28 de marzo de 2017
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, avanza que o Concello estuda, en contacto con colectivos da contorna, a viabilidade de colocar neste punto un paso peonil regulado con semáforo, "dentro das medidas dirixidas a pacificar o tránsito para facer desta vía unha verdadeira avenida urbana e garantir a seguridade das persoas viandantes"
O Concello procederá, no prazo dun mes, a realizar as obras para a demolición da pasarela peonil que atravesa a avenida de Alfonso Molina, entre o IES Fernando Wirtz e o edificio de Novos Xulgados, que dá acceso á rúa Monforte. Os traballos, que xa foron adxudicados por un importe de 23.451,30 euros, prolongaranse por un prazo aproximado de dúas semanas e veñen motivados polas deficiencias estruturais e de seguridade que presenta a pasarela, tal e como se recolle nos informes internos e externos elaborados nos últimos meses, que conclúen que a infraestrutura é "irrecuperable" e recomendan a súa retirada. Tal e como fai notar o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, eses informes "advirten de problemas estruturais que comprometen a seguridade da pasarela e indican tamén que esta incumpre calquera parámetro de accesibilidade". Na mesma liña, un informe elaborado polo propio servizo municipal resolve a procedencia da eliminación da mesma ante a falta de uso -os datos recabados sinalan un uso máximo que non acada o 6% do total de peóns na contorna-, "e para liberar as beirarrúas do viaduto de Alfonso Molina e San Pedro de Mezonzo e a eliminación dos dous novos pasos peonís xerados nos entronques, pois non están semaforizados".
Tal e como recorda Díaz Grandío, esta pasarela non foi incluída no plan de conservación e mantemento destas infraestruturas que levou a cabo o anterior Goberno local. O seu derrubo servirá, en palabras do responsable municipal, para impulsar nese punto medidas dirixidas a pacificar o tráfico, "de cara a ir convertendo Alfonso Molina nunha verdadeira avenida urbana". Nese sentido, unha vez que proceda á eliminación da pasarela, o Concello iniciará a monitorización do tráfico nese punto, onde tamén está prevista a colocación de medidas de control da velocidade. O obxectivo, avanza o concelleiro, pasa por determinar a viabilidade de colocar nese punto un paso peonil regulado por semáforo, para o que é preciso que se cumpran uns criterios de seguridade para as persoas viandantes. A este respecto, a concellería iniciou xa os contactos con diversos colectivos da zona e outros implicados na seguridade do tráfico, como é o caso de Stop Accidentes, hoxe mesmo, para analizar esta cuestión. En próximas datas, está previsto que continúen as reunións, neste caso coas comunidades educativas presentes na contorna, a fin de analizar as medidas máis acaídas para solucionar o tránsito na zona.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible