Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2015

O Concello proxecta mellorar o acceso á futura estación Intermodal cunha nova vía entre a avenida de Arteixo e a da Sardiñeira

O proxecto abre unha vía fundamental para o cambio de modelo de mobilidade da cidade, salientou o concelleiro Daniel Díaz Gradío ao remate da reunión que mantivo hoxe coa directora xeral de Mobilidade, na que tamén participou o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela

O Concello abrirá, dentro de Plan de Accesos da estación Intermodal, un novo vial entre a avenida de Arteixo e a da Sardiñeira, así como dúas rotondas nos extremos, unha obra que servirá para facilitar a entrada dos buses urbanos, interurbanos e de longo percorrido á futura infraestrutura. É un dos asuntos que se abordaron na mañá deste martes durante a xuntanza de traballo que mantiveron en Santiago os concelleiros de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, e Rexeneración Urbana, Xiao Varela, coa directora xeral de Mobilidade da Xunta, Helena de Lucas, para abordar o proxecto da nova estación de buses, que conforma, xunto coa de ferrocarril, a futura Intermodal. Tal e como destacou ao remate da reunión o responsable municipal de Mobilidade Sostible, o novo viario que se executará supón unha modificación significativa no acceso á Intermodal, que pasará a facerse a través da rotonda de Eduardo Díz e a avenida de Arteixo, e non por Salgado Torres, como se contemplaba nun inicio, ao ser este “o mellor itinerario”.

O Concello farase cargo, dentro do proxecto da Intermodal, da execución viaria e da adaptación do PXOM a construción da nova estación de buses a través de Plan Especial da Intermodal. Pola súa banda, a Xunta comprometeuse hoxe a licitar “a curto prazo” a redacción do proxecto da nova terminal de buses, para que este poida poñerse en marcha no 2017. “Coa Intermodal ábrese unha vía fundamental no cambio de modelo de mobilidade da cidade”, subliñou Daniel Díaz Grandío, quen destacou tamén o “bo ambiente de traballo” da xuntanza.

Esta serviu tamén para abordar outras cuestións, como o avance nun convenio a tres bandas entre o Concello, a Xunta e ADIF (que se encargará da execución da parte ferroviaria da infraestrutura) para fixar as responsabilidades de cada administración no proxecto da Intermodal, así como os prazos e os investimentos. Igualmente, no encontro abríronse canles de diálogo entre os técnicos municipais que traballan no deseño urbanístico, para facilitar o contacto coa Administración autonómica.

“O Concello ten unha aposta decidida pola Intermodal, e a Xunta a secunda”, valorou hoxe o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quen vincula o proxecto da nova estación ao modelo de mobilidade do equipo de Goberno coruñés, que fomenta o transporte público por diante do privado e aposta pola conexión coa comarca e polos modos alternativos da mobilidade. Neste sentido, Varela salienta tamén que a posta en funcionamento da futura Intermodal afianza o modelo do Goberno local para a remodelación da Vedra e a súa humanización.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión