1 de agosto de 2017
Xulio Ferreiro abriu o acto inaugural das festas da Coruña, que contou co pregón do baloncestista e deportista olímpico Fernando Romay, quen destacou “a transformación da Coruña, que non só se converteu nunha cidade grande, tamén nunha gran cidade, marcada polo mar”
A Coruña acolleu esta tarde os actos de inauguración das Festas de María Pita 2017, que se desenvolverán ao longo deste mes por toda a cidade, ofrecendo unha oferta plural tanto de actividades dirixidas para todos os públicos como de músicas. O alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou que "estas son unhas festas á altura da Coruña" e apelou "ao sentidiño" de toda a poboación "para que nada nos amargue unha celebración da que, indiscutiblemente, merecemos gozar". Así, no discurso de presentación do pregoeiro das Festas de María Pita 2017, o ex baloncestista e deportista olímpico, Fernando Romay, o rexedor declarou que "toda a poboación ten dereito a estas festas, porque a felicidade, precisamente, tamén é un dereito".
Ferreiro destacou que as festas que arrancan esta xornada están marcadas non só "pola diversidade e a accesibilidade", senón tamén pola decidida aposta polos e polas artistas locais, "como dá exemplo o feito de que esta noite sexa Xoel López o encargado de dar o primeiro concerto das festas na Praza de María Pita". "Estamos a falar dunhas festas que chegarán a todos os barrios, pensadas para todos e todas e feitas por todos e todas, xa que veciñanza non é mera espectadora, senón protagonista. Son, ao cabo, unhas festas á altura da Coruña que tratan de mellorar cada ano que pasa", salientou.
O primeiro edil explicou que, xustamente por esa compoñente de superación, o Concello invitou ao deportista Fernando Romay, nado na Coruña, a dar o pregón inaugural. "Estamos a falar dunha persoa que representa a pluralidade e a riqueza que nos aporta ter unha sociedade diversa, onde igual que ningún corpo é igual que outro, as persoas son todas ricas nas súas propias distincións", dixo o alcalde, que manifestou que hai 33 anos, Romay non puido desfrutar das festas da cidade porque estaba "facéndolle un tapón histórico ao mesmísimo Michael Jordan". "Con este pregoeiro, hoxe, queremos render homenaxe a toda esa xente nos fai mellorar día a día, que nos di que nada vén marcado de antemán, que non hai teito suficientemente alto, nin tapón imposible", dixo Ferreiro, quen tamén aproveitou para recoñecer "a todas aquelas e aqueles grandes deportistas que naceron ou pasaron por esta cidade, persoas que levaron o nome da Coruña por todo o mundo e que, á vez, nos fixeron e nos fan soñar".
Pola súa banda, Romay, encargado do pregón co que se deron por inauguradas as festas, destacou que "hai algo que iguala sempre ás xentes da Coruña coas máis grandes, e é, exactamente iso, que sodes da Coruña". O deportista recordou as súas orixes na Gaiteira, así como a profesión da súa nai e do seu pai, no Muro, e manifestou que dende entón "A Coruña encheuse de cambios que a converteron nunha cidade grande, pero tamén nunha gran cidade".
"O que máis me gusta da miña cidade é a súa magnífica apertura ao mar, sen cuarteis e sen fábricas, para crear un paseo que merece ser marabilla do mundo. Dígolle sempre aos visitantes que non se queden no umbral da Coruña. Non só veñan a mirar. Non se conformen só con sentarse a comer e a beber. Veñan a sentir", dixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible