Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xullo de 2016

A cidade acollerá entre o 20 e o 25 de xullo a Feira das Marabillas, que contará “con máis actividades para todas as idades, e mellores conexións de transporte público”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou os actos deste tradicional evento, que o Concello organiza xunto coa Asociación de Comerciantes da Cidade Vella da Coruña (ACECA). “Por primeira vez haberá unha ampliación do horario das liñas de autobús que conectan a zona co resto da cidade”, explicou Sande

A tradicional Feira das Marabillas celebrarase este ano entre os días 20 e 25 de xullo. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, quen estivo acompañado na presentación do evento de dous representantes da Asociación de Comerciantes da Cidade Vella da Coruña (ACECA), entidade que se encarga da organización da cita, en base a un convenio co Concello, e máis concretamente co Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). O responsable municipal quixo destacar o esforzo que a Administración Local dedicou a esta 22 edición da Feira das Marabillas, "na que se implicaron diversas áreas do Goberno local, dende Seguridade, até Mobilidade Sostible, Medio Ambiente ou Participación". Entre as principais novedades desta edición atópase o incremento de actividades destinadas a distintos públicos, así como o esforzo por mellorar as comunicacións de transporte público da zona, cun incremento das frecuencias de liñas que conectan a Cidade Vella co resto do municipio. Ademais, e segundo destacou Sande, "tamén este houbo especial fincapé no tema da información á veciñanza da zona, de forma que este espectáculo, que atrae a miles de persoas, lles xere as mínimas incomodidades posibles". Tamén froito do convenio entre ACECA e o Concello, e como xa se fixo o pasado ano, unha vez remate a Feira activarase unha Comisión de Garantías, á fin de analizar o desenvolvemento da mesma.

Adolfo López, presidente de ACECA, indicou que "este será un ano con maior participación e actividades, ademais dos case 200 postos que haberá na feira". Entre as actividades que se levarán a cabo (e que se poden consultar no arquivo adxunto) destacan a tradicional cea medieval, ademais das actividades que levarán a cabo os denominados Abandeirados de Italia ou o grupo Troula. "Entre as novidades tamén destaca o feito dunha zona infantil especial que se denomina O Recuncho das Pícaras", comentou, á vez que tamén mencionou o obradoiro de encadernación e interpretación de documentos medievais, que será levado a cabo polo Arquivo do Reino de Galicia, en edicións tanto para nenos e nenas como para adultos.

Dispositivo especial: estacionamento para residentes

Tanto Sande como os representantes de ACECA fixeron especial fincapé no dispositivo de mobilidade e seguridade que se despregará este ano, que vai parello a unha fonda campaña de información á veciñanza da zona que xa comezou. A montaxe da Feira das Marabillas empezará o día 19, remantando todo o operativo o día 26. Nese período, entre as 08.00 do vindeiro martes ata as 15.00 horas do martes seguinte, prohibirase o estacionamento en toda a Cidade Vella. Non obstante, como noutras edicións, habilitaranse unha serie de zonas especialmente reservadas para os e as residentes.

En concreto, haberá zonas de estacionamento acoutadas para residentes entre a Avenida do Metrosidero, o Campo da Estrada e A Maestranza, que contarán con vixilancia (e 18 prazas de uso xeral). Tamén se habilitará un espazo de estacionamento para residentes no Paseo do Parrote (8 prazas de uso xeral) e na Dársena (con 20 prazas xerais neste caso). "Desta forma, este ano, ademais, trataremos de compensar as prazas que se perden derivado do peche por parte do Ministerio de Defensa das que existían diante da Hípica", explicou o concelleiro de Culturas.

Os veciños e veciñas que dispoñan de acreditación de garaxe poderán acceder a eles todos os días a partir do peche do mercado, ás 00.00 e ata as 11.00 horas do día seguinte, e, pola tarde, entre as 14.00 e as 17.00 horas. Ademais, a rúa Nuestra Señora del Rosario habilitarase como zona de carga e descarga todos os días, de forma ininterrompida ata as 17.00 horas, momento en que pasará a estar prohibido o estacionamento. Tamén os vehículos de parellas que celebren o casamento neses días poderán acceder á igrexa polo itinerario máis curto.

Transporte público

Sande tamén fixo especial fincapé no feito de que este ano, e por primeira vez, levarase a cabo unha ampliación das frecuencias das liñas de bus urbano que pasan por Porta Real e conectan a Cidade Vella co resto do Concello. "Melloramos a mobilidade na zona e damos máis oportunidades para que a xente deixe o vehículo na casa", indicou. En concreto, entre o 20 e o 25 de xullo as liñas 1,1A, 2, 2A, 3A, 17, 23 e 23A prologarán o seu horario até ás 00.30 horas para ofrecer un servizo especial a todas aquelas persoas que acodan á feira.

Dispositivo especial de Medio Ambiente

Por outro lado, e sendo este un evento en cuxa organización colaboran de xeito directo numerosas áreas do Concello, o departamento de Medio Ambiente mantivo nos últimos días diversas xuntanzas tanto coa asociación veciñal da Cidade Vella como con ACECA, "na procura de camiñar cara a unha zona medieval máis sostible". No que respecta á xestión de residuos, dende hoxe mesmo procederase ao peche dos contedores soterrados, pois as labores de montaxe da Feira durante a fin de semana impiden que pasen os camións necesarios para o seu baleirado. Por ese motivo, dende este venres estará xa operativo o primeiro dos dispositivos de reforzo de conteneurización en superficie nas zonas perimetrais da Feira, que se seguirá reforzando nas próximas xornadas nas zonas de maior influencia. A información de todos os puntos de recollida estará colocada nos propios contedores, ademais de nos buzóns das propias vivendas da Cidade Vella, a fin de dar unha maior información á veciñanza. Está previsto a colocación de puntos de limpeza de residuos na contorna da praza da Constitución, o cruzamento da rúa San Francisco con rúa Isabel López Gandalla, na Maestranza, Campo da Estrada, Porta Real, Troncoso e na praza das Bárbaras. Neles poderanse depositar, en contedores específicos, restos orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel e cartón.

O Concello fai un chamado á poboación a tratar con especial coidado as árbores existentes na zona, tendo en conta que "moitas das especies da Cidade Vella están incluídas dentro do Catálogo de árbores Senlleiras de Galicia". Así, os dispositivos de seguridade velarán porque non se produza ningún tipo de lume debaixo das árbores e que non se empreguen, en ningún caso, como elementos de suxeición. Ademais, seguirá adiante o proceso iniciado o ano pasado para a eliminación da contaminación acústica e o ruído na zona, tendo lugar a fin das megafonías na feira ás 22.00 horas.

Noutra orde de asuntos, a presenza de animais na feira estará permitida sempre baixo o cumprimento da normativa sobre animais (Decreto de Protección dos animais domésticos e salvaxes de Galicia) e a obteción das correpondentes autorizacións contempladas na mesma.

Documentos:

Programa Feira das Marabillas (5 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión