Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de febreiro de 2017

O Concello culmina a primeira fase de actuacións en cumprimento da Lei da Memoria Histórica coa inauguración da rúa Sinfónica de Galicia

A concelleira María García, en calidade de tenente de alcalde, presidiu o acto de descubrimento da placa, no que estiveron presentes membros da OSG, e doutras administracións. “Este é un acto de xustiza e de memoria, pero tamén de agradecemento aos 25 anos de traxectoria impecable dunha entidade que é un dos orgullos da nosa cidade”, dixo

A titular de Medio Ambiente, María García, en calidade de primeira tenente de alcalde do Concello da Coruña, procedeu este martes ao descubrimento da placa da rúa Sinfónica de Galicia, que vén substituír no rueiro a antiga Cabo Santiago Gómez, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Ao acto, acudiron, ademais da representante municipal, o actual director da OSG, Dima Slobodeniouk, e o director honorífico, Víctor Pablo Pérez, ademais de membros da Corporación Municipal, do Consorcio da Música, e de representantes da Xunta de Galicia. A edil indicou que con esta inauguración "o Goberno local da Coruña acumula xa, dende a súa chegada a María Pita 20 cambios no rueiro, de acordo coa normativa vixente" e dá por completada "a primeira fase de actuacións neste eido". García recordou que, ademais da adecuación dos nomes do rueiro, tamén se retirou da galería de alcaldes do Pazo de María Pita os retratos dos dous rexedores golpistas que estaban presentes. "Non podemos permitir que as institucións sigan a render honras a aquelas persoas que as adquiriron a través do medo, a represión e a dor", indicou, á vez que fixo fincapé no proxecto de creación, xa presentado ao Pleno municipal a través dunha moción, dun Consello da Memoria Democrática, así como unha Oficina de Atención ás Vítimas da Represión.

Por outro lado, García destacou a decisión de adicar a rúa reinagurada á Sinfónica de Galicia, "un dos orgullos da nosa cidade". "Este é un acto de xustiza, pero tamén de recoñecemento á OSG polos seus 25 anos de traxectoria impecable, levando o nome da Coruña por todo o mundo, sendo embaixadora da alta cultura que hai nesta cidade. Rendemos homenaxe, con esta inauguración, a todas as persoas que fixeron posible a OSG, a todos e todas as súas integrantes ao longo do tempo, tanto ás que están como as que marcharon, pero seguirán sempre no noso recordo", indicou.

"Esta rúa tamén servirá dende hoxe para recordar o compromiso ineludible que a cidade, o Concello, e outras institucións como Xunta e Deputación, teñen coa Orquesta Sinfónica de Galicia, que non só leva a cabo unha importantisima tarefa de difusión cultural a través da música, senón tamén de formación, a través da Orquesta Nova ou o Coro Novo, verdadeira canteira de profesionais radicada na nosa cidade", explicou a concelleira.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión