Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de maio de 2016

O Concello resolve sancionar á empresa encargada do servizo municipal de axuda a domicilio en base a informes que revelan deficiencias na súa xestión

A compañía enfróntase a dúas infraccións leves e catro de carácter grave logo da desestimación das alegacións da firma. “Tomaremos esta e todas as medidas que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento dun servizo clave para a Concellería de Xustiza Social e para moitos veciños e veciñas desta cidade”, advirte Silvia Cameán

O Goberno local vén de resolver o expediente de imposición de penalidades aberto a Clece SA, a empresa encargada do servizo municipal de axuda a domicilio (SAD) ante as deficiencias detectadas na xestión das súas obrigas. En concreto, e tras desestimar as alegacións presentadas pola firma en base a informes elaborados pola Concellería de Xustiza Social e Coidados, o servizo de Contratación, dependente da Concellería de Facenda e Administración de Eugenia Vieito, resolveu que a citada compañía incurriu en dúas infraccións leves e catro infraccións graves no desenvolvemento do seu traballo. O importe das penalidades impostas polo Goberno local ascende a un total de 6.600 euros, que serán retidos das certificacións mensuais a través das cales a Administración local lle aboa o prezo do seu contrato.

A concelleira responsable de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, indicou que “o desexo do Goberno local non é, en ningún caso, ter que chegar nunca a unha situación coma esta, nin ter a necesidade de sancionar a ningunha das empresas suxeitas a contratos municipais, pero é importante que quede claro que as políticas sociais e as personas en situación de vulnerabilidade son a nosa prioridade”. “De ningunha forma imos tolerar abusos e incumprimentos por parte nin desta nin de ningunha outra empresa”, indicou a responsable municipal, que advertiu de que “o Goberno local estará moi vixiante para actuar en caso de que non sexan subsanadas as deficiencias detectadas e de que, en calquera caso, esta situación non se volva repetir, nin con esta nin con ningunha outra empresa”. A este respecto, a edil, que ten as competencias en materia de asistencia social, remitiuse a un informe xurídico do Concello que indica que “tanto nos pregos como do documento contractual firmado con esta empresa se contempla a imposición de penalizacións no caso do cumprimento defectuoso da prestación contratada”.

A titular de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, pola súa banda, fixo fincapé en que “este Goberno local estará vixiante á hora de garantir a correcta execución tanto dos contratos anteriores como dos novos, onde xa hai incorporadas cláusulas sociais”.

Proceso e informes

Con data 10 de xuño de 2015, e antes da chegada do actual equipo de Goberno a María Pita, o Concello subscribiu con Clece SA o contrato para a xestión dunha parte do servizo municipal de axuda a domicilio polo sistema de concerto. En setembro do mesmo ano, e ante o coñecemento de incumprimentos contractuais, a concelleira Cameán solicitou un informe do servizo competente onde se constatasen as incidencias detectadas. Entre estas contabilizouse a falta de instalación de axudas técnicas en domicilios, as queixas de usuarios e usuarias por falta de coordinación, incumprimento de prazos nas altas, número insuficiente de coordinadoras e rotación excesiva de auxiliares.

No mes de novembro, o Concello mantivo unha xuntanza coa empresa, á que asistiron, por parte do Goberno local os e as titulares dos departamentos de Xustiza Social, Emprego e Economía Social e Facenda e Administración. Nesta xuntanza trasladouse á empresa a vontade do Goberno local de controlar a debida execución dos contratos públicos, así como que a súa firma estaba a incumprir numerosas obrigas. “Na reunión, esixíuselle á empresa unha reacción inmediata e un cambio radical en canto ao cumprimento das condicións do contrato, concedéndoselle un prazo de 15 días para levar a cabo as medidas correctoras precisas”, apunta Cameán. Transcorrido o prazo, e sen detectar que a compañía solucionara as incidencias producidas na xestión do servizo, dende a Concellería de Xustiza Social estimouse a iniciación dun expediente de esixencia de responsabilidades.

O pasado mes de febreiro, o Concello resolveu iniciar un expediente de imposición de penalidades á empresa Clece por execución deficiente de servizo, aínda que, como en calquera outro caso, se lle ofreceu un período de tempo, tanto para que consultase o expediente iniciado como para poder facer as súas correspondentes alegacións, se así o considerase oportuno. Foi a Concellería de Xustiza Social a encargada de analizar e emitir novos informes estimativos sobre estas alegacións.

Deste modo, durante o pasado abril, o servizo de Contratación, o encargado de resolver este expediente recibiu sendos informes, un elaborado pola Oficina Municipal de Dependencia, Maiores e Discapacidade, e outro do propio servizo de Acción Social. ambos dependentes da área de Xustiza Social que propuñan desestimar as alegacións presentadas por Clece, “xa que entenden que estas non acreditan a realización de actuacións que desvirtúen os feitos imputados”.

Cameán indicou que, non obstante, “o Goberno local quere deixar claro o seu apoio aos e as traballadoras de Clece”. “A nosa obriga non só pasa por defender as persoas en situación de maior vulnerabilidade que non estaban a ser atendidas debidamente, senón que tamén temos que atender ao cadro de personal desta empresa, motivo polo que reiteramos á esixencia de que se lle recoñeza o convenio colectivo recollido nos pregos”, comentou a concelleira“O que queremos deixar claro é que tomaremos esta, e todas as medidas que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento dun servizo clave para a Concellería de Xustiza Social e Coidados e para moitos veciños e veciñas desta cidade”, rematou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión