10 de abril de 2015
A exposición, que poderá visitarse no Aquarium Finisterrae ata o 30 de xuño, recolle as fotografías de 13 autores coruñeses en localizacións como restaurantes da cidade, a lonxa ou os mercados municipais
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a exposición fotográfica Perseguindo a Mr. Goodfish, acompañada pola directora do festival Marea Alta, Silvia Oviaño, o xefe de Servizo dos Museos Científicos, Ángel Loureiro, o director técnico do Aquarium Finisterrae, Francisco Franco, e o comisario da mostra, Xabier Quintana.
A exposición, que poderá visitarse ata finais do mes de xuño no Aquarium Finisterrae, está formada por 70 fotografías de 13 fotógrafas e fotógrafos que participaron na Quedada Fotográfica Perseguindo a Mr. Goodfish, realizada no marco do Festival Marea Alta o pasado mes de setembro, co obxectivo de conectar os amantes da fotografía co proceso que segue o peixe dende o mar ata o prato para sensibilizar a sociedade sobre o consumo responsable das mariñas.
"O público poderá coñecer de primeira man a viaxe entre o mar e o prato a través de 70 instantáneas tomadas na lonxa, os mercados municipais e nalgúns dos restaurantes máis prestixiosos e orixinais da cidade á vez que tomamos conciencia do papel que temos no coidado dos recursos mariños", explicou a concelleira, quen destacou o papel da lonxa coruñesa, "unha das máis grandes e activas de Europa, con máis de 2.500 traballadores e un movemento diario de máis de 170 toneladas de peixe".
Ademais de na lonxa, as fotografías foron realizadas nos mercados de San Agustín e da praza de Lugo; os restaurantes Alborada, Árbore da Veira, Finisterrae, Pablo Gallego, Taberna Gaioso, Barbería Bar; e a cociña de José Silvarredonda, autor do blog gastronómico Cocina y Kuchnia. As persoas participantes na mostra son Alba Suárez, Alberte Sánchez, Alberto Bandín, Fran Queiruga, Genaro Díaz, Gloria Salorio, Inés Pose, Luz López, Moncho Fuentes, Pablo Rivas, Pep Paramos, Silvia González e Xeila López.
"Trátase dunha mostra moi coruñesa, pola procedencia dos seus autores, polos escenarios que retrata e pola filosofía que transmite", destacou Fernández, quen engadiu: "Ademais, tratamos de achegar ao gran público o percorrido que realiza un produto tan cotián na nosa mesa como é o peixe".
A mostra está patrocinada polo programa europeo Mr. Goodfish que promove o consumo responsable de produtos mariños e enmárcase dentro do Festival Marea Alta, un encontro internacional que se realizou o pasado mes de setembro cunha programación multidisciplinar que concentrou actividades científicas, artísticas e creativas como exposicións, talleres, proxeccións de documentais, charlas, debates, demostracións gastronómicas ou visitas co obxectivo principal de fomentar a preservación dos océanos.
En paralelo á exposición, o Aquarium Finisterrae acollerá os domingos 19 de abril, 10 de maio, 17 de maio, 31 de maio e 21 de xuño, ás 13.00 horas, a actividade Contos que saben a mar; sesións de contos para público familiar sobre o océano, os seus personaxes e as súas lendas. As sesións complétanse con degustacións gastronómicas de produtos do mar elaborados por empresas que traballan con criterios de sostenibilidade como o Obrador de Lamprea, Galletas Da Veiga ou Galuriña.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible