3 de xaneiro de 2017
O Concello substituirá de xeito inmediato os tres exemplares, afectados por un fungo, tal e como determina o informe derivado da análise dos tres exemplares, que indica que todos eles sofren “vulnerabilidade ante o vento” e unha “probabilidade de fallo potencial alta”
A Concellería de Medio Ambiente, área que dirixe María García, vén de recibir un informe sobre o estado de tres árbores situadas na zona verde do Paseo Marítimo de Riazor, fronte ao colexio Esclavas. Os resultados do estudo determinan que o risco de rotura das pólas é moi elevado, polo que o Concello coruñés actuará de urxencia e procederá a tallar mañá estes exemplares, que se atopan nunha zona de recreo moi transitada e que limita co centro escolar.
A elaboración do documento veu motivada pola caída dunha rama de grandes dimensións dun dos tres eucaliptos o pasado mes de decembro. Exteriormente, o exemplar non presentaba indicios visibles de rotura, polo que se levou a cabo unha analítica para determinar as causas reais da caída, que foi producida, segundo determina o informe, polo fungo Laetiporus sulphureus. A súa acción provoca que a madeira de toda a árbore --tanto as pólas, como o tronco ou a raíz-- adquira unha consistencia fráxil e, como consecuencia desta descomposición --que, aínda que sexa avanzada, os signos non se aprecian cunha observación ocular--, poida romperse con facilidade ou ser derrubada polo vento. Neste mesmo exemplar Medio Ambiente detectou, ademais, unha fenda aberta de grandes dimensións situada na rama principal, polo que o fallo é alto e o risco de impacto considerouse moi elevado.
Ademais deste eucalipto, identificáronse outros dous afectados que se atopan na mesma zona verde. As árbores, expostas a episodios de acción directa do vento do norte --o predominante na cidade-- e que se atopan protexidas só parcialmente por outros exemplares, presentan un estado semellante de "vulnerabilidade ante o vento" e unha "probabilidade de fallo potencial alta", polo que o Concello tamén procederá a actuar con urxencia nestes dous Eucalyptus globulus Labill.
A intervención sobre esas árbores comezará a partir das 09.00 horas de mañá, 4 de xaneiro. O Servizo de Medio Ambiente instalou xa un cartel informativo para advertir da próxima actuación na zona, e informa de que estes exemplares serán repostos, con carácter inmediato, por novas especies.

17 de decembro de 2025

13 de decembro de 2025

11 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible