Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2016

Ferreiro avanzou que as xuntanzas da comisión de seguimento do convenio entre Concello e Autoridade Portuaria para o financiamento do Porto Exterior comezarán coa finalidade “de buscar unha situación que dea acomodo aos intereses e necesidades de todas as partes”

O Concello chega a un acordo coa Autoridade Portuaria que permite abrir ao tráfico o túnel do Parrote a primeira hora de mañá xoves

Durante unha reunión entre representantes do Goberno local, na que estaba presente o alcalde Xulio Ferreiro, e membros da Autoridade Portuaria da Coruña e de Puertos del Estado, acordouse dar comezo aos trámites de cesión ao Concello dos terreos da Mariña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo na mañá deste mércores unha reunión co presidente de Puertos del Estado, José Llorca, á que tamén acudiron, entre outros, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e o presidente da Autoridade Portuaria (AP), Enrique Losada. O rexedor manifestou, ao remate da xuntanza, que a mesma se desenvolveu “nun clima de cordialidade” no que houbo “vontade de chegar a acordos en moitos temas relevantes para a cidade”. Así, anunciou que mañá, a primeira hora, abrirase ao tráfico o túnel do Parrote. “O Concello fixo unha proposta de acta de apertura que foi aceptada con leves correccións por parte da Autoridade Portuaria, o que posibilitou que mañá sexa posible que o subterráneo xa se poida abrir á cidadanía”, indicou. En dita acta de apertura remítese a un posterior documento a regularización e precisión dos termos xurídicos e restantes condicións relativas ao viario soterrado. “Desta forma cumprimos a palabra dada de que o vial estaría dispoñible antes de que rematase o mes”, engadiu.

Por outro lado, tanto Concello como Autoridade Portuaria acordaron avanzar no que atinxe á regularización das obras da Mariña-Parrote. “En canto aos túneles, e tal e como se recolle na acta de apertura, poremos en marcha un documento de carácter bilateral para clarificar toda a regulación, a situación xurídica e os compromisos e obrigas das partes con respecto aos viais”, dixo. Así mesmo, Ferreiro confirmou que o Concello “continuará co proceso de legalización de oficio das obras da Mariña, entendendo que a documentación entregada polo momento pola Autoridade Portuaria dá pé a que o Concello faga esa legalización de oficio e trate de subsanar, deste xeito, a deficiencia que detectamos, que se basea na ausencia de título habilitante”, que posibilite a recepción da obra por parte da Administración local.

Tamén se abordou o tema da cesión ao Concello dos terreos da Mariña, propiedade nestes momentos da Autoridade Portuaria. O alcalde indicou aos medios presentes, ao remate da xuntanza, que “o Goberno local pedirá, de xeito formal, a cesión ao Concello deses terreos, tal e como se acordou polo Pleno da Corporación”. Ferreiro salientou que “tanto Portos do Estado como a AP recoñecen que o uso natural deses terreos é público, e por tanto da cidadanía, polo que tamén existe disposición pola súa parte para iniciar a tramitación dese expediente de cesión”.

No que ten que ver co financiamento necesario para as obras do Porto Exterior e a desafectación dos terreos portuarios de Batería e Calvo Sotelo, tanto Concello como AP acordaron poñer en marcha a comisión de seguimento prevista no convenio firmado en 2004 entre ambas institucións. “Nese espazo imos intentar buscar unha situación que dea acomodo aos intereses e necesidades de todas as partes. Por un lado, queremos asegurar un financiamento correcto do Porto Exterior que non poña en perigo a estabilidade da Autoridade Portuaria e, por outro, que permita o uso público dos terreos desafectados”, comentou Ferreiro. “Usaremos esa comisión para abrir as negociacións, sobre as bases que hoxe xa puidemos sentar”, explicou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión