Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de novembro de 2017

O Concello acomete unha actuación na rúa Montiño “fundamental para mellorar a accesibilidade e a seguridade dunha vía estratéxica entre O Castrillón e A Gaiteira”

As obras, cun orzamento de máis de 161.000 euros, contemplan a ampliación de beirarrúas, a creación dunha plataforma única, e a mellora dos pasos peonís así como o cruce coa Rolda de Outeiro

O Concello da Coruña aborda, a través do departamento de Rexeneración Urbana, dirixido por Xiao Varela, unha actuación na rúa Montiño que dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza para unha maior seguridade peonil na zona. Cun orzamento de algo máis de 161.000 euros, o responsable municipal desta área de goberno indica que se trata dunha obra "que non ten un custo excesivo pero que, por contra, terá un impacto moi forte na zona". En concreto, os traballos que se están a desenvolver, e que está previsto que finalicen contra o mes de decembro, non só favorecerán un aumento da seguridade para a veciñanza, senón tamén unha mellora notable da accesibilidade, "nunha zona que conta con moitos e moitas maiores". "Imos ampliar beirarrúas, facendo plataforma única e imos incrementar en moito a seguridade peonil, mellorando os pasos así como o cruce coa Rolda de Outeiro", comentou.

"Estamos a falar dunha rúa estreita pero que é estratéxica no desenvolvemento do barrio do Castrillón e a comunicación deste coa zona da Gaiteira", comentou o concelleiro de Rexeneración Urbana, que recordou a importancia desta vía para o percorrido do tráfico rodado cara a Rolda de Outeiro. "Historicamente, esta vía desenvolveuse a partir dun camiño rural. Queriamos e debiamos solucionar os problemas dunha rúa que, a pesar da súa importancia, presentaba un ancho insuficiente para a segregación entre peóns e automóbiles e non cumpría cunha dimensións de accesibilidade", evidenciou.

A intención de Rexeneración Urbana é acometer distintas actuacións en Montiño, sendo a máis visible a que comprende a creación dunha plataforma única, con calzada e beirarrúa ao mesmo nivel, de forma que a accesibilidade mellore significativamente. A calzada está a executarse con pavimento de formigón, solución de maior calidade que a actual e que facilitará o tránsito rodado. Á vez, o espazo para peóns estará delimitada por un bordillo.

Por outro lado, a actuación tamén comprende a renovación e reorganización do paso de peón pola Rolda de Outeiro, que conecta Montiño coas rúas José González Chas e da Mercede. "En conxunto, vaise renovar o pavimento das beirarrúas e calzadas destas tres vías. O paso peonil existente duplicarase para contar cunha embocadura máis directa da rúa Mercede", explicou Varela, que incidiu en que tamén se acurtará o cruce, mellorando a visibilidade entre peóns e persoas condutoras.

Segundo se acordou coa asociación veciñal da zona, o sentido do tráfico rodado na rúa Montiño será de baixada. No que atinxe ao tráfico rodado, a apertura dun paso na mediana da Rolda de Outeiro ampliará o abano de traxectos posibles na saída da rúa Montiño.

Saneamento

As obras que se desenvolven en Montiño completaranse coa renovación da rede de fecais, incrementando o diámetro das conducións. A renovación desta rede prodúcese logo de realizar o mesmo proceso na zona do Castrillón, onde tamén se ampliou á capacidade das canalizacións. Tamén se executa unha rede separativa de pluviais e se están instalando novas canalizacións para alumeado.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión