Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de novembro de 2015

O Concello pon en marcha o I Festival Bocata Gourmet, que "impulsará á cidade como destino gastronómico e os seus mercados"

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, manifestou que a súa viaxe á cidade chinesa de Shenzhen é exemplo "da boa vontade e disposición do Goberno á hora de buscar posibles invesores para o Porto Exterior", aínda que pediu todos esteamos xuntos neste esforzo"

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, avanzou na mañá deste venres a programación do Bocautise, o I Festival Bocata Gourmet que organiza o Concello da Coruña, e que terá lugar o sábado 5 de decembro no mercado de San Agustín, coincidindo coa Ponte da Constitución. Nel destacan os showcookings a mans de recoñecidos cociñeiros da cidade (as dúas Estrellas Michelín da cidade, Alborada e Árbore da Veira), os oito puntos de venda de bocatas gourmet, os talleres infantís ou o concurso de bocadillos das escolas de hostalería, un programa que estará acompañado da música en directo do DJ Cuco. O obxectivo desta acción, tal e como expuxo o responsable municipal, é “fomentar a calidade gastronómica coruñesa, como un dos recursos máis destacados dentro da súa oferta turística e, ao tempo, poñer en valor os mercados de abastos como núcleos da gastronomía e punto de encontro”. “Non nos consta que existan moitos eventos similares a este, polo que cremos que servirá para poñer en valor A Coruña como destino gastronómico, así como incentivar o consumo nos mercados, xa que se primará que a materia prima dos bocadillos estea feita a partir de produtos dos mercados”, indicou.

Tal e como debullou o concelleiro, as actividades do Festival darán comezo ás 10.00 horas, co primeiro dos showcookings, que correrá a cargo de Luis Veira, propietario do restaurante con estrela Michelín Árbore da Veira, baixo o título “Por que cociñar se se pode comer de bocata”. As 11.30 horas, o director gastronómico do grupo Alborada (que tamén ten unha estrela Michelín), Iván Domínguez, protagonizará o segundo showcooking, “Bocadillos con espírito de Galicia”. Ambos son gratuítos e dispoñen de 20 prazas, co que a participación require de inscrición previa, desde o venres 27 de novembro na web http://boucatise.eventbrite.com.

Tamén ás 11.30 horas darán comezo os talleres infantís gratuítos, dirixidos a nenas e nenos de entre seis e nove anos. Haberá tres, ás 11.30, 13.00 e 16.30 horas, con 15 plazas en cada caso, e para participar neles tamén haberá que inscribirse na mesma web. De xeito paralelo, o Festival contará cunha Zona Kids, un pequeno espazo para que os nenos e as nenas gozen de xogos e actividades.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas, terá lugar a final do Concurso de Bocadillos Gourmet, coa participación das Escolas de Hostalería da cidade, no que os e as aspirantes elaborarán en directo as súas propostas gastronómicas, que serán valoradas por un xurado formado por expertos e profesionais do sector.

En paralelo, e ao longo de toda a xornada, haberá no mercado oito puntos de venda, onde se poderán adquirir os bocatas gourmet elaborados por distintos establecementos da cidade:

- Restaurante Domus Casa Pardo. Ofrecerá dúas variedades, o bocadillo de callos á galega (5€)  e bocadillo de touciño entrefebrado de porco e polbo á mugardesa (5€).
- Restaurante Alborada. Ofertará o seu bocadillo de luras (5€).
- Restaurante Pablo Gallego, onde se poderá comprar o seu bocadillo de perdiz escabechada (5€).
- O Tío Xan. Ofrece un bocata de costela a baixa temperatura (5€) e outro de brioche artesán con guiso americano de vaca galega (5€).
- Boca Negra. Propón un molete ao vapor recheo de xamón asado e mostaza (5€) e un bocadillo de touciño entrefebrado grellado (4€).
- O Lagar da Estrella. Oferta un bocadillo de churrasco (4€) e outro de cordeiro (5€).
Roots Coruña. Leva á Feira un Bolo Bao de lacón con queixo (3€) e outro  de xurelo (3€).

O concelleiro Lema destacou que, ademais do festival, haberá diferentes accións promocionais, incluída unha nun voo de Vueling. En concreto, o próximo día 15 de novembro realizarase un evento conxunto para a promoción da cidade como destino gastronómico no itinerario Sevilla-A Coruña. Con motivo do Boucatise, o chef coruñés Pablo Pizarro, do grupo hostaleiro Boca Negra, realizará un showcooking no propio avión no que os pasaxeiros poderán gozar dunha das súas propostas de bocadillo gourmet.

Viaxe a Shenzhen

Por outro lado, o concelleiro foi preguntado pola súa viaxe a próxima semana á cidade chinesa de Shenzhen, no sur de China, coa intención de achegar investimentos para o Porto Exterior da Coruña. “Eles xa viñeron aquí ao pouco de conformarse o goberno local, nunha visita prospectora de novos contactos comerciais. Agora, devolvemos a visita para amosar a boa vontade e a disposición do Concello para colaborar e tender liñas que faciliten posibles investimentos, neste caso coa Confederación de Empresarios de Shenzhen”, explicou o edil, que recordou que Yantian (o porto de Shenzhen) é o segundo do país asiático en tráfico de contenedores. “A responsabilidade de buscar unha viabilidade para Langosteira, en canto a sumar máis investidores, non é algo que responda unicamente ao Concello. Sería bo que todos estiveramos xuntos neste esforzo”, declarou.

Documentos:

Díptico - Boucatise I Festival Bocata Gourmet da Coruña (1 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión