Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2016

O grupo de Goberno vén de presentar unha reclamación aos Orzamentos aprobados de forma inicial “para solucionar o desequilibrio que introduciron as emendas"

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, explicou que as alegacións do Goberno local buscan “un presuposto equilibrado que garanta a adecuada execución dos servizos municipais”

A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, informou esta mañá das liñas básicas da reclamación que o grupo de Goberno, a través da concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, vén de presentar á aprobación inicial do Orzamentos municipais para este ano. Desta forma, o Goberno local pretende que o presuposto que finalmente se aprobe de forma definitiva en Pleno “sexa equilibrado” e estea libre dos “descadres orzamentarios que introduciron as emendas aprobadas no último Pleno extraordinario”. “As emendas aprobadas supoñen un descadre nos orzamentos e nós o que facemos é darlle unha solución viable e legal, que garanta o normal funcionamento dos servizos, que é o que pretendemos. Pensamos que esta é unha solución viable para unha aprobación definitiva con seguridade xurídica”, indicou a responsable municipal durante a comparecencia deste martes, na que tamén recordou os informes remitidos tanto pola Oficina Orzamentaria como pola Intervención Xeral, que viñeron ratificar os desequilibrios que estas emendas causaron no proxecto presupostario.

IMCE e Consorcio de Turismo

A reclamación do grupo de Goberno aposta por eliminar a minoración de 600.000 euros para o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) que introduciu unha das emendas aprobadas sobre o proxecto orzamentario do Executivo local. “Apostamos por deixar sen efecto esta rebaixa no orzamento previsto e, en consecuencia, por minorar polo mesmo importe as cantidades que se incrementaban en determinados convenios nominativos, para os que, por enriba, non se especificaba a finalidade”, dixo Vieito. Desta forma, o grupo de Goberno alega contra o Orzamento inicialmente aprobado en Pleno e solicita que se aumente en 600.000 euros o crédito inicial de aplicación de gastos para o IMCE que tiña previsto o Executivo e que ascendía a 4,1 millóns de euros.

Por outro lado, a reclamación do Goberno local tamén destaca a necesidade de que se aumente o crédito previsto para a transferencia que o Concello realiza ao Consorcio de Turismo, por importe neste caso de 415.000 euros, reducindo desta forma a baixa proposta pola mesma emenda. Vieito comentou que é preciso que este ente muncipal conte co crédito inicial previsto polo Goberno local, “xa que é a única forma de que poida cubrir as necesidades de gasto que se prevén, tendo en conta as actividades a desenvolver con esa achega”. “Existen compromisos con terceiros e obrigas co persoal que quedarían en descuberto, se se mantén a minoración no Consorcio proposta pola oposición”, indicou.

Créditos insuficientes

O grupo de Goberno tamén decidiu reclamar modificacións no Orzamento inicial naqueles supostos en que os créditos aprobados non son suficientes para cubrir as necesidades que se prevén, feito que, como salientou Vieito, vai en contra do estipulado na Lei de Facendas Locais. En concreto, isto sucede noutra das emendas que saíron adiante en Pleno extraordinario. “Como xa se comentou, esta situación se reproduce en varios casos, ou ben por existir un gasto xa executado no orzamento prorrogado, ou ben por estar acreditada a necesidade de crédito por un importe determinado (e superior ao contabilizado na emenda do grupo socialista) para poder dar cobertura ás necesidades do servizo até fin de ano”, indicou a concelleira.

A responsable de Facenda fixo fincapé, a este respecto, na partida necesaria para poder publicar os procedementos tributarios. A emenda do PSOE pretende deixar esta partida a cero, a pesar de que xa hai executados máis de 11.000 euros, e o servizo prevé gastar no resto do exercicio un total de 19.802,86 euros. “O mesmo ocorre coa partida reservada para a inserción de anuncios de sometemento a información pública de expedientes urbanísticos”, engadiu a concelleira, que recordou a obriga da Administración local de cumprir coas normativas de aplicación vixentes. “A emenda afecta, e deixa sen crédito suficiente, a partidas tan necesarias como as destinadas á redacción de proxectos para actuacións urbanísticas ou a prevista para o proxecto de mellora de accesibilidade na Cidade Vella”, dixo. “O mesmo pasa con cousas tan básicas como a partida prevista para a contratación de mantemento de fontes, proxectos de saneamento, alumeado público e tramitación de autorizacións de verteduras de augas residuais”, apuntou.

Créditos con problemas de execución

As alegacións preparadas polo Goberno local á aprobación inicial dos Orzamentos tamén apostan, na necesaria busca do equilibrio orzamentario, “por que se minoren, a súa vez, outra serie de créditos que presentan importantes problemas de execución e que, nalgunhas ocasións afectan a partidas indispensables para cubrir necesidades básicas”.

A responsable de Facenda insistiu, por outra banda, en que “na aprobación inicial dos presupostos, e debido tamén as emendas aprobadas, se produce unha situación de insuficiencia contra a que igualmente hai que reclamar”. “Determinados créditos non cubren as necesidades previstas pero, ademais, existen casos nos que a vinculación de partidas a destinos específicos deixa sen créditos suficientes outras previsións que garanten o normal funcionamento da administración”, explicou.

Así, por exemplo, e debido á emenda socialista, no caso de subvencións para a rehabilitación de vivendas, o crédito total de 721.604,55 euros queda vinculado a dúas convocatorias de axuda diferentes: unha de 350.000 euros para vivendas en núcleos rurais, e outra de tan só 421.604,55 euros para rehabilitación de vivendas e edificios en xeral. Este saldo resulta insuficiente para atender a todas as solicitudes de subvención.

Bases de Execución do Orzamento

Por último, o Goberno local tamén ten intención de reclamar a respecto das Bases de Execución do Orzamento. En concreto, e segundo explicou a concelleira de Facenda, a proposta pasa por reclamar en contra da base número 9, que atinxe ás retribucións do persoal, “por atribuír competencias ao Pleno da Corporación en canto ao réxime retributivo do persoal eventual, sendo isto competencia da Xunta de Goberno local”. “Reclámase desta forma recuperar a redacción incluída no proxecto orzamentario do grupo que sustenta o Goberno municipal”, comentou. En segundo lugar tamén se formula outra reclamación contra a base número 7, relativa ás modificacións orzamentarias e que, tal e como foi aprobada debido á alianza entre PP e PSOE no último Pleno extraordinario, “establece unha limitación ás transferencias de crédito, incluso as que son competencia de Alcaldía, que é maior á legalmente esixida”.

Tal e como adiantou a concelleira durante a súa comparecencia, o Goberno local está agora á espera de recibir todas as alegacións –dado que, aínda que hoxe remata o prazo, poden chegar desde outras administracións, rexistros e incluso a través de Correos– para, posteriormente, analizar e facer públicas todas elas. “Consideramos, con vistas a que calquera pode presentar unha reclamación, que é necesaario, e o máis prudente, avaliar todas as reclamacións presentadas e, posteriormente, é o momento procedente no que debemos sentarnos e buscar un acordo común. Sabemos que temos marxe de manobra para esa negociación”, observou Vieito, para sinalar que as reclamacións teñen que ser informadas e ditaminadas pola comisión informativa de Facenda, antes de ser levadas ao Pleno. Preguntada polos prazos, a concelleira subliñou a intención do Goberno local de celebrar esa comisión “o antes posible para, se fose viable, levar as alegacións ao próximo pleno ordinario”, que está fixado para o vindeiro 9 de maio, se ben lembrou que os prazos legais permiten un mes de marxe para a aprobación definitiva por parte do Pleno, desde a finalización do período de alegacións, que conclúe hoxe. “Tentaremos facelo o antes posible pola responsabilidade de ter un orzamento definitivo aprobado para a cidade”, salientou a responsable de Facenda, antes de remarcar que no equipo de Goberno “estamos a facer todo o posible para conseguir unha saída a un descadre orzamentario que non causamos precisamente nós”.

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión