Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de abril de 2016

O Pleno dá luz verde á moción do grupo de Goberno que declara A Coruña como “cidade contraria ao maltrato animal”

A Cámara tamén deu luz verde, entre outras, á defensa do patrimonio da cidade e á reclamación do uso público dos terreos do Ministerio de Defensa que pretende levar a poxa

O Pleno municipal vén de aprobar unha moción presentada polo grupo de Goberno, en colaboración coa Asociación Animalista Libera que, a súa vez, tamén se coordinou con outras entidades en defensa dos animais. Así, a Cámara aprobou --cos votos a favor dos e das concelleiras do equipo de Goberno, o PSOE e o BNG, e a abstención do PP-- declarar A Coruña como “cidade contraria ao maltrato animal”. O texto da iniciativa propón que o Concello se comprometa a realizar campañas de sensibilización, tanto propias como conveniadas con entidades que traballan en defensa dos animais. Igualmente, solicita que a Administración local “non subsidie, apoie ou patrocine eventos onde os animais sexan sometidos a trato cruento ou tortura, como é o caso das touradas”, e que “modificando as disposicións regulamentarias municipais, non autorice nin promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal”.

A moción, que foi defendida pola concelleira de Medio Ambiente, María García, solicita tamén o apoio da Corporación municipal, para que o Concello “non autorice a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais ou touradas dentro do termo municipal”, e pretende instar á Xunta, así como aos grupos con representación no Parlamento galego, a incorporar ao texto do anteproxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía --actualmente en trámite-- as determinacións precisas para prohibir os espectáculos que traian aparellado o maltrato animal, así como fomentar o respecto cara a fauna con campañas de sensibilización.

A concelleira García destacou, ademais, as politicas que está a levar a cabo para a tenencia responsable de animais domésticos dentro da cidade, a posta en marcha da denominada Patrulla Verde, ou a estratexia para favorecer a observación da natureza en liberdade.

Noutra orde de asuntos, o Pleno municipal aprobou unha moción do BNG co obxectivo de instar ao Goberno local a que esixa a paralización da poxa dos terreos da Maestranza propiedade do Ministerio de Defensa e que, anteriormente, eran empregados pola cidadanía a xeito de aparcadoiro. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereiro á Vivenda, Xiao Varela, indicou que o grupo de Goberno xa ten realizado numerosas actuacións en defensa destes terreos e na necesidade de que “sexan postos ao servizo da cidadanía, á vez que respecte o cumprimento da obriga de protexer o patrimonio histórico desta cidade”. “Non imos permitir novos procesos de especulación nin de espolio do patrimonio, como ocorreu xa con outros Gobernos municipais á fronte na Avenida do Metrosidero, ou máis recentemento no aparcamento do Parrote. Un organismo público debe velar polo cumprimento do exercicio público, e non ao contrario”, explicou.  Tamén saíu adiante a segunda moción do BNG, cos votos a favor da formación nacionalista e o grupo de Goberno, e a abstención de PSOE e PP, que pedía solicitar ao Executivo estatal que poña en marcha as medidas necesarias para promover “a recuperación para uso civil de bens do patrimonio do Ministerio de Defensa de interese histórico artístico, ambiental ou en desuso pero de utilidade pública”. “Apoiamos esta moción porque está claro que as institucións públicoas non deberían ser nunca inmobiliarias, casos como o dos terreos da Maestranza, ou o antigo cárcere provincial adoecen do mesmo plantexamento”, comentou o responsable da área de Rexeneración Urbana.

En canto ás mocións presentadas polo grupo municipal socialista tamén saíu adiante unha moción para instar á Xunta a paralizar o calendario de aplicación da LOMCE e a que suprima as reválidas de 3º e 6º de Educación Primaria. “Deixa en papel mollado o principio da avaliación contínua, estas reválidas foron desañadas como outra ferramenta para recentralizar o sistema educativo. As comunidades autónomas, con esta lei do Partido Popular, terán grandes problemas para realizar un proxecto educativo propio”, indicou a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán. A moción saíu aprobada co único voto en contra do grupo municipal do PP. Saiu adiante tamén unha moción do PSOE local que reclama a creación dunha comisión, na que estean presentes todas as forzas da Corporación, para desenvolver de xeito conxunto a Estratexia Integral de Desenvolvemento Urbano Sostible (Eidus). A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, recordou que o Eidus, “non é só unha extratexia de cidade, senón de toda a área metropolitana”, e recordou ao grupo da oposición que “o que propón é a creación dun órgano específico municipal para asumir competencias de alcaldía e outras áreas”, algo que non está de acordo coas normativas vixentes. A moción resultou aprobada cos votos a favor dos grupos municipais de PSOE e PP. Este último contou coa abstención de parte dos seus concelleiros, igual que a edil do BNG.

Tamén recibiu luz verde a terceira moción do PSOE, para que A Coruña rexeite o acordo entre UE e Turquía que atenta contra os dereitos das persoas refuxiadas. “Agora mesmo en Grecia hai 48.000 persoas nun limbo legal, son persoas desprazadas en busca de asilo, pero nin tan sequera, polas barreiras legales da UE, poden solicitar refuxio”, apuntou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. A responsable municipal indicou que, con respecto ao programas de acollemento de persoas refuxiadas ou solicitantes de asilo, o Concello non ten na actualidade noticias por parte da Xunta de Galicia, se ben a Administración local “está en permanente traballo coas entidades que levan a cabo tarefas de refuxio na cidade, así como coa Universidade da Coruña, pola súa labor formadora”. “Os concellos temos moi atadas neste sentido para poder exercer a nosa solidariedade, pero estamos traballando e traballaremos para acoller en colaboración coas entidades especializadas”, dixo, á vez que lamentou que, “á vez que o PSOE presenta esta moción emendou, por outro lado, un proxecto que este Goberno local recollía nos Orzamentos municipais para un plan de acollemento para persoas refuxiadas e migrantes, algo que agora, curiosamente, reclaman”.

Recibiu tamén visto e prace outra moción do PP que insta a axilizar os trámites do convenio entre Xunta, Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e o Concello para a construción da estación Intermodal. A mesma saíu aprobada cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do grupo de Goberno e o BNG.

Varela reivindicou as achegas ao proxecto da Intermodal levados a cabo polo actual Executivo local, que melloran, ademais, o custo da necesaria infraestrutura. Non obstante, destacou que, de momento, “o Concello descoñece cal é a achega que quere facer á Xunta”. Así, recordou a necesidade, solicitada polo propio grupo de Goberno local, que se leve a cabo un convenio a tres bandas, con presenza de ADIF, como entidade que posúe parte dos terreos nos que se asentará a infraestrutura. “A Intermodal é unha prioridade absoluta deste Goberno”, dixo Varela, quen presentou unha emenda á moción, que foi rexeitada, na que facía fincapé na solicitude que realizou o propio Goberno local á Xunta e Ministerio de Fomento para levar a cabo unha revisión e acordo dun convenio tripartito para clarificar e establecer as obrigas e dereitos de cada administración implicada.

Por outro lado tamén saíu adiante unha moción do PP, cos votos do PSOE, para instar ao Goberno local a incluír nos campamentos prazas para menores con diversidade funcional. A Concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, recordou que a oferta de actividades infantís para centros cívicos municipais de cara ao verán foi ampliada froito “dun proceso de reorganización e optimización dos recursos e programas existentes” que permitirá aumentar en 427 as prazas ofertadas e estender no tempo as actividades, desde o 27 de xuño ata o 4 de setembro, sen elevar o custo para as arcas municipais. Deste xeito, aos campamentos infantís que se levarán a cabo en 21 centros municipais da cidade entre o 11 de xullo ao 4 de setembro súmase este verán o programa de talleres Embárriate, para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, que terá lugar desde o 27 de xuño ata o 8 de xullo en 18 centros cívicos municipais e que inclúe 427 prazas, 7 delas para menores con Necesidades Educativas Especiais. “Haberá máis prazas, e non só iso, senón máis prazas para menores con necesidades educativas especiais”, destacou Cameán.

O Pleno tamén deu o visto e prace a outra moción do PP que solicitaba que o Concello publique os contratos menores, así como que sexan publicados na web. A iniciativa popular contou co apoio do grupo socialista, e coas abstencións do grupo de Goberno e o BNG. A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, reiterou que “a aplicación dos criterios de transparencia é un dos noso principios dende o inicio, o Partido Popular non é ninguén para dar leccións nese senso”. A responsable municipal recordou que o Concello xa publica no Boletín Oficial da Provincia (BOP) todos os contratos, así como os procedementos negociados ou de adxudicación directa por enriba dos requirimentos legais. “Ningún dos Gobernos anteriores publicou nunca os contratos menores”, explicou Vieito, que deu a benvida ao PP “ás políticas de transparencia”.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión