9 de maio de 2018
O Concello celebrou esta tarde o acto de concesión da distinción, que foi aprobada, por unanimidade, polo Pleno municipal en xaneiro
O alcalde, Xulio Ferreiro, presidiu esta tarde no Pazo de María Pita a cerimonia de concesión do título de fillo adoptivo a Alberto Martí, unha distinción póstuma que lle foi outorgada por acordo unánime do Pleno da Coruña o pasado mes de xaneiro. No acto, que contou coa participación de membros da corporación municipal e autoridades, o rexedor sinalou que Martí "é parte imborrable da historia e da memoria da cidade". "Alberto Martí foi home excepcional, cun talento artístico que só se viu superado pola súa xenerosidade e sentido da xustiza social", salientou Ferreiro, quen lembrou o seu papel como fotoxornalista e o seu traballo como presidente da Cociña Económica. "Todo en Martí é luminoso, incluso os seus negativos. Retratou a dureza dun pobo que tivo que marchar nun tempo no que non estaba permitido falar de marchas, durante uns anos nos que, a pesar de ser unha realidade, a emigración apenas tiña cabida nuns medios de comunicación controlados pola censura. Martí, memoria desta cidade e da súa xente, plasmou a realidade, pero tamén soubo afrontala. Por iso liderou durante máis dunha década unha entidade tan fundamental na Coruña como a Cociña Económica, dende a que contribuíu a facer desta unha cidade máis xusta e máis igualitaria: unha cidade mellor", afirmou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible