Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de outubro de 2016

O Concello garante o seu compromiso coa celebración na Coruña do Fórum Gastronómico 2017, que terá lugar entre o 12 e o 14 de marzo, "e que posiciona á cidade como destino gastronómico e turístico de calidade"

O alcalde, Xulio Ferreiro, acudiu ao Fòrum Gastronòmic de Barcelona, foro no que se realizou a firma do protocolo de colaboración entre o Consorcio de Turismo e a entidade co organizadora do evento, e durante o que o rexedor pasou a xornada cos e coas cociñeiras da cidade, así como con produtores de toda a área metropolitana

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visita este mércores o Fòrum Gastronòmic de Barcelona, feira na que o Concello, a través do Consorcio de Turismo, ratificou o seu compromiso coa celebración, o vindeiro ano, do Fórum Gastronómico da Coruña --que terá lugar entre os días 12 e 14 de marzo de 2017-- como "evento dinamizador do sector turístico local, así como de promoción e exaltación da gastronomía". En concreto, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, en calidade de presidente do Consorcio, asinou un protocolo de colaboración coa entidade Fórum Gastronomic SL, paso previo ao convenio que se levará a cabo no momento no que o evento conte xa cun programa provisional. O rexedor destacou "a aposta inversora do Concello nestas xornadas", nas que a administración local achegará un total de 218.000 euros (IVE incluído), a mesma cantidade comprometida pola Deputación da Coruña.

O alcalde destacou "os beneficios que reverterán na cidade" coa celebración do Fórum Gastronómico A Coruña 2017. "Posicionámonos, unha vez máis, como destino gastronómico de calidade por dúas razóns, tanto polo prestixio que ten esta celebración e o feito de que o nome da nosa cidade vaia aparellado ao mesmo, como polo feito de que atrae a un gran número de visitantes tanto de Galicia como do Estado español", comentou. "Este evento servirá para potenciar a cidade e para promocionar tanto ao sector da hostalería, como aos produtores agroalimentarios de Coruña e comarca", explicou pola súa banda o concelleiro Lema. O programa definitivo do Fórum 2017 estará centrado en talleres dirixidos polos mellores expertos e expertas do seu campo, tanto na categoría de cociña, como de pastelería e sumilleres. "Será o sinal identificativo dun evento que contará cun amplo abano de actividades", engadiu.

Fórum Cidade

O protocolo de colaboración estipula tamén que unha semana antes da celebración do Fórum Gastronómico, e durante o desenvolvemento do mesmo, terá lugar o Fórum Cidade, que se baseará en distintas actividades en distintos puntos da cidade co obxectivo de potenciar tanto a restauración local como ao propio concello. Para a realización do mesmo, o Consorcio de Turismo comprométese a apostar un máximo de 20.000 euros máis IVE. Este importe servirá para que o colectivo de profesionais da restauración Coruña Cociña deseñe e produza diferentes accións da cidade. De feito, e antes da firma do protocolo, o primeiro edil coruñés reuniuse cos e coas representantes deste colectivo de cara a sentar as bases da celebración deste foro na cidade.

Tanto o alcalde, Xulio Ferreiro, como o concelleiro de Emprego, Alberto Lema, e a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, asisten, tras a firma do protocolo de colaboración, á sesión que realiza Coruña Cociña, que serve para clausurar as actividades do Fórum Gastronómic Barcelona 2016. "É moi importante apoiar a todas aquelas entidades e asociacións da cidade que son clave para que A Coruña estea, na actualidade, no epicentro da vangarda gastronómica, o que tamén nos axuda a desenvolver un turismo específico", destacou o alcalde, quen non só se reuniu cos e coas cociñeiras da cidade, senón que tamén saudou e conversou cos produtores da Área Metropolitana presentes na cita barcelonesa.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión