19 de xaneiro de 2017
O alcalde recibe esta tarde a representantes do alumnado e profesorado, así como familias, para a entrega da maqueta resultante do proceso participativo ‘O noso patio’
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibirá esta tarde a membros da comunidade educativa do CEIP Sanjurjo de Carricarte, que acoden ao pazo de María Pita para facer entrega da maqueta resultante do proceso participativo O noso patio, desenvolvido nos últimos meses de 2016 a proposta do propio consello escolar do centro, e en colaboración coas concellerías de Xustiza Social e Coidados -responsable da área municipal de Educación- e de Participación e Innovación Democrática co obxectivo de definir de forma común a configuracións dos dous patios do centro, así como os seus accesos. A maqueta final resultante do traballo do alumnado, profesorado e equipo de Pedagoxía Terapéutica -trátase dun centro preferente para nenas e nenos con autismo- e familias, ademais de persoal non docente, será remitida agora á Concellería de Rexeneración Urbana, onde o equipo técnico analizará as propostas do centro, para ter listo, o próximo mes de febreiro, un plan detallado das propostas viables, de cara a poder iniciar os traballos de reforma dos patios neste mesmo ano. Esta maqueta final é produto do traballo do xurado (conformado por representantes de todos os colectivos participantes), e integra as solucións máis recorrentes das distintas propostas elaboradas durante o proceso, así como aquelas propostas que mellor resolven as necesidades das persoas usuarias deste espazo.
"Este Goberno local amosou sempre o seu compromiso coa educación pública de calidade, o que nos levou xa o pasado ano a facer unha inversión pioneira no mantemento e reparación dos centros públicos, asumindo incluso obras, como reparación de cubertas, que non eran da nosa competencia", sinala a este respecto a responsable municipal de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, quen confirma que o proxecto orzamentario do Goberno local xa prevé esta actuación, dentro da partida de programas educativos e, en concreto, na destinada a mantemento e reparacións dos colexios, para a que o proxecto orzamentario para este ano contempla unha partida de medio millón de euros.
O proceso de O noso patio, explica a responsable municipal de Participación, Claudia Delso, desenvolveuse en base a unha serie de obxectivos transversais, como é "o favorecemento da cohesión da comunidade educativa e os seus vínculos co barrio, promovendo a implicación das e dos escolares -neste caso, dos cursos 5º e 6º de Primaria- nun exercicio de toma de decisións, planificación colectiva e participación, e buscando conectar este proceso interno con outros de rexeneración do barrio e da cidade".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible