Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de abril de 2020

A Xunta de Goberno Local aproba a gratuidade das escolas infantís e a convocatoria das axudas para fomentar o deporte

Tamén acorda prorrogar o contrato da xestión do Servizo de Axuda a Domicilio ata finais de ano co fin de garantir a súa cobertura na actual situación de crise sanitaria

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá nunha sesión extraordinaria e urxente o proxecto de regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís integradas na Rede de Escolas Infantís do Concello da Coruña que substituirá, despois de ser aprobado en comisión e Pleno, o vixente desde o ano 2014. O concello destina unha partida de 479.000 euros para este fin que inclúe o financiamento do 100% das prazas para as familias que estean empadroadas no termo municipal da Coruña.  

A alcaldesa, Inés Rey, asegura que unha das prioridades do goberno local é acadar unha educación infantil de calidade que permita a conciliación familiar e, por iso, os criterios de renda e a conciliación laboral e familiar serán criterios relevantes para o acceso ás escolas. O fomento da igualdade, a sustentabilidade ambiental e a alimentación saudable son outros dos obxectivos que recolle o regulamento que se aprobou hoxe.  

Esta medida, froito dun acordo de goberno con Marea Atlántica, permitirá que preto de 830 nenas e nenos que asisten ás escolas infantís municipais (Monte Alto, Carricanta, Os Cativos, Os Rosales, Agra do Orzán, Arela, A Caracola, Carmen Cervigón e Luis Seoane) non teñan que pagar nada. 

Ademais, un Consello de Participación permitiralles ás familias ter unha maior participación e implicación nos proxectos que se desenvolvan nas escolas infantís.  

Na sesión de hoxe tamén se lle deu luz verde á convocatoria de subvencións para as entidades sen ánimo de lucro para promocionar e fomentar o deporte no concello.  

O importe global das subvencións é de 280.000 euros e distribuirase, sempre que as solicitudes presentadas o permitan, cos seguintes límites máximos:

Tipo 1 e tipo 1.1- Actividade deportiva: ata o 25% do total do orzamento (ata 70.000 euros)

Tipo 2.- Actividade física e deporte para todas/os: ata o 15% do total do orzamento (42.000 euros)

Tipo 3.- Campamentos ou campus: ata o 25% do total do orzamento (ata 70.000 euros)

Tipo 4.- Actividades de natureza e aire libre: ata o 10% (ata 28.000 euros)

Tipo 5.- Actividades deportivas de carácter extraordinario: ata o 25% do total do orzamento (é dicir, ata 70.000 euros)  

Establécese un importe máximo para solicitar de 4.000 euros por cada subvención agás das axudas do tipo 3 (campamentos ou campus) que é de 6.000 euros por cada subvención solicitada.  

As bases estarán a disposición das entidades interesadas na sede electrónica do Concello da Coruña: https://sede.coruna.gob.es e na Base de Datos Nacional de Subvencións: http://www.infosubvenciones.es.

 As solicitudes deberanse presentar no modelo oficial establecido que se achega nesta convocatoria, na sede electrónica do Concello da Coruña https://sede.coruna.gob.es ou no Rexistro Xeral do Concello con destino ao Servizo Municipal de Deportes, no prazo de 20 días naturais a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia.  

O Goberno tamén acordou ampliarlle a prórroga forzosa do contrato para a xestión do Servizo público de Axuda a Domicilio (SAD II) á empresa CLECE, SA, por un prazo inicial de oito meses e un importe de 387.726 euros. 

Debido a situación de crise sanitaria provocada pola COVID-19, o Goberno municipal considera imprescindible que non se interrompan as prestacións domiciliarias que garantan un servizo básico e esencial e, por iso, decidiu prorrogar o contrato ata o 16 de decembro de 2020 agás que finalice o procedemento de contratación que dea continuidade a esta prestación e formalizarase o seu respectivo contrato administrativo nunha data anterior ao 16 de decembro. Neste caso, a prórroga finalizaría o día anterior ao día de inicio da prestación do servizo do novo contrato.  

Ademais, o Goberno local poderá, nos casos que resulte necesario, adoptar medidas sen atender aos procedementos habituais de contratación, e será suficiente a simple decisión facultativa para activar os servizos domiciliarios básicos. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión