Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de marzo de 2017

O Goberno local renovará a pavimentación de Vila de Negreira e favorecerá a accesibilidade peonil no barrio coa ampliación das beirarrúas

O concelleiro Xiao Varela sinala que esta intervención de reordenación da calzada mellorará a seguridade da veciñanza “ao pacificar o tráfico na zona”

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda iniciará o próximo mércores, 29 de marzo, a reforma da calzada da rúa Vila de Negreira.  O Goberno local aproveitará a substitución da rede de saneamento na zona para renovar un tramo do pavimento da calzada con lousa de formigón de alta calidade e reordenar os elementos da superficie. Esta actuación será, segundo o edil Xiao Varela, "unha intervención de alto impacto que mellorará a calidade de vida do barrio", xa que a obra permitirá "a ampliación dos treitos máis comprometidos das beirarrúas, que ofrecerán maior seguridade peonil nos cruzamentos". A obra, que se desenvolverá até o mes de maio e na que o executivo coruñés investirá 154.759 euros, "segue a liña proposta este ano pola Concellería, na que se avoga por realizar intervencións que benefician a poboación, ao ser en rúas moi transitadas, e que resolven así demandas reais da cidadanía, como no caso de Vila de Negreira", sinala Varela.

Así, o Goberno municipal procederá a rexenerar a totalidade da calzada no tramo da vía situado entre a rúa Observatorio e Ronda de Nelle para, a continuación, ampliar as beirarrúas nos distintos cruzamentos que se atopan neste segmento de Vila de Negreira, unha actuación aparellada ás melloras puntuais da recollida de augas pluviais. Nesta intervención, que se acometerá en distintas fases desde esta semana, "mellorarase a accesibilidade peonil no barrio e, co agrandamento das marxes da vía, pacificarase tamén o tráfico", explica o edil. O procedemento para o calmado farase a través da ampliación das beirarrúas nos cruzamentos, "cunha orella que gañe espazo ao asfalto en favor do peón", e que se acompañará da plantación selectiva de árbores nos puntos máis anchos. "É absolutamente prioritario poñer a día o espazo público, adaptándoo ao uso de todas as persoas, e acadar un equilibrio entre a mobilidade peonil e o tráfico rodado", incide o responsable municipal. A este respecto, Varela salienta a creación "dunha pequena zona de estancia" no cruzamento entre Vila de Negreira e López Amor. Esta actuación suporá, ademais do ancheamento da rúa, a instalación de elementos como árbores e un banco reclinado, "o que posibilitará, a través dunha intervención mínima, a creación dun lugar máis acolledor e inclusivo para todas as veciñas e veciños", asevera o concelleiro, quen lembra que o obxectivo destas actuacións "é conseguir un deseño universal do espazo público, para que este sexa accesible e amable coa veciñanza". As obras de renovación da calzada provocarán modificacións no tráfico desde o mércores 29. A primeira fase da obra realizarase no tramo da rúa Vila de Negreira comprendido entre José Baldomir e Ronda de Nelle, así como na rúa Francisco Añón entre Galo Salinas e Vila de Negreira. A continuación, na segunda fase, establecerase o corte total da vía entre Observatorio e José Amor López. Esta actuación provocará modificacións na liña de autobús urbano 7, que se desviará pola avenida Conchiñas para continuar, de seguido, pola Praza do Comercio e Aaiún ata chegar á Ronda de Nelle.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión