Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de novembro de 2016

O Pleno ratifica a ‘Declaración de María Pita’ e amosa “ a súa vontade política para impulsar o proceso de conformación da Área Metropolitana da Coruña”

A Cámara deu luz verde a un modificativo de crédito por 1,2 millóns de euros para ampliar o capital de Emvsa e compensar as perdas que arrastraba a sociedade dende hai varios exercicios, mentres que os votos en contra de PSOE e PP impediron unha modificación de investimentos para afrontar a ampliación do campo de fútbol de Eirís e abrir un viario entre o Ofimático e a rúa Santa Teresa de Journet

O Pleno municipal da Coruña ratificou hoxe a Declaración de María Pita, cos votos a favor do grupo de Goberno e o BNG e o voceiro do grupo socialista, e a abstención do resto dos e das concelleiras do PSOE e do PP. O documento, que foi referendado politicamente esta tarde, é o manifesto que foi asinado tanto polo Goberno local como tamén polos representantes dos Executivos de concellos da comarca como Culleredo, Cambre, Oleiros, Abegondo, Sada e Betanzos de cara a establecer un marco legal co que demandar a aprobación por parte do Parlamento de Galicia dunha Lei da Área Metropolitana da Coruña. O pasado 20 de outubro, os e a alcaldesa dos concellos asinantes iniciais comprometéronse a levar a declaración a Pleno, de forma que esta fose apoiada publicamente polas distintas corporacións municipais. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, explicou na sesión que, na busca de consenso con todos os grupos municipais, no día de hoxe se procedeu "á ratificación da Declaración de María Pita", o que manifesta a vontade política de impulsar o procedemento de conformación da Área Metropolitana, deixando para unha próxima sesión plenaria a adopción, no seu caso, dun acordo de iniciación formal do procedemento ao que se refire o artigo 122 da Lei 5/197, tal e como recolle a propia Declaración de María Pita, polo cal se daría luz verde ao comezo do proceso para ter no prazo dun ano un proxecto de Lei de Área Metropolitana que ser remitido ao Parlamento galego. "O noso desexo era o de ir máis alá e iniciar xa hoxe o procedemento formal, non obstante, en aras de lograr o máximo consenso con todos os grupos da Corporación a este respecto, hoxe votamos un acordo programático, para posteriormente iniciar o procedemento necesario así como os pasos xurídicos que sexan necesarios en cada momento", comentou o mandatario municipal.

"Eu non quero apuntarme ningún tanto nin ter ningún protagonismo especial se é o que lles preocupa, simplemente A Coruña ten que liderar un proceso. Este vai máis alá dun acordo concreto cun alcalde, e máis alá dos intereses particulares dos e das que estamos hoxe aquí. Só lles pido que por unha vez teñamos altura de miras para non usar un asunto máis contra este Goberno e este alcalde, non poñan o freo de man, traballen, axuden. Non se van a dar pasos se non é con consenso, por iso hoxe só ratificamos esta declaración e non aprobamos xa iniciar todo o procedemento. Agardo que por unha vez teñamos altura de miras, ninguén entendería que o que para outras cidades vale, non poida levarse a cabo na Coruña", indicou o primeiro edil coruñés. "Xogámonos o noso proxecto de cidade para os próximos 50 anos", recordou, á vez que explicou que esta semana continuarán as conversas con distintas entidades da cidade a respecto da Área Metropolitana.

Modificativos de crédito

Por outro lado, o Pleno municipal deste luns debateu diversos asuntos, relativos a modificativos de crédito propostos polo grupo de Goberno. Así, a Cámara municipal deu luz verde á aprobación inicial dun crédito extraordinario por valor de 1,2 millóns de euros destinado a financiar o recoñecemento extraxudicial de facturas. O asunto saíu adiante cos votos a favor do grupo de Goberno e o PSOE, a abstención do PP, e o voto desfavorable do BNG. A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, explicou que entre as facturas que se asumirán con este modificativo atópanse algunhas relativas a servizos prestados en 2014 polo anterior Goberno municipal. "O financiamento destes créditos extraordinarios prodúcese na súa totalidade con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería para gastos xerais, procedente da liquidación do Orzamento de 2015. A nota común é que se trata de gastos derivados das relacións entre Concello e provedores. En moitos casos, refírense á última cota anual dos correspondentes contratos, que non se facturan até iniciado o exercicio seguinte, pero que corresponden con gastos do anterior", aclarou a responsable municipal.

Posteriormente, tamén se debateu e aprobou por unanimidade un suplemento de crédito na partida destinada a convenios nominativos da Concellería de Xustiza Social por valor de 15.000 euros que irá a parar á Fundación Irmáns Tenreiro. "Levamos a cabo esta acción dado o carácter urxente de realizar este suplemento, coa finalidade de contribuír aos gastos de funcionamento e mantemento desta entidade social", explicou. Tamén se aprobou por unanimidade unha modificación do anexo de subvencións nominativas de Culturas e Deporte para contribuír ao financiamento dos gastos de preparación do atleta Alberto Seoane Alcaraz para a súa participación nos Xogos Paralímpicos de Río, e unha modificación do obxecto da subvención nominativa da que é percetor o Club do Mar de San Amaro, para que engada ás actividades obxecto da subvención nominativa actividades de tenis de mesa, bádminton e fútbol sala. Foi aprobado, igualmente, un recoñemento extraxudicial de obrigas por valor de algo máis de 20.000 euros, que serán atendidas con cargo ao crédito orzamentario deste exercicio e que posibilitan dar resposta a unha serie de pagos por cotas e derramas de comunidades de propietarios de inmobles municipais, algunhas delas de 2014. Neste caso, este asunto contou co voto favorables dos e das concelleiras do grupo de Goberno e o BNG, e a abstención de PSOE e PP.

Campo de fútbol de Eirís e Ofimático

O Pleno tombou non obstante --co voto desfavorable de socialistas e populares e abstención do BNG-- unha modificación do anexo de investimentos proposta pola área de Rexeneración Urbana e que propuña que a aplicación destinada á Adquisición de Terreos para a Estación Intermodal, pasase a ter carácter xenérico, simplemente para adquisición de terreos. O edil Xiao Varela lamentou a decisión do Pleno. "A previsión contida nos Orzamentos de 2016 para a adquisición de solo para a Intermodal perdeu o seu sentido ao ser preciso previamente realizar as modificacións de planeamento --xa iniciadas-- que recollan os cambios negociados co ADIF e coa Xunta, de cara a permitir o acceso en condicións axeitadas á futura Estación Intermodal. Polo tanto, o que aquí plantexabamos era un cambio na denominación desta partida orzamentaria, de maneira que con esa contía puidesemos acometer outras accións precisas para levar a cabo procesos urbanísticos clave, como a substitución do equipamento deportivo da Grela, ou a conexión viaria do Ofimático", comentou.

En concreto, a partida de 700.000 euros que paralizaron os votos negativos de PSOE e PP, tiña como destino, segundo comentou o responsable de Rexeneración Urbana, "abordar, entre outras, dúas actuacións urbanísticas de grande importancia para a cidade, como é o caso da ampliación da parcela do campo de fútbol de Eirís, así como abordar a conexión viaria do Ofimático en Santa Teresa de Journet". No caso do campo de Eirís, o obxectivo do Goberno local pasa por adquirir unha parcela que é necesaria para que esta instalación, que suplirá ao actual campo de Elviña, teña as adecuadas dimensións, así como para mellorar as dotacións da zona. Por outro lado, no caso da conexión viaria co Ofimático, o Executivo apostaba por aproveitar a partida reservada para a Intermodal para adquirir o solo necesario para abrir un viario que una o Parque Ofimático e a rúa Santa Teresa de Journet. En ambos casos, os expedientes de incoación destes terreos iniciáronse na época de Goberno do PP. "Por iso non se pode entender esta negativa, sobre todo cando a partida para a Intermodal non se executará este ano, xa que os requirimentos viarios fixeron preciso redeseñar a implantación dos accesos á futura estación", insistiu o concelleiro. "Non podo entender que por máis ofrecementos que se fagan non queren negociar, o único que queren é que gobernemos cunha man atada ao lombo, sen importarlles que quen finalmente sofre é a cidadanía", lamentou. "Quero que sexan conscientes de que condicionan procesos urbanísticos clave", resolveu.

Empresa Municipal de Vivenda

O Pleno municipal tamén debateu un modificativo de crédito para a ampliación de capital da Empresa Municipal de Vivenda (Emvsa) por valor de 1,2 millóns de euros, co obxectivo de equilibrar as súas contas e "compensar as perdas da sociedade, provocadas por déficits de encomenda de xestión que se lle viñeron realizando á empresa por parte dos Gobernos anteriores sen o financiamento adecuado". O financiamento do crédito extraordinario levarase a cabo cunha baixa de crédito polo mesmo importe no orzamento destinado para este ano para a Renda Social Municipal, dado que este programa "se atopa en fase de implantación e valoración das primeiras solicitudes, xa que o orzamento definitivo aprobouse en xullo e debido tamén ao atraso por parte da Xunta no decreto que habilita a aprobación da ordenanza, polo que non se executará todo o gasto previsto para o presente exercicio". O asunto saíu aprobado co voto favorable do grupo de Goberno, a abstención dos e das concelleiras de PP e PSOE, e a negativa do BNG.

Por contra, o Pleno rexeitou un modificativo de crédito de 500.000 euros, aprobado polo Consello de Administración de Emvsa o pasado 21 de outubro para poder dar resposta ás necesidades de financiamento en equipamento do programa BiciCoruña, cantidade que sería destinada tanto á reparación do actual parque de bicicletas como á súa ampliación.

Honras e distincións

Noutra orde de asuntos, o Pleno tamén deu luz verde, por unanimidade, aos novos nomes para vías e lugares da cidade aprobados con anterioridade na Comisión de Honras e Distincións. Lois Pereiro, Luisa Villalta, Marcela e Elisa, Sinfónica de Galicia, Oito de Marzo e Pucho Boedo foron as propostas polo grupo de Goberno, mentres que tamén foron aprobados, a petición do PP, os nomes de  Alfonso Castro Beiras, Caio Servio Lupo, Federico F. Amor-Calvet, Francisco Balmis, Irmáns Maristas, Manuel Martín Ferrand e Milagros Rey Hombre. A petición do PSOE, os nomes de Anxo Guerreiro Carreiras, José Luis Muruzabal, e Rosalía Mera (ademais de Marcela e Elisa, tamén solicitada). Tamén se propuxeron e foron aprobados nomes postulados polo BNG como Ánxel Casal, Elvira Bao Maceiras, Manuel María Fernández, Marcelino Liste e Lois Pereiro, en concidencia este último co grupo de Goberno.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión