12 de maio de 2017
O concelleiro de Rexeneración Urbana salienta que o proxecto, presentado polo arquitecto Alejandro Álvarez Blanco, consegue "unha correcta inserción urbana da praza de abastos, unha idea que é clave para este Goberno local, e extensible a mercados como o de Santa Lucía"
O concurso de ideas que serviu de base para desenvolver a rehabilitación do mercado e a praza de Monte Alto vén de resolverse coa elección do proxecto gañador deste proceso, unha proposta co lema 'Troco', presentada polo arquitecto Alejandro Álvarez Blanco. Trátase, como expón o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela -que exerceu como presidente do xurado-, do proxecto "que mellor responde ás ideas que se recollían no prego". Como fai notar, o xurado valorou da proposta gañadora a súa visión para reducir a escaseza e mellorar a calidade dos espazos libres en Monte Alto, que, como indica Varela, "é un barrio cunha importante necesidade de espazo público". "Trátase do proxecto que máis espazo liberaba e mellor conectaba o espazo público nesa zona, xerando unha gran superficie pública ampla, que crea unha nova prestación no barrio que ata o de agora non existía, na liña coa rehabilitación que se fixo no seu momento no Campo da Leña. Monte Alto terá na zona superior a súa gran praza", valora o concelleiro.
Tal e como sinala o concelleiro, o proxecto 'Troco' "é o que mellor resolvía a especial configuración topográfica de Monte Alto e as conexións co barrio", en concordancia coas estipulacións do prego. Igualmente salienta o tratamento que se fai do mercado de abastos, "que persegue unha correcta inserción urbana destes equipamentos, reforzando o modelo de praza aberta e cuberta fronte ao centro comercial pechado", unha cuestión que como subliña o responsable municipal é "clave" para o Goberno local e extensible tamén ao mercado de Santa Lucía e ao resto de mercados municipais da cidade, "primando un modelo de consumo consciente e de proximidade fronte as grandes superficies comerciais". Ademais, destaca a reubicación que se fai da escola infantil, "para trasladala ao mellor sitio, e o máis soleado, delimitando a gran praza e facendo completamente accesible este equipamento", e a "mellora sustancial das condicións dos locais veciñais". Igualmente salienta a proposta para peonalizar a rúa Joaquín González e o feito de que o mercado pasará a contar cun acceso directo desde a avenida de Hércules. "O proxecto conecta moi ben o mercado coa súa contorna, cunha ampliación do espazo que ten diante, creando unha praza intermedia, e libera moito espazo".
Neste sentido, o responsable municipal de Rexeneración Urbana destaca o alto nivel do concurso e o "importante traballo realizado por todos os participantes" así como a evolución dos proxectos nesta última fase do concurso, "un proceso que, aínda que é un pouco máis lento que outras posibilidades, permite que os proxectos maduren e as decisións transcendentes para a cidade se tomen de forma sosegada".
O resultado que outorga o primeiro premio ao proxecto 'Troco' -que supón 9.000 euros e a execución do mesmo-, recoñece tamén o segundo finalista, 'Höhe', e outorga un accésit á proposta titulada 'MMMA67' e unha mención á proposta baixo o lema 'Tres plazas'. O próximo paso, unha vez coñecido o fallo, será que o xurado emita a acta coas súas consideración e, a partir dese momento, iniciarase un traballo para a definición do proxecto que, como sinala Varela, se realizará en coordinación cos servizos municipais, de maneira que o proxecto, orzamentado en case 3,8 millóns de euros, poida estar redactado na segunda metade deste ano e a obra poida comezar o que vén.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible