21 de xuño de 2017
O alcalde acudiu esta mañá ao barrio para comprobar os traballos que se desenvolven en rúas como a de Meira ou Gil Vicente e o resultado de actuacións como a reurbanización de Vila de Negreira. O Goberno local proxecta tamén a próxima instalación dunha nova estación de BiciCoruña no centro de saúde do Ventorrillo e no centro Ágora
A Concellería de Rexeneración Urbana iniciará este verán as obras de renovación da rúa Páramo, na Agra do Orzán, unha actuación que se iniciará, segundo as previsións, no prazo de dous meses no treito entre o cruce coas rúas Vila de Negreira e final da Rúa Barcelona e o inicio de Canceliñas e que servirá para renovar os servizos e mellorar os espazos de estancia, a través dun investimento estimado en 273.000 euros. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado de concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, acudiu este mércores ao barrio para comprobar o estado dos traballos que se están a desenvolver en distintos puntos, caso da rúa Vila de Negreira, onde vén de rematarse a intervención para a reforma da calzada para a renovación do pavimento e a ampliación das beirarrúas nos distintos cruzamentos, así como a substitución da rede de saneamento, unha obra que tamén supuxo a creación dunha pequena zona de estancia con bancos no cruzamento desta rúa con López Amor, e que ten continuidade coa reparación que se está a desenvolver nas beirarrúas de Gil Vicente. Do mesmo xeito, desde maio está en execución a reurbanización da rúa Meira, unha actuación que conta cun investimento de 108.190 euros e que inclúe a ampliación do ancho da beirarrúa, a renovación do saneamento do subsolo e a instalación de canalizacións municipais para o alumeado público e outros servizos do Concello. Na rúa do Comercio, o Goberno local acometeu no mes de abril os traballos necesarios para a renovación da rede de saneamento, mentres que na rúa Luís de Camoens, actuouse a finais do 2016 para renovar as beirarrúas.
"O Goberno local busca mellorar a calidade dos espazos públicos e de estancia, especialmente importantes nun barrio tan denso como é o da Agra do Orzán, no que se fai necesario tamén mellorar a accesibilidade, poñendo ao día o espazo público e adaptándoo ao uso de todas as persoas, buscando un equilibrio entre a mobilidade peonil e o tráfico rodado", salienta o responsable municipal de Rexeneración Urbana, que destaca que as actuacións que se desenvolven, así como as que está previsto realizar en próximas datas na Agra, buscan crear unha rede accesible que teña continuidade e resolver demandas histórica da veciñanza. "A filosofía que seguimos é a de resolver necesidades reais da cidadanía en toda a cidade, en especial en barrios que durante décadas estiveron gravemente desatendidos, equilibrando as intervencións en toda a cidade; ese é o grande proxecto, no que queremos poñer o foco", fai notar Varela, que recorda que o Concello ten 105 intervencións en diferentes graos de tramitación e execución ao longo dacidade, das que xa exexecutou medio cento. Como tamén pon de relevo, os traballos que se están a realizar na Agra do Orzán son, en moitos casos, os primeiros que se acometen nas rúas do barrio desde a súa construción nos anos 70.
Novas intervencións
Ademais da renovación proxectada na rúa Páramo, a Concellería de Rexeneración Urbana ten previsto acometer nas próximas semanas melloras na beirarrúa do cruzamento das rúas Monasterio de Caaveiro con Alcalde Liaño Flores, para a colocación dun paso peonil e, do mesmo xeito, estuda a reurbanización da propia rúa Liaño Flores, para ampliar a beirarrúa e mellorar o espazo para o peón, facilitando o percorrido cara aos centros escolares concentrados nesta zona e dos tránsitos entre o Ventorrillo e a Agra, así como o acceso ao centro Ágora. Igualmente, o Concello contempla instalar en breve unha estación de Bicicoruña na contorna do centro de saúde do Ventorrillo, como resultado do proceso de Orzamentos Participativos do ano pasado, que como indica o concelleiro servirá para dar apoio aos percorridos ciclistas na zona da Agra, Ventorrillo e o polígono de Agrela, e que se suma á estación prevista na porta principal do Centro Ágora. Entre as actuacións proxectadas nesta zona da cidade cóntase tamén a limpeza e acondicionamento, nos vindeiros meses, da arqueta que formaba parte da traída de auga da Viaxe de Visma, descuberta a raíz das obras do aparcadoiro provisional adxacente ao centro Ágora.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible