20 de xullo de 2015
O organismo analizará o desenvolvemento do festexo e tratará de solucionar as incidencias que se detecten de cara ás próximas edicións.
Os concelleiros de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande; Mobilidade Sostible, Daniel Díaz; Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga; Medio Ambiente, María García; e Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, mantiveron unha reunión este luns con membros da Asociación de Comerciantes da Cidade Vella da Coruña (Aceca) así como coa asociación de veciños e veciñas dese mesmo barrio para falar da Feira das Marabillas, que botará a andar este martes, 21 de xullo. No encontro tamén estiveron presentes o director da Área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e representantes da Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e Imce.
A Feira das Marabillas, que terá lugar nas rúas da Cidade Vella dende o día 21 e até o 26, contará este ano cunha comisión de garantías na que os principais actores implicados avaliarán o seu desenvolvemento. Ademais, acordouse a creación dun punto informativo para a veciñanza da zona afectada pola celebración do evento. Estará dispoñible a partir das 18.30 horas de mañá, martes.
Por outro lado, o Concello está a estudar a posibilidade de que as persoas residentes no perímetro da Cidade Vella tamén poidan recibir as tarxetas de aparcamento que o Goberno local pon a disposición da veciñanza da zona durante os días que dura o festexo. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou a este respecto que a intención do Goberno municipal é “chegar a unha solución para crear as menores incomodidades posibles”. “Xa se está a intentar con diversas medidas postas en marcha como modificar un pouco a distribución dos postos, e incluso o número dos mesmos, para que os veciños estean o menos afectados posibles, e para que a propia hostalería local lle poida sacar partido a feira”, indicou.
En concreto, este ano, o Concello porá a disposición dos veciños e veciñas da Cidade Vella máis de 400 prazas de estacionamento durante os días que dure a Feira das Marabillas. Por mor do evento, o Casco Vello permanecerá pechado ao tráfico dende a mañá deste luns e até dentro dunha semana. En concreto, habilitaranse 220 prazas custodiadas por vixiantes na Avenida do Metrosidero e no Paseo Marítimo e desde o cruzamento con Veramar ata a intersección coa avenida do Metrosidero; por outro lado, as persoas residentes terán dispoñibles algo máis de 200 nas rúas que rodean a parte alta da feira, como son Campo de Estrada, Reitorado, Mestranza e avenida do Metrosidero, que estarán debidamente sinalizadas.
O Concello, na busca de facer uns festexos que agraden a toda a cidadanía e xeren o menor impacto posible nos barrios, fará un balance con organización e veciñanza da Feira das Marabillas cando esta remate de cara a mellorar diversos aspectos nas vindeiras edicións.
“Este ano tivemos un tempo máis reducido pola data en que chegamos a María Pita, pero de cara ás próximas edicións debemos traballar xuntos para que a feira sexa o máis produtiva posible para a cidade e cree os menores contratempos posibles á veciñanza”, explicou Ferreiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible