24 de xaneiro de 2018
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, visitaron o espazo onde se desenvolve esta actuación, que ten un importe de case 439.000 euros e un período de execución de seis meses
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitaron esta mañá as obras que o Concello está a desenvolver na praza de Recife e que culminarán coa posta en marcha dunha nova área de xogos, a máis grande que o executivo municipal acometerá neste mandato, e que dará servizo "á área da cidade con maior densidade de poboación". Cun orzamento de 438.959 euros, esta obra tamén suporá a mellora da zona deportiva da praza, así como a instalación dunha estrutura de aparcabicis, que se ubicará no espazo que até o de agora ocupaba a actual zona infantil. O prazo para a execución dos traballos é de seis meses. O edil Varela destacou, que, se ben esta intervención será "especialmente visible e proveitosa para toda a zona do ensanche, non é a primeira que o goberno acomete na praza de San Pablo". En concreto, entre xuño e setembro do ano 2016 xa se levou a cabo, por un importe cercano aos 90.000 euros, a renovación das beirarrúas comprendidas entre os número 9 e 15 de Maxistrado Manuel Artime e a praza. Posteriormente, entre abril e xuño do pasado ano, abordouse unha segunda fase de actuacións, consistente na renovación do pavimento dos sendeiros peonís na praza, así como das escaleiras. A obra, que neste caso supuxo un investimento de máis de 130.000 euros, tamén comprendeu melloras no espazo público, como a restauración dos bancos e o cambio do bordo das zonas axardinadas. En paralelo, desenvolvéuse tamén un proxecto de mellora e ampliación das zonas verdes do entorno.
Área Infantil
"Logo de que o goberno local puxese en funcionamento as áreas de xogo da praza da Tolerancia e de Isaac Díaz Pardo, tócalle o turno a un novo espazo polivalente en Recife, que cambia a súa ubicación actual", comentou Varela. "Até o de agora estaba situada ao carón da Igrexa, un espazo demasiado próximo ao tráfico rodado. A intención, agora, é que este espazo discorra en paralelo ao da práctica deportiva, de cara a darlle maior relevancia e favorecer a relación e transición de distintas xeracións de veciños e veciñas que poderán convivir nestas dúas zonas", sinalou. "A disposición desta zona de xogos, aínda que facilitando a súa interrelación, agrupa aos e ás menores por idades e contempla distintos elementos de xogo, como un balancín dobre, dúas randeeiras (unha dobre con cesta e con cadeira de seguridade), un balancín de rede, un barco de cordas, un xogo de torres e unha tirolina. "Todos elementos que favorece, o xogo en común", destacou o responsable municipal.
O espazo para o público infantil estará ademais protexido por un valado disposto en espiral, de forma que a zona quedará máis recollida. Ademais, contará cunha zona de asento en toda a parte superior, ademais de bancos ubicados en distintos puntos para dar servizos aos e ás cativas, así como ás persoas coidadoras. "Queremos un espazo integrador", dixo Varela, que salientou que o goberno local "desenvolveu unha nova forma de concibir as áreas de xogo como espazos de evolución e interrelación no espazo público, non só de menores, senón tamén de pais, nais e persoas a cargo".
Área Deportiva
O proxecto de actuación en Recife inclúe tamén a renovación da pista que existe, na actualidade, sobre o garaxe co que conta a praza. Está previsto que, ao remate das obras, ese espazo conte con seis porterías modulares con canastras de baloncesto, que se colocarán logo da acometida dos traballos de impermeabilización da zona e a colocación dun novo pavimento. Tamén está prevista a instalación de tres canastras de menor tamaño, para o seu uso por parte dos e das cativas. O peche desta pista servirá, ademais, como banco sobre o que se situará unha grella metálica culminada por unha rede na parte superior, a modo de elementos de protección. "Esta actuación é especialmente simbólica, xa que recolle a aposta do goberno local por crear zonas de práctica deportiva informal e libre no espazo público", comentou o titular de Rexeneración Urbana. "Estamos a falar dun proxecto que entende que a práctica deportiva non pode circunscribirse a espazos pechados e regrados", explicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible