Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de xullo de 2016

O Concello aposta por "poñer en valor a memoria da cidade" e proxecta recuperar tanto o Muíño da Gramela como a estatua dos Liberais, dentro das melloras previstas nas Conchiñas

O alcalde e o resto do equipo de Goberno participaron nos exteriores do centro Ágora nun novo encontro do programa ‘Dillo ti’ coa veciñanza da Agra, que reuniu a preto dun cento de persoas, no que tamén se avanzou que as obras de reurbanización das rúas Meira e Páramo comenzarán en setembro

O centro municipal Ágora acolleu esta xornada de sábado unha nova edición do Dillo ti, os encontros participativos que o Goberno local mantén coa veciñanza e onde todos e todas as asistentes poden expresar as súas achegas e inquedanzas ao alcalde e aos e ás concelleiras do equipo de Goberno. Durante o acto, o rexedor, Xulio Ferreiro, destacou as actuacións previstas polo Concello na zona da Agra. "Cremos que é necesario recuperar a memoria desta cidade. Dentro dese proceso, imos levar a cabo unha mellora da Praza das Conchiñas, tentando facela un pouco máis amable, dotándoa de zonas de sombras e de maior accesibilidade", indicou, e destacou a recuperación da antiga estatua dos Liberais, que historicamente se atopaba nesa zona. "Recuperamos esa peza, que se atopaba nun almacén municipal, e a volveremos a poñer no seu lugar, igual que o faremos co muíño da Gramela. Un símbolo da memoria da cidade, do que un día  foron estas agras, dunha Coruña que foi e que non ten que ser borrada, un muíño que foi desmontado e ao que se lle perdeu a pista. Nas próximas semanas comezaremos a facer visible este proxecto", avanzou. Dentro dos procesos de recuperación tamén se atopa a da denominada 'Viaxe de Visma', o histórico acueduto da Coruña. "Hai que ir recuperando pouco a pouco este símbolo histórico, á vez que se protexe o valor patrimonial da zona", comentou, posteriormente, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que aludiu tamén a unha arqueta de menor tamaño na contorna da Ágora, para a que xa hai redactado un proxecto de recuperación.

Por outro lado, e dentro de actuacións previstas na zona, o rexedor referiuse tamén ás obras de reurbanización que se desenvolverán a partir de setembro nas rúas Páramo e Meira, ademais das melloras que se executarán en Villa de Negreira, e que comezarán nas próximas semanas. "Imos mellorar sobre todo a accesibilidade das beirarrúas xa que é unha demanda histórica da veciñanza da zona, que os anteriores Gobernos municipais semella que non atenderon", indicou Ferreiro, que dentro das intervencións para a zona tamén salientou a posta en marcha do novo aparcadoiro na contorna do Ágora, que se abre o vindeiro luns e que se manterá nesa zona mentres a parcela na que se ubica non se urbaniza, e que xerará 246 prazas de aparcamento.

Limpeza e desbroce

Con respecto ao desbroce na cidade, ao que se referiron varios veciños e veciñas durante o encontro, ao que asistiu preto dun cento de persoas, a concelleira de Medio Ambiente, María García, subliñou que se está a facer un gran esforzo, traballando con tres contratos existentes, para manter limpas todas as zonas da cidade. Non obstante, a edil destacou o feito de que "existen moitas zonas ou parcelas que hai que desbrozar que non son responsabilidade do Goberno municipal, xa que pertencen ou ben a particulares ou a outras administracións coas que nos estamos a poñer en contacto, dentro das obrigas que todos e todas temas para poder cumprir o Plan Especial de Incendios". "A cuestión da limpeza é especialmente sensible para toda a cidadanía. Agora, dende o Concello, estamos a falar e traballar coa empresa que ten o contrato de limpeza para delimitar todos os plans especiais que temos previstos para este verán, un tempo especialmente sensible e no que redoblaremos os esforzos", explicou a responsable municipal, quen recordou que o contrato de limpeza se renovará en breve. "É moi antigo, de hai dez anos, e os seus medios quedaron pequenos para a cidade que somos hoxe, que foi crecendo e cambiando", expuxo.

Ademais de pedir a colaboración da cidadanía co Concello para manter a cidade en boas condicións, adiantou que ao longo do municipio comezarán plans intensivos de limpeza. "Unha das primeiras zonas nas que se traballará será na Agra, tendo en conta a súa elevada densidade de poboación", avanzou. Noutra orde de asuntos, García informou de que o Concello destina medio millón de euros este ano para implantar e arranxar aseos públicos na cidade.

Vivenda pública

Por outro lado, o concelleiro de Rexeneración Urbana recordou, a preguntas dos e das veciñas, as políticas de promoción de vivenda pública municipal, sendo un dos obxectivos rematar o mandato aumentando o parque de vivenda municipal nun 50% con respecto ao actual. Ao fío, Varela recordou tamén a partida de axudas que está reservada nos Orzamentos deste ano para a colocación de ascensores, en edificios que non o teñen, de cara a poder favorecer a accesibilidade de persoas de mobilidade reducida. "Investiremos 800.000 euros neste exercicio na colocación de elevadores. Esperamos que a veciñanza se anime a solicitar estas axudas", insistiu.

Transporte público

Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, recordou o proxecto que está a desenvolver o seu departamento municipal para revisar os itinerarios e liñas do transporte público "intentando sempre que a cidadanía gañe tempo". Ao fío, tamén lembrou o Plan de Mobilidade no que está a traballar o Goberno local e proxecta "tanto a implementación de liñas nocturnas, como tamén de reforzo durante os festivos e vésperas de festivos, ademais, por suposto dunha vía especialmente reservada para este tipo de vehículos".

Ademais, Grandío anunciou a intención do Goberno local de poñer en marcha unha nova estación de BiciCoruña no entorno do novo centro deportivo que se ubicará no Castrillón. "O obxectivo é ter unha estación deste tipo cada 500 metros", concretou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión