Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de outubro de 2017

O alcalde reafirma que o Concello cumprirá a sentenza de San Roque “procurando, desde a legalidade e sen atallos, o menor prexuízo para as persoas afectadas e para o interese xeral”

Ferreiro deu conta esta mañá dos principais asuntos da Xunta de Goberno Local, como as obras de reurbanización na rúa San Vicente, a aprobación do programa de Bono Taxi para o ano vindeiro ou a nova e “pioneira” ordenanza de prevención de incendios

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, compareceu este venres para dar conta dos principais asuntos da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, dos que destacou a proposta municipal para a execución da sentenza que ilegaliza a licenza do edificio de San Roque de Afora, número 13, e dos autos posteriores que acordan a súa demolición. "O que faremos será procurar, sempre cumprindo coa legalidade, o menor prexuízo para as persoas afectadas e para o interese xeral. Este goberno non vai buscar ningún atallo para eludir o cumprimento da resolución xudicial, algo que xa vimos en etapas anteriores e que é peor no longo prazo, como demostran o custo e as consecuencias das malas praxes urbanísticas do pasado", observou. Como indicou, a remisión desta documentación dá resposta á providencia emitida hai unha semana desde o xulgado sobre o estado de execución da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que no ano 2008 anulou a licenza do edificio, e inclúe os informes municipais que conclúen que o inmoble "non se axusta ao planeamento urbanístico en vigor, nin en canto aos voos nin por ocupación". Deste xeito, a proposta que o Concello traslada ao xulgado contempla o derrubo total ou parcial, unha cuestión que como apuntou Ferreiro "deberá determinarse en execución da sentenza, para o que o Concello quere ir da man do xulgado e procurando o menor prexuízo posible para as persoas afectadas e o interese xeral".

Do mesmo xeito, o alcalde informou do acordo para a adxudicación das obras de reurbanización dun novo tramo da rúa San Vicente, comprendido entre a Rolda de Outeiro e a rúa Ángel Senra, uns traballos que teñen un custo de 290.000 euros e que supoñen a substitución da calzada e as beirarrúas, que se amplían lixeiramente, e melloras na seguridade dos pasos peonís, ademais da substitución da rede de fecais, a construción de rede separativa de pluviais e a conexión das baixantes das cubertas dos edificios con esta rede, para acabar coas verteduras ás beirarrúas.  

No ámbito urbanístico, o alcalde referiuse tamén ao informe levado á Xunta de Goberno polo concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, relativo ás licenzas e títulos habilitantes tramitados desde esta área entre o 4 e 17 deste mes, un período no que este departamento resolveu un total de 145 expedientes. Deles, 27 correspóndense con licenzas urbanísticas e 58 con comunicacións previas ao inicio de obras, mentres que os 60 restantes son comunicacións previas ao inicio de actividades ou apertura de establecementos.

Do mesmo xeito, a Xunta de Goberno Local deu hoxe o visto bo á proposta de adxudicación do novo contrato de limpeza e mantemento dos aseos públicos da cidade, ao que se aplican melloras relevantes, como a ampliación do horario de apertura e os procedementos de limpeza, que se ven plasmadas tamén no aumento de investimento, cun prezo máximo de adxudicación de 405.000 euros (IVE incluído), un 50% máis que no anterior contrato, "o que vai permitir que as traballadoras que prestan este servizo poidan ter salarios máis dignos", subliñou o alcalde. O servizo comprende o mantemento de 17 baños fixos, 7 de carácter automático (denominados autolavables) e 2 portátiles, que se habilitan cada verán nas praias de Oza e As Lapas. Ademais de nestes areais, os aseos se reparten entre o Parque de Santa Margarita, a Praza de Santa Catalina, os Xardíns de Méndez Núñez, a Avenida de Bos Aires, o Xardín de San Carlos, o Campo da Leña, a Praza de Portugal, a rúa Alcalde Puga y Parga, a Praza de Pablo Iglesias, o Parque de Eirís, a Praza da Cubela, a rúa Salvador de Madariaga, o Monte de San Pedro, O Portiño, o Parque de San Diego, a Avenida Fernando Suárez García, Matadoiro, o Parque de Oza, o Campo de Marte, Vioño e San Amaro.

Ferreiro informou tamén do traslado á Xunta de Goberno Local da ordenanza de prevención de incendios, como paso previo para a súa remisión ao Pleno, "unha norma pioneira en Galicia" que ten como obxectivo mellorar a autoprotección dos edificios, locais e establecementos,  así como as actividades recreativas e espectáculos públicos, incorporando algunhas esixencias complementarias á normativa estatal de incendios. Como quixo destacar, a súa finalidade é a de potenciar a prevención e a autoprotección cidadá, tratando de evitar que se produzan incendios e limitar os seus efectos cando estes se produzan.

Ademais, no ámbito dos servizos sociais, a Xunta de Goberno deu hoxe o visto bo á convocatoria das axudas de bono-taxi para o 2018 e iniciar a súa tramitación anticipada. Este 2017, 138 veciños e veciñas da cidade con problemas de mobilidade puideron realizar os seus desprazamentos en taxi a través deste programa municipal, que se basea na concesión de subvencións a persoas con diversidade funcional que teñen dificultades para o uso do transporte público, en forma de bonos que os usuarios e as usuarias poderán cambiar por viaxes en taxi.  

Parrote

Por outra banda, e preguntado polos medios, o alcalde deu conta do persoamento do Concello no recurso interposto pola Autoridade Portuaria pola denegación do recoñecemento da obriga e o pago polas obras de urbanización do Parrote. Como indicou, a xudicialización foi unha decisión acordada polas dúas administracións hai xa varios meses para dilucidar esta cuestión, habida conta dos informes da Intervención municipal e a Asesoría Xurídica, que conclúen que os gastos que o Porto require ao Concello "non están debidamente acreditados". Como expuxo, os servizos municipais entenden que a Autoridade Portuaria non achegou a documentación que require a Lei de Subvencións para xustificar o pago destes traballos, que se realiza mediante este procedemento, "xa que non hai documentación suficiente, nin certificación de obra, nin factura nin xustificante de pago ao contratista", ademais doutras consideracións de carácter técnico que, como fixo notar Ferreiro, avalan a decisión municipal.

Ao fío, o alcalde vinculou o pagamento ao Porto doutros 3,2 millóns de euros correspondentes á urbanización da Mariña co proceso de legalización desas obras. Tal e como avanzou, "en canto ese expediente estea rematado o Concello procederá ao pago, pero antes debe resolverse a situación legal", unha legalización que vai en paralelo ao proceso de cesión deses terreos que a Autoridade Portuaria debe completar para que pasen a ser de titularidade municipal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión