19 de outubro de 2016
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, saúda o galardón outorgado ás EIM Monte Alto e Carricanta, “unha clara mostra da calidade da educación pública na Coruña”, e destaca o compromiso do Goberno local coa ensinanza
O Concello da Coruña vén de ter coñecemento do galardón de "boas prácticas", concedido por parte do comité estatal de UNICEF, de dous proxectos postos en marcha nas escolas infantís municipais pola súa contribución "á mellora do benestar da infancia". Así, a iniciativa A tenda de Antón, da EIM Monte Alto, e Con moitas mans faremos un mundo de cor, da EIM Carricanta, obtiveron sendos galardóns na VIII Convocatoria do Certame de Boas Prácticas de 2016 outurgado polo Programa de Cidades Amigas da Infancia, impulsado polo organismo internacional xunto a outras entidades estatais. Segundo a notificación, estas propostas "evidencian o labor realizado na implementación de programas que garanten a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno e, polo tanto, contribúen a mellorar o benestar a infancia e da adolescencia".
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, e responsable do Servizo Municipal de Educación, Silvia Cameán, saudou o recoñecemento "tan merecido" para estas dúas propostas postas en marcha polos centros. "Este galardón non só é unha clara mostra da calidade educativa das escolas infantís municipais, senón que é un recoñecemento ao cadro de persoal de toda a rede das EIM polo inxente traballo que realizan cada día a prol dunha ensinanza de calidade". A este respecto, a edil lembrou o compromiso e apoio do executivo coruñés coa educación pública. "Para este Goberno a educación non só é unha ferramenta de transmisión de coñemento e valores, é unha inversión no futuro da cidade, nas nenas e nenos da Coruña", dixo.
Os dous proxectos premiados por UNICEF son dúas propostas educativas que promoven e favorecen o xogo, así como a aprendizaxe, das rapazas e rapaces dun xeito lúdico. No caso de A tenda de Antón, preséntase unha experiencia na que o alumnado se achega aos produtos de proximidade a través de visitas ao Mercado Municipal de Monte Alto. No caso da iniciativa da EIM Carricanta, Con moitas mans faremos un mundo de cor, a comunidade escolar traballa o concepto de paz a través das mans do alumnado, que se converten nun símbolo de unión, amizade e cooperación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible