Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de febreiro de 2017

O Pleno aproba unha modificación na ordenanza da ORA que posibilitará que os e as usuarias "poidan anular o seu aviso de denuncia, e evitar o pago de sancións"

O concelleiro Xiao Varela recorda que até decembro do ano pasado, o Goberno local outorgou 750 licenzas e deu luz verde a máis de 3.000 obras amparadas na comunicación previa no mesmo período

A sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de febreiro aprobou este luns (co voto a favor de todos os grupos, agás o PP, que se abstivo) as modificacións propostas polo Goberno local na ordenanza relativa ao servizo público de ordenación e regulación do aparcadoiro na zona de uso xeral -a ORA-, dirixidas a dar cobertura e seguridade xurídica aos cambios aprobados no pleno de xaneiro na ordenanza fiscal que regula as taxas de estacionamento de vehículos na vía pública, en relación ao aparcamento en zona ORA sen tícket ou por un tempo superior ao establecido no mesmo. Deste xeito, tal e como expuxo o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, a ordenanza pasa a especificar que "non terá consideración de infracción", nin o estacionamento en zona azul sen o título habilitante específico que o autorice, nin tampouco o estacionamento por tempos superiores ao establecido no ticket "sempre que a persoa usuaria aboe a tarifa por estacionamento sen título ou a tarifa por exceso reguladas na ordenanza fiscal correspondente". Isto é, que os e as usuarias terán dereito a anular o seu aviso de denuncia, e por tanto, evitar o pago de sancións.

"Hoxe traemos a Pleno a aprobación inicial da modificación da ordenanza do Servizo público de ordenación e regulación do aparcadoiro, e traemos, en concreto, unha ordenanza de compromiso, cunha única modificación puntual no seu artigo número 12, denominado Infraccións, propoñendo unha modificación puntual que é precisa para desfacer o brete xurídico que existe como consecuencia do vivido no pasado Pleno ordinario de xaneiro" explicou. Naquela sesión, levouse á Cámara tanto a aprobación da ordenanza fiscal número 21, a que regula as taxas por aparcamento de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas, como a ordenanza de xestión, aquela de regula o uso da zona ORA. Mentres que a ordenanza fiscal foi aprobada cos votos favorables do grupo de Goberno, e coa abstención do BNG e o PSOE, a ordenanza de xestión foi rexeitada cos votos en contra do PP e do PSOE. "Tras ese estraño xogo no sentido do voto, a realidade é que as dúas ordenanzas quedaron descoordinadas, cando están obrigadas a bailar ao mesmo ritmo", dixo o concelleiro. "O que se pretende co Pleno de hoxe é articular unha modificación na ordenanza para que as persoas usuarias da zona ORA poidan evitar o pago de sancións por un custo de 60 euros, ou 30 en pronto pago. Na vez diso poderán pagar 1,5 euros, 3 ou 6 en función do tipo de incumprimento da ordenanza", explicou.

Díaz Grandío lamentou que "a pinza entre PP e PSOE que tivo lugar no anterior Pleno obrigou a deixar polo camiño melloras na ordenanza da ORA tales como a eliminación dunhas prazas de uso xeral de curta duración (parking exprés) totalmente ineficientes, que os usuarios con tarxeta de estacionamento de mobilidade reducida poidan dispoñer de dúas horas diarias de aparcadoiro de balde en zona azul, ou o lanzamento dun plan piloto nas zonas verdes de aparcadoiro de residentes con menos uso, para que se puidese integrar unha nova figura de estudo, como é a do residente laboral". "Cuestións estas, por certo, curiosamente traballadas e introducidas neste proceso de modificación de ordenanza polo mesmo partido socialista que posteriormente votou en contra", evidenciou. O responsable local referiuse, durante a súa intervención, ao informe do interventor municipal solicitado polo Goberno en relación ao destino da recadación das tarifas derivadas da retirada de sancións por estes dous supostos, e que establece que eses ingresos irán ás arcas municipais "en virtude do equilibrio económico do contrato".

Por outro lado, a Cámara tamén deu o visto e prace a aprobación definitiva do estudo de detalle para a ordenación de volumes para a ampliación das instalacións do Coruña British School, sito na Zapateira. No marco do debate sobre este asunto, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, manifestou que o Goberno local ten xa 38 obras rematadas, que se "corresponden con demandas históricas nos barrios". Ademais, entre xuño de 2015, cando o actual Goberno local chegou a María Pita, e decembro do pasado ano, o seu departamento aprobou 750 licenzas e deu luz verde a máis de 3.000 obras amparadas na comunicación previa no mesmo período.

Entre outros asuntos  levados a Pleno, o alcalde, Xulio Ferreiro, tamén dou conta do decreto que activou a pasada semana por mor do temporal, e polo que se constituíu o centro operativo de emerxencias, integrado por todos os actores e entidades con competencias na seguridade cidadá, e polo que se facultou ao concelleiro de Rexeneración Urbana a dispoñer dos medios materiais e humanos necesarios para facer fronte aos desperfectos causados por este fenómeno meteorolóxico adverso. Foi no marco deste decreto, no que se decidiu, co obxectivo de preservar en todo momento a seguridade da veciñanza, a suspensión dos partidos de fútbol e baloncesto que ían ter lugar o pasado venres nas inmediacións de Riazor. Ademais, o Pleno aprobou a concesión aos Salesianos da Medalla ao Mérito na categoría de ouro a petición do antigo alumnado do centro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión