3 de febreiro de 2016
María García recorda as achegas feitas polo Goberno local ao Ministerio, como a necesidade de poñer en marcha un plan de rexeneración ambiental, e unha serie de medidas de posta en valor social, económica e pedagóxica, “xa que hai que ir moito máis alá do simple dragado”
A concelleira de Medio Ambiente, María García, mantivo este mércores unha xuntanza co resto de actores presentes na Mesa da Ría do Burgo na que acordaron elaborar de forma conxunta unha serie de alegacións ao proxecto de dragado da ría que pretende levar a cabo o Goberno central. A responsable municipal aclarou que o Goberno local, así como o resto de entidades incluídas na Mesa, xa presentaron, en prazo, ante o Ministerio de Medio Ambiente as súas achegas, “se ben, con esta acción tratamos de redactar un documento unitario de síntese que quere escenificar o noso consenso con respecto á recuperación deste espazo”.
“Trátase dun xeito máis simbólico que técnico, xa que as alegacións xa están presentadas en tempo e forma e, sobre todo, dentro do prazo estipulado polo Ministerio”, comenta García, quen indicou que como representante do Concello da Coruña, na reunión deste mércores, volveu recordar as principais reivindicacións que o Goberno local fixo ao plan de dragado.
“É necesario aproveitar o proxecto de dragado para unha rexeneración ambiental e ecolóxica de calado e de futuro. Esta pasa por mellorar a calidade ambiental da ría e por facer ese desexado corredor ecolóxico que vai dende o mar ata o encoro de Cecebre”, indicou. “Cando falamos de rexeneración, estamos a falar da protección do marisqueo, pero tamén da defensa da ría como un recurso didáctico e de uso social. Por iso queremos estar incluídos nunha mesa de seguimento de todo o proceso de dragado e de rexeneración, que siga funcionando con posterioridade, para manter a calidade ambiental e a rexeneración da ría”, recordou García, quen engadiu, dentro das reivindicacións do Concello coruñés que o plan de vixilancia e seguimento do dragado da ría sexa “máis exhaustivo e pormenorizado”.
Vertido cero
Por outro lado, e preguntada polos medios antes do encontro celebrado na Casa do Mar, a concelleira indicou que o Goberno local segue “traballando con intensidade no seu obxectivo de lograr o vertido cero por parte da cidade á Ría do Burgo”. Segundo recordou a titular de Medio Ambiente, o actual Executivo detectou á existencia no municipio coruñés de 20 fontes de vertido que partían de 17 puntos distintos, dos cales seis son de competencia allea ao Concello. O Executivo traballa no 100% deses puntos en distintas fases, e, durante o ano pasado, solucionáronse ata seis fontes de emisión (o que equivale a un 30% dos casos). Nesta xornada, a concelleira García sinalou que o Goberno municipal vén de solucionar neste inicio de ano un novo punto de vertido, que partía duns aseos na Praza de María Pita. Igualmente, indicou que o Executivo local prepárase para abordar e solucionar en breve outros dous puntos de vertido na zona dos Ministerios e Elviña, que xa contan cun proxecto feito.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible