Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de outubro de 2018

A responsable de Participación tamén deu a coñecer a programación do Festival Loopy Swing, unha xornada de baile e música aberta é veciñanza que se celebrará o domingo 28 na praza de Azcárraga

O programa Nocturnia abre hoxe a súa inscrición cunha oferta de 69 actividades gratuítas, dentro da "aposta do goberno local pola mocidade, a través dunha política transversal, deseñada en colaboración coa xuventude e que se espalla por toda a cidade"

A edil presentou a nova edición, que dá especial protagonismo ao mar e a natureza, así como o número 9 da revista ‘Coruña Mutante’, que achega unha axenda con diversas propostas culturais e de lecer dirixidas a mozos e mozas

A edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, salientou esta mañá "a aposta decidida pola xuventude da Coruña" do executivo local así como as políticas municipais concretas dirixidas a este colectivo. "Non é casual que esteamos a impulsar espazos de dinamización xuvenil, como é o caso de MocidadeSF, no barrio da Sagrada Familia, ou que esteamos a  desenvolver un proceso colectivo de definición dos usos e xestión dun novo equipamento dedicado especialmente á mocidade, como son as Naves do Metrosidero. O goberno da Coruña ten unha aposta clara e decidida pola mocidade. Levamos máis de 3 anos en distintos espazos de interlocución e escoita tratando de deseñar, en común, as políticas de mocidade coas mozas e mozos da cidade", explicou a edil. Ao fío, Delso tamén destacou a "consolidación" do programa Nocturnia, que o goberno local "reforzou en canto á contidos e que agora se espalla por toda a cidade, alén dos lindes municipais, para poder dar  a coñecer espazos naturais únicos da contorna".

A edil subliñou esta perspectiva durante a presentación das actividades para o último trimestre do ano que compoñen Nocturnia, iniciativa que se dirixe a mozas e mozos de entre 12 e 30 anos da cidade e que ten como finalidade ofrecer un espazo de lecer activo e alternativo durante as fins de semana a través de propostas vinculadas á natureza, o deporte ou a creatividade. Neste outono, o programa municipal ofrecerá un total de 1.074 prazas para participar en 69 actividades gratuítas, nunha edición na que o mar terá especial protagonismo grazas á colaboración coa Asociación Juan de Lángara, e coa que se promoverán dúas sesións de navegación en goleta. Outra das novidades deste trimestre será tiro con arco, así como a ampliación dunha das iniciativas máis demandadas, como son as rutas de sendeirismo. "Este outono visitaremos o Cabo Vilán, as fragas do Mandeo, as termas de Bande ou Piornedo", avanzou Delso, quen lembrou que Nocturnia "aposta por manter actividades con boa acollida entre a mocidade, pero tamén ofrecer novas propostas da man de entidades da cidade para poder ofrecer oportunidades máis diversas de lecer alternativo á xente moza".

De cara a esta edición, que se desenvolverá entre o 26 de outubro e o 15 de decembro, as actividades creativas ocuparán un espazo central o programa, que ofrece a posibilidade de participar na creación dun fanzine colectivo, talleres de iniciación á caligrafía creativa ou obradoiros de reciclaxe e construción con elementos de refugallo. Ademais, ofertaranse os habituais talleres de improvisación, clown, cociña saudable e roteiros pola cidade, así como sesións de inicación a distintos tipos de baile, como o swing.

A inscrición para as actividades pódese realizar través da páxina web www.coruna.gal/cmix con periodicidade semanal. As persoas interesadas en participar nos obradoiros dunha fin de semana, poder formalizar a súa inscrición desde o luns anterior á actividade, a partires das 16.00 horas, e ata as 12.00 horas do xoves anterior á actividade --ou ata que se esgoten as prazas dispoñibles para cada actividade--. Desde xeito, nesta xornada abrirase o prazo de inscrición das propostas desta fin de semana, que inclúen talleres de contacontos, cociña sen glute ou unha ruta nocturna polos montes de San Xurxo, entre outras.

Coruña MutanteAo fío, a edil tamén deu a coñecer o novo número da revista xuvenil Coruña Mutante, unha iniciativa editada e impulsada pola área de Mocidade que ofrece, ademais de información de todas as actividades de Nocturnia, unha axenda de propostas culturais e de lecer para a xente moza. "Coruña Mutante permite difundir a programación de Nocturnia á vez que visibiliza e transversaliza contidos e recursos útiles que hai na cidade a xuventude", aseverou Delso.

O novo número da revista, o 9, está dispoñible en papel desde esta semana en bibliotecas, centros cívicos, espazos culturais municipais, centros educativos e no Centro Municipal de Imformación Xuvenil ( CMIX), así como en formato dixital. Nesta edición, Coruña Mutante aborda cuestións como o proceso colectivo das Naves do Metrosidero, cuxos últimos dous encontros terán lugar nos meses de novembro e decembro, as oportunidades de traballo e formación que ofrece o programa municipal Coruña Emprega, os espectáculos de TRC Danza ou os eventos e competicións que terán lugar no marco da OSHWdem, a feira de tecnoloxía libre que se celebrará na Domus o 10 de novembro.

Festival Loopy Swing

Por outra banda, a edil Participación presentou tamén esta mañá a primeira edición do Festival Loopy Swing, unha iniciativa gratuíta e aberta á veciñanza que se desenvolverá o vindeiro domingo, 28 de outubro, na Cidade Vella, e que pretende ofrecer unha xornada lúdica e de convivencia no espazo público a través da danza e a música swing, con clases abertas e sesións de baile para todos os públicos. O evento, impulsado polo colectivo sen ánimo de lucro Loopy Hoopers e que conta co apoio do Concello, nace, segundo apuntou Delso, como unha experiencia "inclusiva e participativa, que propón momentos de celebración, encontro e aprendizaxe colectivo a través dunha ferramenta socializadora como pode ser o baile, neste caso, da música swing". Así, o festival contará con obradoiros de baile, música ao vivo, e contará con distintos xogos de improvisación.

A xornada comezará contra ás 12.00 horas da mañá coas clases abertas Swing pola diversidade, unha iniciativa que permitirá dar a coñecer a modalidade Jazz Steps. A través dunha metodoloxía de aprendizaxe práctica e activa, baseada na experimentación directa, o festival promoverá a actividade física como parte esencial do desenvolvemento persoal a calquera idade así como a creatividade das persoas participantes coa creación de novos pasos e ritmos. De seguido, entre as 13.00 e as 13.30 horas, celebrarase un Baile social, un espazo que inclúe a participación de todas as persoas asistentes, e a partires das 13.30 horas comezará o concerto do grupo Viajeros del Swing, que se estenderá até as 15.00 horas. Xa pola tarde, entre as 17.00 e as 18.00 horas, ofreceranse clases abertas á veciñanza da modalidade Lindy Hoop, impartida polo colectivo Loopy Hoopers. Para participar non é necesario ter nocións básicas. "É sinxelo e divertido, todo o mundo, de todas as idades, está convidado", apuntou Germán López, membro da entidade impulsora, durante a rolda de presentación da iniciativa. Unha vez finalice a sesión, entre as 18.00 e as 20.00 horas, o festival pecharase con outro concerto e baile con música ao vivo.

Documentos:

NOCTURNIA-9.pdf (4 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión