudio Teatro. Se chove, no frontón de Riazor.
22 de agosto. Barrio das Flores: A orixe, de As Dríadas. Se chove, no pavillón de deportes.
29 de agosto. Novo Mesoiro: Historias dun ilusionista, do Mago Rafa.  Se chove, no centro cívico.


Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión