31 de agosto de 2017
A concelleira de Facenda recorda a necesidade de que as administracións públicas se doten de persoal, “especialmente as municipais, minguadas polo goberno do Estado e as súas políticas austericidas”
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a nova Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello da Coruña, aprobada definitivamente pola Xunta de Goberno Local a semana pasada e que entrará en vigor mañá, un día despois da súa publicación. A nova estrutura aumenta o número de postos de traballo que pode asumir a administración local até os 2.140, un 7% máis dos que tiña a antiga estrutura organizativa levada a cabo polo anterior executivo local en 2013 --dous anos despois da súa chegada á María Pita--, que se establecía en 1.999 prazas. "O Concello pode asumir esas prazas, non obstante, é preciso que o goberno do Estado deixe de asfixiar ás administracións, especialmente ás municipais, con políticas austericidas", apuntou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, que recordou "as fortísimas limitacións á hora de repoñer persoal impostas pola lei de orzamentos xerais do Estado". "Con todo, a RPT que entra en vigor, e que foi negociada durante meses con sindicatos e representantes dos e das traballadoras, amplía as expectativas tanto no que atinxe á cobertura de prazas, como en posibilidades de promoción interna", salientou a responsable municipal.
"Esta nova relación está baseada, ante todo, na promoción dos e das traballadoras municipais con, por exemplo, a creación de novos grupos, así como o fomento dos principios de igualdade, mérito e capacidade", comentou a responsable municipal, que recordou que ao longo do proceso de formulación, o goberno local "articulou 10 mesas distintas de negociación cos sindicatos".
Ao fío, a titular de Facenda indicou que o goberno local segue adiante coa comunicación do acordo adoptados ás persoas, organizacións e entidades que presentaron alegacións, e que comezou co traslado de información aos sindicatos. O proceso puido habilitarse, de forma legal, unha vez que a RPT contou co visto e prace da Xunta de Goberno local. Ademais disto, e de cara a favorecer a total transparencia, a información sobre a nova RPT pode ser consultada por calquera traballador ou traballadora municipal ao estar colgada nunha plataforma de información municipal de uso interno. Por outra banda, a documentación esencial figura na web municipal de transparencia de cara a facilitar o acceso á información a toda a poboación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible