8 de xuño de 2016
Os concelleiros José Manuel Sande e Alberto Lema deron a coñecer hoxe os principais aspectos da regata, que se celebrará entre o 11 e o 14 de agosto e que supón “unha oportunidade de referenciar A Coruña como destino náutico a nivel galego e estatal”
Os concelleiros de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentaron na mañá deste mércores a nova edición da regata Tall Ships Races, que recalará na cidade do 11 ao 14 de agosto e que nesta edición ten, por primeira vez A Coruña, como punto final da proba. "Trátase dunha auténtica aposta, un reto, no que temos que saber conciliar a vía máis deportiva deste evento coa posibilidade de algo máis cultural, lúdico, festivo e turístico", remarcou Sande, quen indicou que a regata, pola relación da cidade co mar, "engarza con algunhas das apostas e proxectos deste Goberno -como reactivar as escolas náuticas-, e coa idea dunha cidade viva, con vocación de deporte, de cultura, de coñecemento, de facilitar a actividade e de disfrutar da propia cidade, cunha imaxe renovada que vincula o evento a unha parte estética e cultural necesaria". Na mesma liña, o responsable municipal de Emprego e Economía Social, con competencias no ámbito de Turismo, salientou esta cita náutica como "unha oportunidade para lanzar unha imaxe renovada de cidade, que se botaba de menos". A este respecto, Lema vinculou a promoción do evento "coa oportunidade de referenciar A Coruña a nivel non só galego, senón estatal e peninsular, como destino náutico e destino vencellado ao mar".
A Tall Ships Races coincide no tempo coa programación de festas de agosto da cidade, polo que haberá "moita actividade, que terá que ver coas festas e con moitas actividades náuticas, nas que estarán incluídos os clubes locais. A cidade vai estar chea, van ser días de efervescencia absoluta", salientou hoxe o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, lembrando que nos días previos terán lugar eventos como o Festival Noroeste-EstrellaGalicia, o Teresa Herrera ou a Feira do Libro -aínda activa nesas datas- xunto coa oferta tradicional das festas e outros actos que se sumen este ano. A este respecto, Sande sinalou que as sucesivas actividades terán tres epicentros, como son o porto deportivo, os Cantóns e a praza de María Pita, "coa idea de prolongar a actividade e descentralizala, tendo en conta a avultadísima afluencia prevista", e adiantou que se despregará un plan de mobilidade e seguridade, confluínte co Plan das Festas, que, entre outras cuestións, establecerá bolsas de estacionamento e sinalización clara, e incluirá un reforzo dos buses, e liñas alternativas de tránsito. Como expuxo, o acto inaugural da regata terá lugar o día 11 e haberá, o día 13 a medianoite, un disparo pirótécnico. Os barcos comezarán a chegar o día 10.
Como tamén indicou Sande, a proba suporá a chegada dun total de 35 embarcacións de grande tamaño -incluíndo unha patrulleira- procedentes de Europa e América e con máis de 1.250 tripulantes, ás que se sumarán arredor de 500 persoas vinculadas á organización (desde Protección Civil e Cruz Vermella e as persoas voluntarias ao o persoal municipal dos departamentos involucrados e da empresa organizadora, STI, ou a agrupación Juan de Lángara, o Club Náutico e as asociacións, clubes e entidades colaboradores). En canto ao investimento, o concelleiro de Culturas fixo unha estimación inicial entre todas as actividades que ronda o medio millón de euros, "tendo en conta que o canon que se pagou pola organización á empresa británica é de 226.000 euros". "O investimento é menor a outros anos, porque entendíamos que había cuestións que se podían racionalizar e cousas que se poden vincular ás festas", puntualizou, para recordar que este ano o Concello non dispón do patrocinio da Xunta de Galicia, que en anteriores edicións achegaba 5.000 euros a través de Galicia Calidade e 80.000 desde Turismo. "Unha vez máis, a Xunta deixa fóra a colaboración co Concello da Coruña", censurou Sande, para recordar que esta situación súmase a "unha sucesión de episodios xa repetidos", como a organización da final da Copa do Rei de Balonceso os as festas de San Xoán. "Parece que é a actitude que terá ata o final este goberno da Xunta, que é un desaparecido habitual", a cualificou.
Si colaboran, a través de patrocinios, a Deputación, El Corte Inglés, Abanca -que se recupera-, Repsol, Prosegur, Gadis, Estrella Galicia, Coca-Cola, A Coruña The Style Outlets e Caeiro, que estarán presentes nas máis de 30 carpas e puntos informativos, onde tamén terá presencia o Concello, a empresa organizadora, a agrupación náutica Juan de Lángara ou a Autoridade Portuaria que, como recordou Sande, permite o uso de espazos e instalacións portuarias sen percibir taxa algunha, tal e como se estipula no convenio asinado polo Concello co Porto para a celebración da regata.
Promoción e publicidade
O responsable de Emprego e Economía Social, pola súa banda, deu a coñecer as liñas do plan de promoción do evento, que se desenvolve desde a súa concellería, "dando continuidade á liña de colaboración que se segue desde o inicio entre Cultura, Festas e Turismo", e que inclúe a campaña promocional, a nova imaxe, a web ou a publicidade do evento, cun custo aproximado de 80.000 euros, "un plan axustado, dentro de cifras razoables para os fins que nos propoñemos". Como adiantou, a acción promocional dará presencia á regata e a súas actividades adscrutas tanto a nivel de proximidade, no ámbito de Galicia, Asturias e León -a través de soportes físicos- como nun radio de acción máis extenso, con campañas de ámbito estatal que inclúe accións no metro de Madrid e o de Barcelona.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible