Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de maio de 2017

O Goberno local inviste máis de 108.000 euros nas obras de reurbanización da rúa Meira, “unha medida moi demanda pola veciñanza”

O concelleiro Xiao Varela salienta que a intervención acompañarase da renovación e mellora do alumeado público nesta vía da Agra do Orzán

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda iniciou este mes de maio as obras de reurbanización da rúa Meira. As intervencións, que foron adxudicadas por un total de 108.190,73 euros, consisten na ampliación do ancho da beirarrúa, na renovación do saneamento do subsolo e na instalación de canalizacións municipais para o alumeado público e outros servizos do Concello. O edil Xiao Varela sinala que estas actuacións "resolven unha reclamación histórica das veciñas e veciños da Agra do Orzán". "Estamos a falar dunha reforma global deste espazo, atendendo a demandas da veciñanza, para favorecer, de novo, que o espazo público sexa máis amable, confortable e transitable para o peón", afirmou o edil.

"As obras na superficie da rúa mellorarán a accesibilidade e a mobilidade peonil", salientou Varela, ao ampliar o seu ancho a un mínimo de 1,50 metros, "e empegarán a solución normalizada para a cidade nos últimos anos", con bordos de granito gris e baldosas de formigón. Ademais destas melloras, a área de Rexeneración Urbana disporá catro novas árbores ao longo da rúa e tamén procederá á renovación e mellora do alumeado público.

"Coa ampliación da beirarrúa quedarán 7 metros de anchura para a calzada, que estará distribuída nun carril de sentido único e dúas liñas de aparcamento en cada unha das súas marxes. O pavimento da calzada estase a executar en formigón, material de máis resistencia e durabilidade ca o asfalto", especificou o concelleiro, que engadiu que a liña de prazas de aparcamento visibilizarase tamén mediante pezas prefabricadas de formigón. En canto ao subsolo, o Concello tamén realizará intervencións que melloren a sustentabilidade no espazo, xa que perfeccionará a capacidade das conducións, de modo que a rúa pasará a ter unha rede separativa de pluviais e fecais. "A obra na rúa Meira é, de novo, moi representativa en canto á maneira que está a actuar este Goberno e na súa concepción dunha cidade próxima, como é a de recuperar o espazo público para a xente e resolver demandas reais e necesarias nos barrios da cidade a través de obras de alto impacto para a vida das persoas que neles habitan", sentenciou Varela.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión