Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de outubro de 2017

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieto, amosou a súa satisfacción pola aprobación de medidas “que continúan a senda iniciada polo goberno local en 2015”

O Pleno aproba as ordenanzas fiscais e de recadación para 2018, "que, con novas medidas de progresividade, afondan nun modelo de cidade máis xusto e redistributivo"

As persoas perceptoras de prestacións sociais como a Risga ou a Renda Social Municipal beneficiaranse da cota cero na taxa da recollida de lixo e de depuración, como xa sucede dende 2016 co recibo da auga

O Pleno municipal aprobou este venres, en sesión extraordinaria, as modificacións das ordenanzas fiscais e de recadación para o ano 2018, que afondan "nos principios de progresividade e de equidade que promove o executivo municipal". Ademais, e segundo destacou na súa comparecencia a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, "estas ordenanzas, que por fin aprobamos para o beneficio de todos e todas as coruñesas, continúan a senda que iniciamos en 2015, e buscan introducir medidas que sirvan para aliviar a carga dos veciños e as veciñas que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade". "Este goberno local cre nun principio de xustiza redistributiva e en que aquela parte da cidadanía que menos posúe non pode ser a que soporte unha maior presión fiscal", dixo a titular de Facenda, que recordou que, ademais de axudar ás rendas máis baixas, "tratan de favorecer o uso das instalacións deportivas e culturais da cidade, así como a promoción do pequeno comercio". A edil destacou que as ordenanzas aprobadas foron negociadas co grupo municipal socialista, ao que agradeceu "o seu cambio de actitude". "É necesario traballar a prol da cidade con medidas que axuden a unha cidade máis xusta, e esperamos que esta colaboración polo ben da veciñanza se repita ", apuntou.

A este respecto, e na comparecencia posterior á reunión da Xunta de Goberno Local, o alcalde, Xulio Ferreiro, salientou a aprobación das ordenanzas por parte da maioría do Pleno. "Isto demostra que estabamos no camiño correcto cando propuxemos estas modificacións fiscais que, por outro lado apenas se diferencian das que presentamos o ano pasado sen que saísen adiante", recordou. "Supoño, que nesta ocasión, si puidemos aprobar as ordenanzas porque o PSOE asumiu unha liña correcta que buscar axudar, colaborar e poñerse de acordo co goberno municipal en torno a asuntos concretos", dixo. "O PSOE está a asumir, e alégrome, o espírito de cooperación que lles propuxemos explorar hai ano e media naquela carta que lle remitimos e que se chamaba 'Pola Coruña, sumamos'", engadiu. O primeiro edil evidenciou que "o grupo municipal socialista e o de goberno poden ter diferenzas de posicionamento ou de traxectoria nesta cidade pero sempre hai espazo para poñerse de acordo cando falamos de cuestións concretas". "Agardo que esta liña de traballo poida estenderse aos orzamentos municipais para o ano que vén, así como a outros proxectos importantes para a cidade, como o bordo litoral ou a área metropolitana, asuntos nos que creo que hai espazo tamén para o encontro", indicou.

Taxa do lixo

A concelleira de Facenda indicou que a aprobación das ordenanzas fiscais é "unha moi boa noticia", unida aos datos de execución ao longo deste exercicio. "Este ano, con orzamentos aprobados a finais de maio, temos unha execución global a data de hoxe do 56,2% sobre os créditos totais, dato, por exemplo, superior ao do ano 2014 por estas datas, que era do 51,45%", comentou. "Ao mesmo tempo, neste mandato reducimos a débeda que deixou o anterior goberno, a través dun refinanciamento de 62 millóns de euros, co que aforramos 5,6 millóns. Ao fío, fomos capaces de cancelar un plan de axuste innecesario que nos impedía participar en consorcios, limitando a autonomía municipal, de xeito que aforramos medio millón de euros que dedicamos a convenios con entidades deportivas e sociais", evidenciou.

Entre as novidades aprobadas hoxe de forma inicial, cóntase a inclusión de novas medidas sociais nas ordenanzas fiscais, das que destaca a aplicable na taxa do lixo, que vai parella ás medidas xa introducidas por este goberno na taxa da auga. En concreto, a ordenanza fiscal número 6, reguladora do imposto municipal pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos sólidos urbanos, aplicará unha serie de coeficientes redutores sobre a tarifa destinada a fogares en situación de precariedade. Así, introdúcese a cota cero para aquelas persoas que perciben a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou algunha prestación de carácter similar, como é o caso da Renda Social Municipal (RSM). Por outro lado, cando a renda familiar non supere o IPREM, a tarifa doméstica para vivendas multiplícase por 0,25, conseguindo, por tanto, un aforro do 75%. No suposto de que a renda sexa inferior a 1,5 veces o índice IPREM, a cota será o resultado de multiplicar a tarifa por 0,5, cun desconto, por tanto, do 50%.

Do mesmo xeito, e tal e como xa ocorre na taxa de entrada de vehículos desde a vía pública, no IVTM e no IAE, a modificación aprobada implica que nos casos de alta ou baixa na prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo que non coincida co ano natural, a taxa sexa calculada proporcionalmente ao número de trimestres que quedan para rematar o ano, e non por semestres, como até agora. Un sistema máis preciso e máis xusto para os e as contribuíntes.

Medidas sociais

Tamén foi sometida a cambios a ordenanza fiscal número 7, reguladora da taxa pola prestación do servizo de sumidoiro e depuración de augas residuais, en liña co acordo acadado por unanimidade no Consello de Administración da EDAR de Bens en xuño do pasado ano, que establecía que os concellos integrados na sociedade que xestiona a depuradora inclísen exencións (cota cero) para aquelas persoas titulares da Risga e prestacións ou axudas análogas de carácter social, como é o caso da Renda Social Municipal. Por outro lado, o executivo municipal propón, como no caso da taxa da auga e do lixo, a introdución dunha serie beneficios fiscais en función da renda. De novo, tributarán a cota cero os consumos domésticos das persoas contribuíntes que sexan perceptoras de prestacións sociais.

Os cambios establecidos tamén recollen a modificación da ordenanza fiscal número 14, reguladora da taxa pola inmobilización, retirada e almacenamento de vehículos. Desta forma, introdúcese a cota cero para os conceptos tanto de retirada e traslado como de almacenamento de vehículos nos casos nos que exista unha denuncia previa por roubo e este apareza abandonado e sexa retirado pola Policía Local ao depósito municipal, así como nos casos no que o almacenamento do mesmo derive dunha orde xudicial.

Fomento da actividade económica

Entre as modificacións das ordenanzas fiscais tamén figuran as que teñen como obxectivo o estímulo da actividade económica. En concreto, proponse a modificación da tarifa fiscal número 4, relativa ao outorgamento de licenzas de aperturas de establecementos. Así, a Xunta de Goberno Local aprobou a aplicación dunha tarifa de cota cero aos traspasos, cesións ou transmisións de titularidade sempre que non muden as actividades, así como a aplicación dun coeficiente redutor do 25% aos establecementos cunha superficie inferior a 150 metros cadrados. Do mesmo xeito, co obxectivo de fomentar a actividade económica da cidade e diminuír a presión fiscal das empresas situadas nas zonas máis afastadas do centro urbano, proponse unha rebaixa do 10% no coeficiente de situación do Imposto de Actividades Económicas (IAE) nas categorías fiscais das rúas 4ª e 6ª. Deste xeito, preténdese favorecer o desenvolvemento da actividade empresarial tendo en conta a situación física dos locais dentro do termo municipal.

Por outro lado, no que atinxe ao aproveitamento especial do dominio público, recóllese un incremento do 25% nas tarifas aplicables a surtidores de gasolina e aparellos de venda automática.

Imposto de Bens Inmobles

No que atinxe á ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI), óptase por ampliar a bonificación regulada aplicable aos bens de características especiais que pertencen ao grupo de portos comerciais, a aqueles inmobles que teñan por actividade principal a explotación de parques e recintos feirais, así como actividades náuticas.

Neste punto, a concelleira Vieito quixo salientar que "ao contrario do que indica moitas veces o PP, este goberno local non só nunca subiu o IBI, senón que o baixou o máis posible, especialmente para aquelas persoas en situación de dificultade económica, aplicando toda aquelas bonificacións que permite a lei de facendas locais, e introducindo, por primeira vez, criterios de renda á hora do pago de determinadas taxas".

"O que levamos a cabo son medidas progresivas, baixar o IBI sen máis, tal e como propón o PP, sería unha medida regresiva, xa que a normativa vixente non permite aplicar tipos impositivos en función da renda, gravando ás vivendas de forma lineal", indicou a titular de Facenda. "Para unha vivenda de tipo medio, cun valor catastral de 59.000 euros, por exemplo, a rebaixa que pretende o PP suporía un aforro anual de 17 euros, mentres que, por exemplo, a vivenda de maior valor catastral do padrón do IBI da Coruña, conseguiría dun aforro anual de máis de 900 euros, multiplicando por máis de 50 o aforro dun inmoble medio", explicou.

Noutra orde de asuntos, a variación da ordenanza fiscal número 1 reguladora da taxa por tramitación e expedición de documentos administrativos suprime as diferencias de tarifa á hora da expedición da tarxeta Millennium, independentemente de se a persoa solicitante está empadroada  ou non no Concello da Coruña.

Instalacións deportivas

En relación ás instalacións deportivas públicas da cidade e o uso das mesmas, o goberno local levou a cabo unha revisión na ordenanzas correspondente que ofrece máis posibilidades de financiamento ás entidades deportivas, en liña co compromiso que o goberno municipal sempre amosou coas mesmas. Dese xeito, suprímese o concepto de patrocinio tal e como se regulaba na anterior ordenanza e se redefine o feito impoñible. Así, tanto adestramentos como competicións deportivas federadas quedarán exentos de taxas, o que derivará, ademais, en que, se así o consideran, os clubs usuarios das instalacións poderán proceder a un cobro de taquilla.

Por último, entre as principais novidades das modificacións de ordenanzas fiscais para 2018 aprobadas polo Pleno destaca a modificación das taxas pola prestación de servizos nos museos e outras instalacións culturais. Coas novidades introducidas, a tarifa reducida para menores será aplicable a rapaces e rapazas que non teñan cumprido os 16 anos (na actualidade 14), mentres tamén se inclúe o suposto de cota cero aos e ás estudantes da UDC.

Ordenanza Xeral de Recadación

Á marxe da modificación das ordenanzas fiscais, o goberno local tamén propón para o próximo ano unha serie de melloras nos procedementos de recadación, de forma que se dean maiores facilidades de pago á cidadanía, procurando que o aboamento de tributos cause o menor impacto posible nas economías máis precarias. No que atinxe ao Plan de Pago Personalizado que oferta o Concello, establécese un límite máximo de bonificación por contribuínte de 5.000 euros. O tope aplícase sobre o total dos recibos de IBI e IVTM. Con isto preténdese minorar o menoscabo da Facenda municipal que resulta da aplicación ilimitada da bonificación, da que só se benefician os e as contribuíntes con maior capacidade económica. Por outro lado, tamén desaparece a obriga de manter vixente a mesma conta de domiciliación durante a xestión anual do plan, co fin de axilizar e evitar os problemas na xestión administrativa.

Tamén se adianta ao 31 de decembro o fin do prazo para solicitar novas altas, de cara a facilitar a xestión administrativa das mesmas antes do primeiro cargo en conta, que se efectúa o 1 de marzo do ano seguinte. Non obstante, e para evitar molestias á cidadanía, este ano manterase vixente o prazo actual de presentación de solicitudes, que expira o vindeiro 31 de xaneiro.

Adiamentos e fraccionamentos

Entre as modificacións incluídas na ordenanza xeral de recadación no que atinxe ao pago de débedas tributarias en vía executiva co Concello, establécese un aumento dos prazos de pago segundo tramos de débeda, o que se traduce nunha minoración en xeral do importe das cotas mensuais. Con isto, o que se pretende é dar facilidades aos e ás contribuíntes cunha capacidade económica máis reducida que, en moitas ocasións, teñen dificultades para facer fronte ás cotas na súa escala natural.

Ademais de aumentar o fraccionamento de pagos, a ordenanza introducirá agora unha serie de supostos que posibilitarán a tramitación de adiamentos de pago a persoas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade e, polo tanto, con graves problemas para poder realizar o pago das súas débedas. A extensión dos prazos pode acadar ata un máximo de tres anos. Por outro lado, o goberno local tamén propón nas ordenanzas de recadación para o próximo ano unha elevación do límite de pago exento de achega de garantías, fixándoo en 30.000 euros.

Votacións

O Pleno da Coruña aprobou por unanimidade cambios nas ordenanzas fiscais 1, 4, 14, 15, 32 e 54, así como na ordenanza xeral de recadación. A modificación da ordenanza fiscal de recollida e tratamento de lixo tamén foi aprobada coa única abstención do BNG, mentres que os cambios na ordenanza que rexe a taxa de depuración foi aprobada cos votos con contra dos e das concelleiras do grupo municipal do PP, que tamén se abstivo na aprobación da taxa número 16 de prestación de servizos dos museos e instalacións culturais. Por outra outra banda, a ordenanza de regulación do IBI saiu adiante coa abstención do BNG e o voto en contra do PP, formación que presentou unha emenda que foi rexeitada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión