4 de outubro de 2017
A Xunta de Goberno local validará este venres a contratación dos traballos, que suporán a reposición do pavimento neste treito e a mellora dos servizos, e que se suman aos da vía entre a avenida de Arteixo e a de Fisterra
O goberno local iniciará nas próximas semanas as obras de renovación e rehabilitación de firmes da Rolda de Outeiro, no tramo comprendido entre a avenida do Ferrocarril e a rúa da Merced, uns traballos que se prolongan ao longo de 940 metros desta vía, nos dous sentidos de circulación (un total de 20.350 m2) e que dan continuidade aos xa contratados para o treito que vai desde a Avenida de Fisterra até a de Arteixo. A Concellería de Emprego e Economía Social, que ten encomendada a área de Contratación, levará á vindeira Xunta de Goberno Local a adxudicación desta nova fase das obras por un importe de 386.613 euros, para acometer os traballos de renovación dos firmes da calzada, a reparación dos elementos de drenaxe perimetrais da vía, a reposición e o repintado da sinalización vertical e horizontal, a regularización da cota das tapas dos diversos servizos con respecto ao pavimento e a reposición de elementos de mobiliario urbano, como colectores de lixo ou ramplas de acceso a garaxes. O obxectivo da actuación, segundo sinala o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, pasa por "conseguir un espazo urbano de calidade que poña a punto, non só o viario para o tráfico rodado senón tamén polo seu uso peonil por parte da veciñanza, mellorando a comodidade e a durabilidade do pavimento e reforzando a seguridade".
Como tamén indica o responsable municipal, os traballos terán un prazo de execución de cinco meses e se realizarán preferentemente en horario nocturno ou en fin de semana, dado que afectan a unha arteria principal. Esta intervención dá continuidade á renovación e rehabilitación do treito entre a avenida de Fisterra e a avenida de Arteixo, que ten un prazo de execución de tres meses e que suporá un investimento de 239.634 euros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible