Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de agosto de 2016

José Manuel Sande presenta o II Festival de Danza na Rúa Quincegotas, "unha aposta pola normalización do feito artístico en lugares cotiáns" que se celebra esta fin de semana en sete enclaves da cidade

O programa inclúe 13 actuacións de 11 compañías na escalinata da Domus, o parque do Paseo das Pontes, o andén de Riazor, a zona das Esclavas, o Castelo de San Antón e as prazas de María Pita e das Bárbaras, "poñendo en relación as artes escénicas e a arquitectura e dotando de novos usos o espazo público"

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a segunda edición do Festival de Danza na Rúa Quincegotas, que se celebrará do día 2 ao 4 de setembro na Coruña. A iniciativa, promovida pola súa área, quere contribuír a visibilización das artes do movemento así como á creación de novos públicos na cidade. "Quincegotas é un expoñente da idiosincrasia desta concellería, que aposta pola normalización do feito artístico en lugares cotiáns na procura de achegar as artes escénicas a un maior número de persoas", sinalou o edil.

Nesta segunda edición o festival incidirá na expansión da actividade cultural, unha liña de actuación que a Concellería de Culturas está a desenvolver noutras iniciativas "e que se resolveron dun xeito exitoso, como foi o caso do Festival Noroeste Estrella Galicia ou da Romaría de Santa Margarita, que multiplicou por vez primeira o número de escenarios", explicou o concelleiro. Así, Quincegotas ofrecerá un total de 13 actuacións ao longo das tardes do venres, sábado e domingo en sete localizacións diferentes da cidade, como son a escalinata da Domus, o parque do Paseo das Pontes, o andén de Riazor, a zona das Esclavas, o Castelo de San Antón ou as prazas de María Pita e das Bárbaras, "poñendo de novo en relación as artes escénicas e a arquitectura, que en si mesma representa unha proxección de cidade, e que dota de novos usos o espazo público".

En total serán 11 as compañías que participarán este ano no festival, das que tres son galegas, e que ofrecerán en Quincegotas cinco estreas absolutas en Galicia. A veciñanza coruñesa poderá descubrir así, fóra dos recintos habituais, as actuacións de Circle of Trust, Mumusic Circus, Larrua, Sara Cano, Fran Martínez, Carmen Fumero, Jesús Rubio Gamo, Experimentadanza, Iker Karrera, Sharon Fridman e do o Centro Coreográfico Galego, que realizará a prestrea do  seu espectáculo As catro estacións de Vivaldi na praza de María Pita, o domingo 4.

A coordinadora do Festival, Estefanía Vázquez, salientou na presentación deste mércores que o obxectivo do festival "é chegar a novos públicos e despertar o interese pola danza, de xeito que tropecen con ela na súa actividade cotiá", á vez que lembrou que, no caso de choiva, "as e os bailaríns incorporarán a auga como un elemento artístico máis do espectáculo, sen ter que suspendelo".  

Para máis información sobre programación e horarios, pode consultarse a páxina web www.quincegotas.com así como os perfis do Festival nas redes sociais Facebook e Twitter.

 

Documentos:

Programación Quincegotas 2016 (663 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión