Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de setembro de 2018

O alcalde salienta que a baixada do billete do bus urbano “é posible, legal e de xustiza”, logo que de os prezos se incrementasen máis dun 30% en plena crise

Ferreiro espera que a Comisión de Prezos da Xunta dea luz verde á rebaixa de tarifas proposta polo goberno local, “xa que é preciso adaptar o contrato á normativa europea e ao beneficio razoable” e porque “nunca se rexistrou ningún informe negativo sobre as propostas municipais”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, amosou este luns a súa confianza en que a Comisión de Prezos da Xunta de Galicia dea luz verde á rebaixa das tarifas do autobús urbano que a Xunta de goberno local aprobará esta semana. O rexedor recordou que o traballo de fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías realizado polo actual executivo levou a determinar ao Concello, co respaldo da propia Comisión Nacional da Competencia, que se estaba a producir un beneficio excesivo que podía traducirse en melloras na prestación do servizo así como, do mesmo xeito que propón o executivo municipal, un abaratamento do billete. "Cremos que, dentro do actual contrato, e pola adaptación do mesmo á normativa europea, é necesario axustar a tarifa ao beneficio razoable. Temos informes económicos e xurídicos que avalan esta baixada, que se propón dentro da absoluta legalidade", dixo, á vez que engadiu que "por todo isto, non vemos nada que impida á Comisión de Prezos dar o visto bo a esta rebaixa". "Até o de agora nunca houbo ningún informe negativo deste órgano, o normal sería que se lle dera a luz verde", indicou.

O alcalde fixo fincapé en que será a primeira vez que A Coruña rexistre unha baixada nas tarifas do bus urbano. "Por poñer un exemplo, entre 2007 e 2015, os prezos do billete medraron un 33%. Un 33% nos peores anos da crise, onde creo que os soldos dos e das veciñas non medraron nesa porcentaxe. Creo que é de xustiza facer esta rebaixa, creo que hai marxe para facelo, que é legal e que damos un paso máis na adaptación deste servizo ao dereito comunitario", manifestou.

Está previsto que esta mesma semana, a Xunta de goberno local aprobe unha rebaixa na tarificación dos prezos dos billetes do autobús urbano, que será asumida pola propia Compañía de Tranvías. De recibir o visto bo da Comisión de Prezos autonómica, as rebaixas poderían facerse efectivas este outono. O billete xeral rebaixaríase case un 8%, até os 1,20 euros, mentres que o da tarxeta Millennium baixaría case un 12%, até os 75 céntimos. O billete social reducirase até 23 céntimos, en máis dun 30%, mentres que o billete dos e das universitarias custará 30 céntimos. Por outro lado, o ticket será gratuíto para menores de 13 anos (até o de agora a exención só chegaba a menores de 4 anos), mentres que o transbordo será universal e gratuíto (na actualidade está restrinxido) todas as veces que sexa preciso durante 45 minutos.

A preguntas dos medios, o primeiro edil manifestou que o diálogo do executivo coa actual explotadora da concesión, a Compañía de Tranvías, é constante, e que esta foi coñecedora da intención do goberno local dende un primeiro momento, "polo que puido presentar as súas alegacións ao informe elaborado para xustificar a rebaixa".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión