17 de abril de 2017
Ferreiro, que presidiu o acto de recepción ao Republicano de Honra 2017, destacou que "este ano, podemos realizar este acto sendo unha cidade que se colocou no centro das políticas de restitución das vítimas da represión, cun rueiro sen persoas que chegaron ao poder mediante o terror e un espazo tan simbólico como o cárcere provincial en mans da cidadanía"
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu esta mañá a recepción ao Republicano de Honra 2017, o xornalista, escritor e editor Francisco Pillado Mayor, que foi escollido con esta honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. O acto de homenaxe tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo de María Pita, e ademais de Pillado, estiveron presentes o presidente da CRMH, Fernando Souto, xunto con representantes da entidade memorística e concelleiros e concelleiras da Corporación. O rexedor destacou a figura de Pillado Mayor como "persoa que non só fixo moito pola recuperación da Memoria, senón tamén pola difusión de valores republicanos". "Pai de Laiovento, director de Cadernos da Escola Dramática Galega, dramaturgo, tradutor e ensaista, Pillado axudounos, como o fixo antes o seu pai, a recuperar o camiño perdido durante a longa noite de pedra que asolagou esta terra", dixo o primeiro edil, que destacou o traballo de Pillado pola difusión do idioma galego. "O seu traballo favoreceu a restitución do idioma galego como poucas persoas nesta terra, e representou e representa unha porta aberto ao progreso e ao pensamento crítico, sendo a persoa que trouxo á nosa lingua, sen ir máis lonxe, textos de Chomsky, Ricoeur ou Zizec", comentou.
Ferreiro salientou que a recepción do Republicano de Honra este ano "é se cabe máis especial", tendo en conta que "entre todos e todas, Concello, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, e outros actores implicados, logramos, xuntos e xuntas, movidas pola fraternidade, que esta cidade caese do mapa da Cartografía do Olvido e se colocase no centro das políticas da Memoria". "Durante demasiados anos os rueiros da nosa cidade contaron con nomes de persoas que impuxeron a súa vontade mediante o terror", indicou, á vez que destacou outros importantes avanzados logrados en materia de restitución da memoria histórica e cumprimento da lexislación estatal sobre a materia. "Hoxe recibimos a Francisco Pillado, republicano de honra de 2017, sendo unha cidade que borrou o terror do seu rueiro. Recibimos a este home sendo unha cidade que logrou abrir ao público un espazo tan simbólico como o antigo cárcere provincial, lugar que se converterá en lugar de creación e de impulso cultural e asociativo, liderado pola propia cidadanía, pero tamén en lugar de Memoria", comentou. "Este 17 de abril, recibimos a Francisco Pillado nun Pazo de María Pita que deixou de dispensar honras tales como estar na galería oficial de retratos a aqueles alcaldes golpistas que foron colocados polo medo e non polas urnas", engadiu. "Con todo, queda aínda por facer. Quedan símbolos, incluso neste edificio no que nos atopamos, que deben ser superados. Buscaremos sempre nese empeño o apoio de todo o arco municipal, así como as institucións e as persoas que durante anos loitáchedes e loitades para que os valores da República ondeen na nosa cidade", subliñou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible