12 de marzo de 2017
Xulio Ferreiro deu conta da “calidade, proximidade e identidade” da cociña coruñesa e subliñou a “efervescencia” pola que atravesa o sector, durante o acto de inauguración da cita gastronómica, que se celebra desde hoxe ata o martes en ExpoCoruña
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este domingo en ExpoCoruña na inauguración do Fórum Gastronómico, a que, como sinalou, é "a cita máis relevante do sector gastronómico a nivel estatal, un escaparate que durante estes tres días sitúa a cidade no epicentro da cociña do máis alto nivel, en consonancia coa aposta deste Goberno local por consolidar A Coruña como capital da cociña atlántica". Na súa intervención, o rexedor deu conta da "calidade, proximidade e identidade" que definen a oferta gastronómica da cidade, da que recordou que é "unha importante motivación para o turismo", tanto "pola súa variedade como pola calidade dos seus produtos e tamén pola profesionalidade e bo facer dos cociñeiros e cociñeiras, que ofrecen cociña de terra e de mar, popular e de autor, tradicional e innovadora". Nese sentido, Ferreiro deu conta da "efervescencia" que vive o sector na cidade, e que desde o Concello estase a respaldar coa consolidación, ao longo do ano, de distintas citas relacionadas coa gastronomía, desde as xornadas Lacónicas, de exaltación do lacón con grelos, durante o Entroido ata o asentado concurso e ruta de Tapas Picadillo que se desenvolve en setembro, ou o Boucatise, o Festival do Bocata Gourmet de decembro. Do mesmo xeito, o alcalde puxo en valor o papel dos mercados municipais, "de onde proceden moitos dos produtos que fornecen a nosa ampla oferta hostaleira", e recordou a multiplicidade de opcións e zonas coas que conta A Coruña para gozar da gastronomía local, ademais de dar conta da "profesionalidade e bo facer dos nosos cociñeiros e cociñeiras".
Tamén, no curso da inauguración, o alcalde quixo poñer de relevo os "fondos vínculos que A Coruña tivo e mantén coa cociña atlántica e co mar", concretados tanto no plano económico, a través da actividade portuaria, como tamén no turístico e no lecer das veciñas e veciños. "O atlántico é, desde logo, parte esencial da nosa historia e da nosa identidade", salientou, para poñer en valor o vínculo da cidade coa súa fachada marítima, "nesa transición cara á cidade que queremos para as próximas décadas".
No acto, no que o alcalde estivo acompañado do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, tamén tiveron intervención o director do Fórum Gastronómico, Pep Palau, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e Manuel Pérez Piñón, representante de Hijos de Rivera SAU, empresa patrocinadora. Antes da inauguración oficial, Ferreiro mantivo no propio recinto un encontro coa alcaldesa de Girona --onde tamén recalará este ano o Fórum Gastronómico, no mes de novembro--, Marta Madrenas, e coa concelleira de Promoción, Gloria Planas.
En total, o Fórum congrega no recinto feiral máis de 200 expositores nesta edición, o que supón un aumento dun 30% respecto da pasada. Máis de sesenta cociñeiras e cociñeiros de toda Galicia participan na cita, tanto no auditorio como nos talleres, co obxectivo de dar a coñecer a súa cociña en directo, nun evento que ten como eixe temático a nova cociña galega. Ademais, este ano, o recinto expositivo amplíase co novo espazo Ágora, que dá protagonismo a oficios artesáns relacionados coa alimentación, con especial atención aos produtos galegos de carácter ecolóxico. A programación complétase coas actividades organizadas dentro do Fórum Cidade, que desenvolve o colectivo Coruña Cociña, formado por profesionais da cidade, coa colaboración do Consorcio de Turismo, e que durante a xornada deste domingo organiza a ruta 'Tapas a catro mans', unha iniciativa na que nove establecementos hostaleiros da cidade --A Bica, A Pulpeira de Melide, Arallo, Bocanegra, Culuca, Domus, El Descansillo, Oído, Cocina! e Roots-- abrirán as súas portas a outros tantos cociñeiros e cociñeiras --Alma e Víctor de La Greca; Álvaro Gantes, de O Lagar da Estrella; David Fariña, de Alma Negra; Álvaro Victoriano; Antonio Amenedo, do Pazo de Santa Cruz; Nelssy Soriano, da Gastroteca; Manu Triay; Óscar Vilariño, do hotel Zenit Coruña e Javi Freijeiro, de El Huerto-- para ofrecer tapas elaboradas de forma conxunta. A proposta vén completar a programación do Förum Cidade, que na xornada do sábado concentrou as súas actividades no gastrofestival A Coruña Sabe celebrado durante todo o día en Palexco, e aberto a toda a cidadanía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible