20 de xuño de 2016
Xulio Ferreiro e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recibiron hoxe en María Pita a 36 persoas refuxiadas. O rexedor destacou a necesidade de que “as institucións estean á altura, para traballar de forma coordinada e facer cumprir os acordos en materia de asilo e acollemento”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu na mañá deste luns no pazo de María Pita a recepción de 36 persoas refuxiadas e migrantes co gallo do Día das Persoas Refuxiadas, un acto no que salientou o liderado da veciñanza da Coruña para constituír esta como unha Cidade Refuxio. "Foron as veciñas e os veciños os que chamaron para poñer a disposición do Concello os seus recursos, foran moitos ou foran poucos, para poder acoller as persoas que se ven forzadas a abandonar os seus fogares, igual que o fixeron as entidades sociais desta cidade", explicou o rexedor, quen destacou que "dende o Goberno local, dende onde facemos todo o posible para axudar a calquera persoa en situación de vulnerabilidade, agradecemos esta iniciativa". "O compromiso deste Concello é inquebrantable, sabemos estar á altura das circunstancias, como o está a nosa xente. Debemos camiñar cara a un sistema acolledor e integrador", reflexionou ao fío, para chamar ás distintas institucións a colaborar e poñer a disposición recursos que permitan coordinar a rede de Cidades Refuxio. Como tamén recordou no seu discurso, estas deben estar para atender a todas as persoas que o precisen, "xa que esta crise non se restrinxe á guerra de Siria, senón que afecta, lamentablemente, a todos os continentes, e os gobernos temos que estar á altura e procurar a protección dos dereitos humanos de todas estas persoas".
O acto institucional, no que tamén participou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, tivo lugar no salón de sesións do pazo municipal. "A casa de todas e de todos", subliñou Ferreiro, quen recordou a esa xente que ata agora nunca entrara no Concello "e agora o ve como algo normal". "Este Concello, este Goberno local, e todos os gobernos, deben ser ferramenta ao servizo das persoas. O camiño das e dos refuxiados é duro, pero nel sempre nos atoparán. E este pazo, que é a casa de todas e de todos, tamén é a súa casa", concluíu.
Pola súa banda, a responsable municipal de Igualdade e Diversidade reafirmou tamén a vontade do Goberno local para facer da Coruña unha Cidade Refuxio, e recordou que na actualidade xa acolle a persoas e familias procedentes de Palestina, Xeorxia, Honduras ou Venezuela, entre outras nacionalidades. "Facemos todos o esforzos que podemos para acoller a todas as persoas que queiran chegar á cidade", sinalou. Neste sentido, denunciou a "inacción das administracións" e as "barreiras da UE e do Estado español", que exemplificou no atraso do trámite para permitir traer a dous nenos kurdos enfermos desde o campo de refuxiados de Katsikas, en Grecia, para seren tratados da súa grave doenza, unha iniciativa, que, como recordou, conta xa con 173.000 sinaturas de apoio. "Por parte do Concello temos todo preparado para acollelos e o CHUAC conta cun equipo médico para facer a diagnose e unha proposta de tratamento, só falta a firma do ministro. Para nós isto vai máis alá de facer un refuxio á carta, é un símbolo máis de que, con vontade política, é posible traer a xente á cidade", destacou.
Do mesmo xeito, a responsable municipal lembrou durante a súa intevención que as guerras non son os únicos motivos que levan á xente a desprazarse dos seus países: "Estas persoas ven peligrar a súa vida pola falta de liberdades, por ter ou non determinadas crenzas, pola orientación sexual, por protexer a integridade e tamén por cuestións económicas, e para nós todas estas razóns teñen o mesmo valor para considerar o acollemento nos nosos Estados, nas nosas cidades", salientou, para incidir en que "as portas da Coruña atópanse abertas para poder frear esta barbarie".
No acto institucional, celebrado no Salón de Plenos do Pazo de María Pita, tamén participou unha das persoas refuxiadas que actualmente vive na Coruña, Omid Aman, de Afganistán, que recordou as palabras da poeta somalí Wharsan Shire: "Tes que entender que ninguén pon aos seus fillos nun bote, a menos que a auga sexa máis segura que a terra".
Declaración con motivo do Día das Persoas Refuxiadas (179 KB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible