2 de abril de 2016
Xulio Ferreiro avanzou, nunha nova edición do Dillo Ti, algúns dos proxectos do Goberno local para a zona, ademais da Intermodal, que pasan por mellorar en diversas rúas, como Ramón Cabanillas ou Asturias, mellorar a mobilidade nas Avenidas da Sardiñeira e de Arteixo, ou distintas zonas verdes
O equipo de Goberno municipal mantivo este sábado un novo encontro coa cidadanía dentro da iniciativa participativa denominada Dillo ti, que consiste nunha serie de xuntanzas abertas entre o alcalde, os e as concelleiras e a veciñanza. Esta terceira edición do Dillo Ti, dende que se puxo en marcha a principios de ano, tivo lugar no Centro Cívico dos Mallos, onde se congregaron máis de 150 persoas. En primeiro termo, o rexedor, Xulio Ferreiro, explicou as actuacións previstas no barrio.
O primeiro edil da Coruña indicou que o proxecto principal previsto para esta zona da cidade, pero do que se beneficiará todo o Concello, será a estación Intermodal. “A súa posta en marcha servirá para cambiar a forma de mobilidade desta cidade”, indicou. Segundo o responsable municipal, a Intermodal será tamén “unha oportunidade para reordenar a zona”, xa que, entre outras cuestións, haberá un viario que conecte a Avenida de Arteixo coa Avenida da Sardiñeira. “Esa conexión servirá para reordenar todo este ámbito e para adecentar toda a zona”, indicou. “A Sardiñeira tamén se humanizará, e terá unha praza que sirva de entrada a esa estación Intermodal, pero tamén de zona de esparcemento”, comentou, á vez que explicou que os orzamentos teñen xa previstas achegas para as primeiras obras, que se acometerán na contorna de Vioño.
“A Intermodal tamén servirá para solucionar os problemas de aparcamento que, somos conscientes, existen no barrio”, dixo, á vez que recordou que se prevé a creación dun parking de máis de 300 prazas na nova estación Intermodal que será, previsiblemente, o máis barato da cidade. “Dará servizo á estación, pero tamén a todo o barrio”, comentou o alcalde, que tamén destacou que as pasarelas que secontemplan mellorarán en moito as posibilidades de mobilidade dos e das veciñas.
A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, declarou que “o Goberno será especialmente sensible cos habitantes previos da zona na que se prevén as obras para a Intermodal”. “Non queremos que suceda outra vez o que pasou no pasado no Ofimático, cando non se tivo en conta aos e ás habitantes”, explicou. “Imos analizar caso por caso, e falar cos e coas veciñas”, dixo.
Ferreiro tamén explicou que se prevén importantes actuacións en distintas vías como Ramón Cabanillas. “Apostamos por convertir da rúa nunha zona peonil, e recuperala para ser unha praza, onde haxa bancos e árbores, que sirva de entrada ao mercado, pero tamén de zona de espallamento”, salientou. “Tamén se proxecta, máis a longo prazo, unha recuperación dos actuais terreos da estación de autobuses, que unido a unha mellora na praza de Madrid, poida contribuír á creación dun grande espazo público”, avanzou. A rúa Asturias será, por outra banda, obxecto dunha intervención profunda, así como a propia Avenida de Arteixo, onde máis alá das obras ligadas á Intermodal, se prevé unha humanización, con máis pasos para peóns.
Por outra banda, os proxectos do Goberno local para esta zona da cidade tamén inciden nas zonas verdes da zona. “Tanto en Vioño, onde se prevé a implantación de espazos caninos para mellorar a convivencia de animais doméstico con veciños, como en Santa Margarita e na praza de Padre Rubinos”, destacou Ferreiro, que recordou o Plan director para o parque de Santa Margarita, que “pretende ir mellorando pouco a pouco ese importante pulmón da cidade” e o parque biosaludable que se proxecta na praza de Padre Rubinos.
“Hai elementos máis alá de actuacións tanxibles, como plans de revitalización dos Mallos, que contemplan diversas actuacións, como a promoción do comercio local, a recuperación de locais en desuso e a posta en marcha, varias veces ao ano, dun mercadillo municipal, que poida servir para os e as comerciantes e tamén para esparcimento do barrio”, dixo. “Á vez, tamén estamos a facer un esforzo para atraer máis servizos a esta zona, como por exemplo os servizos sociais ao centro cívico”, apuntou o rexedor, que tamén fixo fincapé no interese do Goberno local en que as Festas de María Pita, este ano, igual que o pasado, conten con actuacións e eventos tamén neste barrio, dentro do programa de descentralización de festexos. “As festas non poden ser unicamente as da praza de María Pita”, engadiu.
A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, manifestou que “a curto prazo o dos Mallos vai ser un dos barrios estrela en canto a actuacións, dentro do programa para a humanización das rúas e a mellora das vías estreitas”. O edil indicou que nos próximos meses comezarán as obras nesta zona.
Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, explicou, debido ás preguntas dos e das veciñas, da existencia dun proxecto do Concello de camiños seguros para os e as escolares, “para intentar que a maioría dos nenos e nenas poidan ir e saír dos seus centros de educación camiñando, o que contribuirá a evitar os problemas de aparcamento que sofren todos os colexios da cidade”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible