19 de maio de 2015
O Concello coloca un posto de reparación de bicicletas na Mariña, aparca-bicis en Rúa Nova e un especial con forma de coche na contorna da praza de Lugo, e bombas de aire en Catro Camiños e no paseo marítimo de Riazor
A Concellería de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público que dirixe Begoña Freire informa de que hoxe, martes 19 de maio, comezou a instalación de novo mobiliario urbano dirixido a fomentar e potenciar o uso da bicicleta. En concreto, o Concello da Coruña coloca, en diferentes puntos da cidade, aparcadoiros especiais, bombas de aire e un posto de reparación de bicis para facilitar a utilización deste medio de transporte que favorece tanto os desprazamentos urbanos como o coidado do medio ambiente e a práctica da actividade deportiva.
Dentro dos compromisos adquiridos polo Goberno local coa aprobación do primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) da Coruña, o Concello incorpora nos espazos públicos elementos que contribúen á realización de desprazamentos en bicicleta. En concreto, empezouse a colocación dos seguintes elementos en puntos peonís da cidade, próximos a carrís-bici ou en lugares dun importe tránsito de bicicletas:
- Posto de reparación de bicicletas na nova zona peonil da Mariña -en concreto, na parte posterior do edificio da Autoridade Portuaria-. Trátase dun taller de bicicletas que inclúe un kit de 8 ferramentas suxeitas por cables de aceiro para facer reparacións e axustes no acto, unha bomba de aire, unha ancoraxe de roda e un soporte de reparación.
- Aparca-bicis con forma de coche (car-bike) na praza de Lugo, xunto á zona de estacionamento de motos. Esta infraestrutura de 4,5 metros de lonxitude converte unha praza de coche no aparcadoiro de 10 bicicletas. Grazas á súa forma de coche, transmítese a mensaxe de que a bicicleta é máis eficiente que o vehículo particular, á vez que serve de barreira para protexer as bicis estacionadas. Instalouse con éxito en Reino Unido e outras cidades de todo o mundo -por exemplo, en Australia, estudos recentes concluíron que a instalación dun car-bike na rúa aumenta o volume de persoas nos negocios da súa contorna-.
- Aparca-bicis con forma de volante na zona de Rúa Nova e as rúas Olmos e da Estrela. Este novo sistema que converte postes, farois ou elementos similares en lugares de estacionamento dunha ou dúas bicis foi galardoado nos British Parking Awards 2014 pola súa rápida e sinxela colocación sen necesidade de realizar obra pública. Así, permite aproveitar espazos e elementos comúns para o aparcadoiro de bicicletas. Ademais, reduce o número de roubos ao permitir o uso de cadeados en forma de U no canto de cadeas.
- Bombas de aire na rúa Puga y Parga e a Coiraza de Riazor. Neste último lugar, a bomba de aire incorpora, ademais dunha dobre opción de inchado (para válvula fina e de moto), un accesorio de suxeición de roda que permite utilizar o hinchador con maior comodidade e un barómetro para medir a presión dos pneumáticos.
Estas accións dirixidas a incrementar a utilización das bicicletas como medio de desprazamento diario súmanse á ampliación da rede de aparca-bicis recentemente levada a cabo, que multiplicou por 1,50 as localizacións dos puntos de aparcamento, construíuse o carril-bici á Universidade, está en execución o calmado de tráfico coa creación de ciclo-rúas en varios barrios da cidade, séguense levando a cabo accións de formación e concienciación, e convenios con asociacións ciclistas e entidades como a Rede de Cidades pola Bici.
Estas accións planificáronse no marco da execución do PMUS, terán continuidade e engadiranse outras suplementarias. Cada vez serán máis visibles e a súa finalidade é que a bicicleta teña unha clara presenza e espazo na vía pública, constituíndo -para cada vez máis usuarios- unha clara alternativa ao desprazamento motorizado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible