16 de novembro de 2015
Ferreiro defendeu que a sede da Federación Galega de Fútbol "debe seguir estando na Coruña, por dereito e por fidelidade ao acordado" durante a xuntanza de hoxe cos membros da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibiu na tarde deste luns a representantes da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC), un colectivo que o rexedor reivindicou como representante do “fútbol modesto, término moi reivindicable” e do que destacou a súa importancia para a cidade, “tanto por número de practicantes como polo valor simbólico dos clubs”. “Constituídes unha das grandes riquezas do deporte da Coruña, algo que o Goberno municipal non perde de vista e sempre terá en conta”, garantiu Ferreiro, quen salientou o valor dos clubs de fútbol da cidade “en términos de saúde e de educación”, pero tamén no pulo á igualdade a través do fútbol feminino ou da creación de comunidade. “Os clubs sodes emblemas da Coruña popular, da Coruña da xente e mesmo, de forma maioritaria, da Coruña dos barrios”, agradeceu, despois de saudar o “traballo inmenso” que desenvolve AFAC, “e que desde o Concello intentaremos acompañar para axudar ao crecemento que o fútbol modesto da Coruña merece e a que pode aspirar”.
“Neste Concello cremos na xente e na interlocución directa co asociacionismo e polo tanto tamén cos clubs deportivos. Estamos dispostos a escoitar e a dialogar de xeito fluído. Somos conscientes da importancia do fútbol modesto e sentímonos orgullosos da súa existencia, da súa vitalidade que esperemos que vaia a máis e dos seus froitos”, manifestou Ferreiro quen, nesa colaboración, tamén conversou cos representantes da AFAC sobre a sede da Federación Galega de Fútbol. “Quero pedirvos que camiñemos xuntos”, demandoulles, para lembrar que o Concello “está a cumprir todos os compromisos que adquiriu respecto dos campos e da sede da Federación Galega de Fútbol e incluso máis, posto que xenerosamente asumirá a construción de aínda máis equipamentos dos asinados”. “Este é un Concello serio e cumpridor. Que foxe do localismo, pero que ten claro que a sede da Federación Galega de Fútbol está na A Coruña e así debe seguir sendo, por dereito e por fidelidade ao acordado”, subliñou o rexedor coruñés.

11 de decembro de 2025

5 de decembro de 2025

3 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible