22 de xuño de 2016
Haberá servizos especiais de buses durante a noite que conectarán a praza de Pontevedra cos barrios e cos tres aparcamentos disuasorios, habilitados en Lonzas e os centros comerciais de Carrefour de Alfonso Molina e Marineda City
O Concello vén de establecer para a xornada do día 23 un dispositivo de tráfico, co obxectivo de facilitar o tránsito de vehículos pola contorna das praias unha vez que se corte o Paseo Marítimo, entre a rúa do Sol e a praza de Portugal, para as celebracións do San Xoán, ás 19.00 horas. A partir desa hora, os vehículos procedentes da zona da Torre que vaian saír da cidade serán desviados a través da rúa Hospital, para chegar á praza de España e coller alí o túnel da Mariña. No sentido contrario, os vehículos que queiran dirixirse á zona de Monte Alto poderán acceder desde a Terceira Ronda ata a praza de Portugal, e alí circularán cara a Calvo Sotelo e Alfredo Vicenti para chegar á praza de Pontevedra, onde poderán coller a rúa San Andrés. Os cortes poderían ampliarse, en función de afluencia de xente á zona da enseada, ata a fonte dos Surfistas e a avenida de Manuel Murguía. Nese caso, os vehículos que circulen desde Monte Alto poderán desviarse na rúa Curros Enriquez ata a praza de España para acceder ao túnel da Mariña, mentres que os que pretendan dirixirse cara ao centro, desviaranse por Paseo de Ronda e a avenida da Habana.
As restricións de tráfico do Paseo Marítimo afectarán tamén aos itinerarios de sete liñas de bus, como son a 3, 3A, 4, 6, 6A 7 e 11. Os autobuses que fagan o traxecto en sentido Riazor-Matadorio recuperarán o itinerario polas rúas Habana, Alfredo Vicenti, praza de Pontevedra e San Andrés, mentres que aqueles que transitan en sentido inverso (Matadoiro-Riazor) farano pola avenida de Hércules, rúa da Torre, praza de España, Panaderas, rúa Orzán, San Andrés e praza de Pontevedra.
As celebracións de San Xoán provocarán tamén cortes de menor importancia noutras rúas, para dar cabida ás distintas actividades que se desenvolverán esa noite. De tal xeito, a partir da medianoite, procederase ao peche das rúas San Xoán e Cantábrico -entre Ángel Rebollo e Alcalde Abella- e da praciña de Antonio Tenreiro, que provocará o corte da rúa Emilia Pardo Bazán (excepto acceso a garaxes) e do acceso ao tramo de Juan Flórez comprendido entre os números 77 e 95. Neste caso, a circulación desviarase pola calzada superior de Juan Flórez ou ben por Marcial del Adalid. En canto ao tráfico procedente de Ángel Rebollo, dirixirase cara ás rúas Camariñas e Forcarei.
Para facilitar o acceso á zona das praias desde fóra da cidade e os barrios máis próximos á avenida de Lavedra, durante a xornada do día 23, o Concello habilitará tres aparcamentos disuasorios -o habitual de Lonzas, e outros dous, no centro comercial Carrefour-Coliseum de Alfonso Molina, e no centro comercial Marineda City-, que estarán conectados coa praza de Pontevedra por un servizo de buses lanzadeira entre as 22.30 e as 06.30 horas, cunha frecuencia de paso de 15 minutos ata as 02.30 horas e de 30 minutos o resto da noite.
Para conectar o centro da cidade cos barrios e facilitar a mobilidade durante a noite, funcionarán ademais oito liñas especiais de bus urbano, que partirán cada 15 minutos da praza de Pontevedra, entre as 00.30 e as 02.30 horas, con destinos nos Castros e Monelos; Matogrande e Eirís; San Pedro de Visma; Adormideras e Monte Alto; San José; o Ventorrillo; os Mallos e Mesoiro e Novo Mesoiro. Serán as seguintes:
Liña 1: praza de Pontevedra, praza de Ourense, Catro Camiños, Os Castros, Castrillón, avenida de Monelos.
Liña 1A: praza de Pontevedra, praza de Ourense, Catro Camiños, Caballeros, Salvador de Madariaga, Pajaritas, Matogrande, Eirís, Carrio das Flores, Monelos.
Liña 3: praza de Pontevedra, Fernando Macías, avenida da Habana, Paseo de Ronda, avenida de Gran Canaria, Labañou, Os Rosales, San Pedro de Visma.
Liña 3A: percorrido circular, entre Cidade Vella, Adormideras e Monte Alto.
Liña 6: praza de Pontevedra, avenida de Finisterre, San José.
Liña 7: praza de Pntevedra, Fernando Macías, avenida da Habana, Peruleiro, ronda de Outeiro, Villa de Negreira.
Liña 11: praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela, os Mallos, Vioño, avenida de Arteixo, Sardiñeira, ronda de Outeiro, avenida de Arteixo.
Liña 21: praza de Pontevedra, Ramón y Cajal, avenida de Pablo Picasso, Birloque, Martinete, Mesoiro e Novo Mesoiro.
A maiores, o servizo nocturno especial de San Xoán do Bus Búho realizará o seu percorrido circular desde o Obelisco entre as 03.00 e as 06.30 horas, cunha frecuencia de 30 minutos, coas súas principais paradas en Orillamar, Santo Tomás, avenida de Hércules, Labañou, ronda de Outeiro, estación de Ferrocarril, avenida de Pablo Picasso, o Birloque, Martinete, Mesoiro, Feáns, Novo Mesoiro, San Cristóbal, avenida de Camilo José Cela, avenida de Monelos, praza de Pablo Iglesias, praza de Concordia, avenida de Oza, Palloza e praza de Ourense, ata o Obelisco.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible