25 de abril de 2016
José Manuel Sande, que desvincula ao Concello dunha decisión que foi tomada exclusivamente pola FEB, vén de remitir una carta ao presidente do ente federativo onde solicita que “en futuros eventos deportivos similares, e como aconteceu até agora, se permita a interpretación de ‘Os Pinos’”
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, dirixida por José Manuel Sande, vén de presentar unha queixa oficial ante a Federación Española de Baloncesto (FEB) tras a decisión dun representante do organismo de cortar a emisión por megafonía do himno de Galicia este domingo, no Pazo dos Deportes de Riazor, antes do inicio do partido de fase de ascenso á Liga ACB que enfrontou ao Básquet Coruña co Club Baloncesto Breogán.
“Queremos amosar ante o organismo que xestiona o baloncesto a nivel estatal o noso disgusto e malestar polo feito de que, nun encontro de ascenso que disputan dous equipos de Galicia non se permita escoitar de forma completa o himno”, destacou Sande, que quixo desvincular “totalmente” ao Concello da Coruña de tal decisión. “A decisión de non deixar rematar o himno parécenos incomprensible tendo en conta que se trata dun derbi galego e sendo ademais celebrado o partido nun pavillón municipal”, dixo Sande, quen recordou como, recentemente, na Coruña púidose escoitar Os Pinos no encontro de fútbol que enfrontou ao Deportivo co Celta de Vigo. Do mesmo xeito, tampouco se rexistrou incidente de ningún tipo no primeiro play off de ascenso entre Básquet Coruña e Breogán, onde o himno soou de forma completa. “Son momentos especialmente simbólicos que, tristemente, non se puideron repetir no partido de baloncesto deste domingo”, comentou o responsable municipal, que vén de enviar unha carta ao presidente da FEB para amosar o descontento da Administración municipal co sucedido.
Na misiva, remitida esta xornada, o concelleiro insiste en que “a diferencia do ocorrido no anterior partido, deuse orde de interromper o himno galego cando levaba escasamente un minuto soando”. “Desta forma amosouse unha absoluta falta de respecto a un sinal de identidade tan importante do pobo galego e das súas institucións públicas, cuxa relevancia acusábase moito máis neste caso, ao tratarse dun partido de rivalidade galega”, di a carta. “Considérase oportuno que o himno galego, como produto da cultura galega, estea presente en eventos deste tipo, que contan cun importante patrocinio público galego, e de modo especial deste Concello”, apunta.
“Consideramos que o compromiso público, especialmente municipal, con este deporte e este club en particular, e por estensión coa FEB como ente federativo, é moi relevante. En consecuencia, e como reciprocidade de dita entidade federativa con este Concello, se lle require que en futuros eventos deportivos similares ao acontecido se permita, protocolariamente, a interpretación do himno galego tal e como sucedeu noutros casos”, solicita Sande.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible