16 de maio de 2026
O Goberno de Inés Rey avanza co seu Plan de barrios 2025-27 e actúa sobre esta área de xogos, que incorporará novos equipamentos e aumentará a súa capacidade ata as 54 persoas usuarias
O Concello avanza coas actuacións previstas na primeira fase do Plan de barrios 2025-27, que agora suma unha nova intervención de mellora no parque da Palloza, onde xa se está a executar a renovación da súa área infantil.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou á importancia desta medida, que permitirá adaptar e remodelar o espazo de xogo con respecto á súa configuración previa, coa disposición dun novo pavimento de caucho -que substituirá o anterior, de area- e a incorporación de novos equipamentos para o desfrute das crianzas.
A previsión dos servizos municipais é actuar sobre unha superficie de 210 metros cadrados para ampliar a súa capacidade en termos de persoas usuarias, ata as 54 nenas e nenos. Incorporaranse dúas novas estruturas multixogo, con tobogáns e randeeiras, así como varios balancíns, con rangos de uso superiores ao ano de idade.
As tarefas sobre o terreo comezaron esta mesma semana, co acoutado da zona de traballo, a retirada de antigos equipamentos e, xa coa chegada da maquinaria de obra, as primeiras remocións de terra.
Noemí Díaz apuntou ao compromiso do Goberno de Inés Rey coa modernización dos parques infantís da cidade. No caso do barrio de Catro Camiños, na ampliación do espazo de xogo da Fábrica de Tabacos que se executou neste mesmo mandato, e, xa máis recentemente, na mellora da área infantil de Puga y Parga.
"A isto súmase o novo contrato de mantemento e conservación dos parques infantís, que acabamos de licitar e para o que se prevé un investimento de 2,7 millóns de euros ata o ano 2028", indicou a edil. Este importe permitirá atender as necesidades dos 223 parques infantís, áreas biosaudables, pistas multideporte e espazos lúdicos urbanos existentes na Coruña.

16 de maio de 2026

11 de maio de 2026

23 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible