Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de marzo de 2017

O alcalde chama á cidadanía “a participar na convocatoria municipal de axudas á rehabilitación de vivendas”, que inclúe fondos para implantacións de ascensores

Xulio Ferreiro e o resto de concelleiros e concelleiras do Goberno local participaron nunha nova edición dos encontros coa cidadanía Dillo Ti no barrio da Sagrada Familia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno participaron este sábado nun novo encontro coa cidadanía dentro do programa Dillo Ti, que nesta ocasión se desenvolveu no centro social da Sagrada Familia. O rexedor destacou que no que atinxe ao barrio o Executivo municipal leva acometidas máis de 100 pequenas intervencións destinadas a mellorar tanto a accesibilidade como a calidade de vida da veciñanza. Ademais, entre as actuacións previstas, o primeiro edil salientou as obras que se iniciarán no cruce coa rúa Isaac Peral, que se converterá nunha rotonda, "de cara a facilitar o acceso do colexio cercano e incrementar a accesibilidade na zona, dentro das accións para mellorar o espazo público", así como actuacións de mellora no pavillón de deportes de barrio, cun investimento programado de máis de 150.000 euros. Non obstante, o responsable municipal quixo destacar, "como liña de subvencións que pode ser moi beneficiosa para este barrio, cunha media de vivendas antigas", a próxima convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas, contemplada dentro do proxecto de orzamentos municipais para este ano, que están xa aprobados de forma inicial. En concreto, destinaranse 2.650.000 euros, "orzamento notablemente superior ao do ano anterior", a actuacións encamiñadas á rehabilitación de vivendas de carácter enerxético e en zonas comúns (1,2 millóns) e á colocación de ascensores (1,45 millóns). "Estas axudas, ás que se accede mediante procesos de concorrencia pública, presentando a solicitude, son para toda a cidade, pero teñen especial incidencia en barrios como o da Sagrada Familia", comentou.

Ao fío, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicou que "o tema de colocación de ascensores é prioritario no departamento de licenzas municipal". "Ao respecto, levamos máis de 800 licenzas de obra concedidas, e nesta última xunta de Goberno, por exemplo, levamos seis", comentou.

Por outro lado, e con respecto a actuacións de accesibilidade, Varela recordou que estas son "fundamentais" para o departamento municipal de Infraestruturas. "Durante moitos anos, e por parte dos anteriores Gobernos, estas pequenas actuacións de mellora de accesibilidade e mantemento foron abandonadas", destacou, á vez que indicou que o actual Goberno local ampliou nun 50% a contía do investimento reservado. Non obstante, estas partidas incrementaranse aínda máis coa posta en marcha, este ano, do programa A Pé de Barrio, destinado a actuacións en distintos ámbitos co obxectivo de mellorar a calidade de vida de dez distritos da cidade en dez meses. "Serán intervencións de profundidade, na rede semáforica, en limpezas profundas, no alumeado, actuacións de mellora de equipamentos e infraestruturas ou ampliación de zonas verdes, entre outras", destacou a concelleira de Medio Ambiente, María García. Á marxe, e relativo ao novo contrato de limpeza que se porá en marcha en 2018, a edil recordou que este "terá especialmente a limpeza con auga periódica nas rúas de todos os barrios, que é algo necesario". "O proxecto que presentamos esta semana, o noso proxecto de cidade da Coruña Próxima entronca directamente con estas actuacións para facer unha cidade máis vivible, e que a vida nos barrios sexa máis agradable", incidiu ao respecto Ferreiro.

Ao respecto, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, destacou o obxectivo municipal de cambiar o modelo de transporte urbano "ampliando o seu concepto máis alá dos límites administrativos municipais". "Dentro destas actuacións, xa neste ano presente, temos orzamentados fondos destacados para poder axudar a ese cambio de modelo de mobilidade, que pasa por liberar na medida da posible a cidade do vehículo privado, favorecendo outro tipo de desprazamentos máis sostibles, como a bicicleta, que nunha primeira fase ampliarase para contar con 30 quilómetros de percorrido seguro na cidade", comentou.

Por outro lado, a responsable de Medio Ambiente tamén indicou, a respecto das accións para mellorar a convivencia entre veciñanza e animais domésticos, a posta en marcha de dúas novas áreas de esparecemento canino no Parque de Bens e en Visma, que virán a unirse ás catro xa existentes. "Ademais, en breve iniciaremos novas campañas de sensibilización coas persoas propietarias", dixo.

Co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou o proxecto de creación dun banco de baixos comerciais que estea xestionado directamente polo Concello de cara a facilitar a implantación de novos comercios e proxectos. "Poremos en marcha este proxecto en canto os orzamentos estean aprobados de forma definitiva. Cremos que será moi útil para favorecer a dinamización do comercio de proximidade, especialmente en barrios como a Sagrada Familia", comentou.

Rematado o acto, informouse de que o vindeiro encontro cidadán terá lugar o 29 de abril en Durán Loriga.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión