10 de marzo de 2017
O alcalde, Xulio Ferreiro, puxo en valor esta nova acción coordinada, "pola que ambas institucións traballarán na mellora da empregabilidade de mozas e mozos da nosa cidade"
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou este venres co presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, un convenio de colaboración polo que o Concello promocionará a través dos seus servizos o Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE) que desenvolve o ente cameral dentro da Estratexia de Emprendemento e Emprego Xove do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co obxectivo de "formar, cualificar e inserir á mocidade de entre 16 e 29 anos inscrita no ficheiro nacional de Garantía Xuvenil nas empresas da comarca da Coruña". "Deste xeito, ambas institucións traballarán na cualificación e mellora da empregabilidade de mozas e mozos da nosa cidade, para que se formen en empresas da cidade e a comarca", sinalou o rexedor esta mañá, ao remate do acto de sinatura, no que estivo acompañado do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema. En virtude deste protocolo de colaboración, que ten vixencia ata o remate do PICE, en decembro de 2018, o Concello informará das actividades deste programa no taller do Centro Municipal de Emprego, no obradoiro informativo para a procura de emprego. De igual xeito, nas entrevistas de orientación laboral, o persoal municipal ofrecerá a posibilidade de participar neste programa a aquelas persoas que cumpran os requisitos para formar parte da Garantía Xuvenil e, no seu caso, xestionarán unha cita coa Cámara para a inscrición. Ademais, a Cámara enviará ao departamento municipal de Emprego a programación dos seus cursos, de cara a poder apuntar neles ás persoas interesadas nas entrevistas de orientación laboral. Tamén, o convenio recolle que o servizo municipal poderá propoñer á Cámara a planificación de accións formativas en sectores produtivos xeradores de emprego, no caso de reunir a cinco persoas interesadas.
Tal e como expuxo o presidente da Cámara durante a comparecencia cos medios, o programa deu formación a un total de 575 mozos e mozas menores de 30 anos desde a posta en marcha deste programa, no 2014, e ten como previsión acoller arredor de 200 persoas máis este ano, no que a Cámara prevé poñer a disposición das empresas 81 bolsas para contratar aos e ás participantes na formación durante seis meses despois de ter traballado nelas a través deste programa. Neste sentido, Couceiro salientou a importancia de que o Concello, a través dos seus servizos de Emprego, colabore coa difusión desta iniciativa, para integrar a mozas e mozos na formación.
O proceso para participar no PICE require de inscrición telemática, a través de cita previa que se poderá realizar na propia Cámara de Comercio. O programa inclúe, tal e como consta no documento asinado hoxe, formación troncal para a mellora da empregabilidade, deseñada para dar resposta ás necesidades de procura de emprego da mocidade, e na que se inclúen contidos como habilidades persoais e laborais, procura de emprego en internet ou preparación para afrontar con éxito unha entrevista laboral, válidos para o conxunto de ramas profesionais. Do mesmo xeito, incorpora formación específica en calquera sector en que haxa un mínimo de cinco mozas ou mozos interesados. Como se recolle no documento, a formación máis demandada é, entre outras disciplinas, a relativa á xestión de vendas, persoal de tenda a escaparatismo, community manager, vendas e márketing en liña, operacións básicas de cociña, contabilidade básica ou caixa e reposición.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible