24 de outubro de 2017
O edil Daniel Díaz Grandío lembra que o Concello “ten os seus deberes feitos” e que só resta que a Xunta remate a marquesiña de Entrexardíns “e traslade os horarios das liñas de autobús, que aínda non comunicou ao executivo municipal”
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, participou esta mañá nunha nova xuntanza da Comisión de Seguimento da implantación do Plan de Transporte Interurbano, que integran o Concello e a Xunta de Galicia, e na que se fixou a data de inicio da primeira fase do proxecto. Será o día 6 de novembro cando once das liñas de autobús que transitan polos corredores de Oleiros e Culleredo, e que dispoñen da tecnoloxía necesaria para poder avaliar a implantación do Plan, comecen a penetrar no centro urbano da Coruña. O edil, quen lembrou que "o Concello ten os seus deberes feitos e está preparado para a posta en marcha do Plan", sinalou que para o goberno local "é totalmente viable" a proposta, "xa que os autobuses que entrarán na cidade contan co Sistema de Axudas á Explotación (SAE), o que permitirá realizar unha medición constante, en tempo real, do desenvolvemento do proceso de implantación, así como de indicadores que permitan coñecer, entre outros datos, a intensidade do tráfico ou conxestión peonil nas paradas". "O goberno local da Coruña quere garantir e asegurar o desenvolvemento sostible e integrado do sistema de transporte público, polo que entende como prioritario dispor das cifras de penetración das liñas dos corredores de Oleiros e Culleredo para que a Comisión de Seguimento, no caso de ter que levar a cabo unha reformulación do proceso para que este non incida negativamente na vida da veciñanza, poida facelo", incidiu o concelleiro.
A este respecto, o edil lembra que o executivo coruñés ofreceu á Xunta, o pasado 21 de setembro, a posibilidade de introducir os autobuses interurbanos na praza de Pontevedra a través do corredor de Arteixo, "unha opción que foi rexeitada propia Consellería ao non dispor todos os autobuses dos medios técnicos precisos que require esta primeira fase de acceso, como é o SAE".
En relación ao acordo alcanzado sobre a selección do 6 de novembro como inicio da implantación, o titular da área de Mobilidade Sostible sinalou que "hoxe foi a primeira ocasión na que o Concello tivo, oficialmente, confirmación da data, xa que, até o de agora, o goberno local nunca especificara unha data prevista e a Consellería de Infraestruturas tampouco trasladara ningunha proposta concreta á Comisión, senón que o presunto inicio da penetración sempre foi comunicado, exclusivamente, pola Xunta aos concesionarios, aínda que deixaba a porta aberta a posibilidade de que a implantación fose, precisamente, o luns 6", explica Díaz Grandío.
"A pesares de contar hoxe cunha data, o Concello aínda non recibiu, por parte da Consellería de Infraestruturas, a información correspondente aos horarios de entrada e saída acordados pola Xunta coas empresas concesionarias, datos que son necesarios para poder modificar a programación da estación de autobuses da Coruña, as regulacións semafóricas ou incluso comunicar ao teléfono de atención cidadá 010 os cambios e horarios para que a cidadanía teña coñecemento da proposta", advertiu o concelleiro.
O programa desta primeira fase presentado pola Xunta consta de 11 liñas de autobús que accederán tanto desde o corredor leste --avenida da Pasaxe--, como desde corredor centro --avenida Alfonso Molina-, e que dan servizo a Sada, Oleiros, Cambre e Culleredo (liñas 167, 168, 169, 170, 172, 2346, 2347, 2348, 4051, 4062, 4063) das empresas Autos Calpita, Eliseo Pita e Automóviles Sigrás Carral. "Aínda que a Xunta aínda non ofreceu na Comisión de Seguimento os datos horarios que establecerá, desde o goberno local estamos a traballar sobre os horarios actuais, e calculamos que a implantación destas liñas suporán 218 expedicións até o centro da cidade cunha media de entre 11 e 13 buses á hora. Sen dúbida é unha cifra importante en relación á incidencia no tráfico e na vida cotiá da veciñanza, polo que agardamos que a Xunta cumpra co seu cometido remita, á maior brevidade, os horarios das once liñas de autobús que, desde o día 6, circularán polo centro urbano", afirmou o edil.
Por último, o concelleiro destacou que a Xunta de Galicia aínda ten pendente rematar as obras da marquesiña da rúa Entrexardíns, "para que poida ser utilizada pola cidadanía en tempo e forma, á vez que comeza a penetración, e inclúa todos os equipamentos necesarios para o correcto desenvolvemento dun servizo destas características". "Polo que transmitiu o persoal de Infraestruturas na Comisión de Seguimento, os traballos de instalación da marquesiña finalizarán contra os primeiros días da semana que vén, o día 30 ou 31, polo que a posta en marcha do plan de penetración poderá comezar de cara ao mes de novembro, tal e como se acordou hoxe", dixo.

12 de decembro de 2025

12 de decembro de 2025

11 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible